Frautas e outros instrumentos de tubo duplo

Frauta de tres furados salmantina onde se poden apreciar as anelas para evitar que a madeira fenda. Fotografías Alba Vázquez Carpentier.

Trátase de dúas frautas de bisel que son introducidas ao mesmo tempo na boca e soan simultaneamente. É un instrumento que xa non se usa dende hai séculos en Galicia, malia que si aparece noutras culturas como a indú, onde unha das frautas emite a melodía, mentres a outra fai un bordón sobre a tónica. En centroeuropa as dúas frautas son labradas nunha mesma peza de madeira.

En Galicia temos moi numerosas representacións iconográficas pertencentes ao período románico que nos indican que antano foi un instrumento empregado polo menos na música culta. A máis fermosa e perfecta delas áchase no pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, pero tamén nun canzorro da fachada de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela aparece un músico que parece tocar este instrumento. O mesmo sucede nas igrexas de San Martiño de Moaña (Pontevedra), San Pedro de Ansemil (Silleda, Pontevedra) ou nos pórticos do mosteiro do Carboeiro (Silleda, Pontevedra) e da igrexa de San Xoán de Portomarín (Lugo).

Os organólogos discuten sobre se estes instrumentos son ou non frautas de bisel. Os séculos románicos seméllanlles demasiado temperáns pois as frautas de bisel aparecen con propiedade na música culta durante o Renacemento, pero debemos lembrar que están a falar da frauta de bisel de oito furados, a que se toca coas dúas mans á vez, e este non é o noso caso. Nas frautas duplas manéxase un instrumento con cada man e polo tanto non se diferenciarían das frautas de tres furados tocadas co tambor en nada, e estas frautas están xa perfectamente documentadas no século XIII, por exemplo nas Cantigas de Santa María. No caso do pórtico do Paraíso estamos convencidos de que o aerófono que toca o ancián nº 2 é efectivamente unha frauta dupla, pois aprécianse con moita claridade os biseis, os catro furados na cara superior de cada instrumento, así como diversos aneis de reforzo ao longo dos fustes, característica esta aínda presente nas frautas de tres furados de moi diversos lugares da península ibérica que cumpren a función de evitar que as frautas rachen e que non aparecen nas frautas de bisel renacentistas. A única diferenza dos instrumentos deste ancián coas frautas de tres furados é que teñen catro buratos para os dedos na cara superior en lugar de dous, pero tratándose de instrumentos cultos e existindo a posibilidade real de manexar estes catro furados cunha soa man, tampouco nos resulta nada estraño. Este ancián só introduce na boca unha das dúas frautas, a que ten na man dereita, probablemente porque os anciáns deste pórtico están en actitude de afinar e non de tocar, porén, o resto de iconografías galegas amosan os músicos introducindo os dous instrumentos na boca, malia que nestas non se aprecia con claridade o tipo de aerófono que están a tocar. En todo caso, cómpre facerse agora outra pregunta respecto a estas outras iconografías: se non se trata de frautas duplas, que outro tipo de aerófono de dous tubos se representa nelas? A resposta é doada: só poderían ser óboes duplos semellantes ás tibiae romanas ou aos aulòs gregos, instrumentos de lingüeta dupla da antigüidade clásica que, segundo se pensa, se extinguiron moito antes dos séculos románicos e dos que non quedaron restos na música culta occidental, aínda que si algún na música tradicional, caso da gaita de castiñeiro de Vilariño de Conso (Ourense) que representa, que nós saibamos, o único óboe duplo de tubo cilíndrico soprado directamente coa boca que herdamos na actualidade. Quizais esta gaita dupla de Vilariño de Conso poida dar a clave para repensarmos se algunha destas iconografías románicas non representarán en definitiva algún tipo de óboe duplo que sobreviviu en Galicia ata os séculos románicos. En apoio desta hipótese cómpre salientar un feito: as frautas son sempre tubos exteriormente cilíndricos ou moi lixeiramente cónicos pero en sentido decrecente cara ao extremo distal, porén, a iconografía do salón do pazo de Xelmírez amosa moi claramente un músico que porta un instrumento con dous tubos cónicos que incrementan moito o seu diámetro cara ao extremo distal. Vista a vocación de realidade das iconografías desta sala, como podemos pensar que se trata dunha frauta dupla se nin sequera se lle representaron os biseis? Nós apostamos claramente pola opción de que este músico tocaba nun óboe duplo, que por certo pasaron da morfoloxía cilíndrica á cónica moito antes dos séculos románicos. Deste xeito, moitas das iconografías románicas xa mencionadas poderían representar este tipo de instrumento e non frautas duplas. Por último, e para non obviar ningún dato respecto aos instrumentos de tubo duplo tocados directamente coa boca, indicar que tamén hai indicios de que algún tipo de trompeta ou corno se puido empregar deste xeito, véxase senón a miniatura da cantiga 360 das Cantigas de Santa María (códice j.b.2, século XIII) ou o tocador de dous cornos que aparece nun dos nervos da igrexa de San Francisco de Betanzos (A Coruña, século XIV).

Patrocinadores e colaboradores