Frautas propiamente ditas

Falemos agora das frautas propiamente ditas que conservamos en Galicia, non sen antes aclararmos algo sobre a súa denominación. Segundo observa Ramón Andrés 1, frauta pode ser unha variante portuguesa do termo flauta. A orixe desta voz é moi controvertida, de flatulare (soprar en latín) puido xurdir flatüar e de aquí flaütar. Corominas (1954) indica que pode estar relacionado co occitano flauja, flaujol de onde puido pasar a outras linguas romances.

Como a maior parte dos instrumentos de vento, as frautas producen sons en virtude dunha columna de aire contida nun tubo e posta en vibración ben sexa polo sopro humano ou por medios artificiais. Nas frautas a vibración primaria, a que pon a vibrar o aire contido no corpo do instrumento, prodúcese porque o executante dirixe un sopro de aire contra un borde afiado, un bisel. Así fórmanse remuíños a intervalos regulares e o aire vibra. Deste xeito, unha embocadura co borde afiado é unha característica esencial de calquera tipo de frauta; dependendo da forma que teña esta embocadura diferéncianse tres tipos:

-Frautas verticais: a embocadura está formada pola abertura superior do tubo contra a que se sopra de xeito oblicuo.

-Frautas traveseiras: o extremo superior do tubo está tapado e o orificio para soprar ábrese nun costado, sitúase debaixo dos beizos que son os que envían un sopro de aire contra o borde dese orificio.

-Frautas de pico ou frautas rectas: existe tamén un orificio nun costado do instrumento, pero non para soprar nel directamente cos beizos; o extremo superior do instrumento está tapado pero deixa un canal estreito, chamado aeroduto, polo que o alento do músico é dirixido contra o borde afiado dese furado lateral.

Ver notas
  1. [1] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 160.
Patrocinadores e colaboradores