Frautas globulares

As frautas globulares son aquelas que non están abertas polo extremo oposto ao bisel, é dicir, só teñen unha abertura, a do bisel, e varios furados dixitais para emitir diferentes sons. A esta familia pertencen as ocarinas, un tipo de frautas de barro cocido que non temos documentadas dentro do noso sistema de cultura tradicional durante o século XX. Ernesto Veiga de Oliveira si as acha en varios lugares do veciño Portugal 1 formando parte do seu instrumentario tradicional e documentando incluso obradoiros de fabricación en Barcelos e Caldas da Raínha, polo que quizais na súa época de apoxeo en Europa tamén fose un instrumento empregado en Galicia, aínda que con certeza dun xeito moi limitado, pois non deixou rastro nin sequera no folclore infantil.

A finais do século XX Manuel Barreiro desenvolveu en Santiago de Compostela un taller de fabricación de ocarinas e “asubíos”, unhas pequenas frautas globulares. Este artesán coñecido como “Paparolo” fabrica e vende estes instrumentos musicais que foron empregados nalgunhas agrupacións musicais galegas.

Ver notas
  1. [1] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Fundação Calouste Gulbenkian/Museu Nacional de Etnologia. Lisboa, 3ª Ed. 2000, p. 317.
Patrocinadores e colaboradores