Frauta (2)

Frauta de tres pechos en madeira de buxo achada na Ulla. Fotografía do autor.

Esta mesma denominación aplícase tamén a unha frauta traveseira fabricada por torneiros especializados, normalmente en madeira de buxo, malia que tamén se fixeron doutras madeiras diferentes, ás veces máis cativas. A este respecto Carlos Rei recolle da lírica tradicional estas dúas coplas 1:

Esta miña frauta vella

toda feita de alcipreste

queda aquí, riba do banco,

pra que toque quen lle preste

[IMLTG, 138]

Teño de prantar un teixo

á porta da miña cuñada,

para facer unha frauta

para tocar na fiada

[IMLTG, 138]

Estas frautas fabricábanse en tres seccións, partes ou, seguindo a terminoloxía da Ulla, pechos. A primeira, cilíndrica no seu interior, contiña o furado para soprar, duns 10-11 mm de diámetro; na súa parte proximal ía pechada cunha cortiza e un tapón de madeira que sobresaía por este extremo da frauta. A segunda, que empataba con esta primeira mediante un espigo, contiña os tres primeiros furados dixitais e na súa parte distal tiña outro espigo que se introducía na terceira sección. Esta contiña os outros tres furados para os dedos. Estas dúas seccións teñen forma lixeiramente cónica tanto interior como exteriormente.

Posto que este tipo de frauta traveseira carece de chaves e ten xa parte do tubo interior cónico, poderiámola asimilar aos modelos que xurdiron inmediatamente despois do Renacemento e que conduciron á frauta traveseira barroca.

Estas frautas de tres seccións vendíanse nas feiras ou se encomendaban a un artesán e, como as frautas de cana e sabugueiro, foron entretemento de mozos e adultos. Os rapaces interesados na música comprábanas para practicar con elas esta afección, e temos bastantes testemuñas de gaiteiros que practicaban as súas melodías con elas cando non era posible tocar a gaita de fol. Foron instrumentos de aprendizaxe, ben da gaita de fol, ben doutros tipos de frautas. Normalmente non se empregaron para tocar con outros instrumentos, pero si ás veces para facer algún baile. Non temos ningunha referencia do seu uso polas rapazas ou mulleres.

Dentro do noso sistema de cultura tradicional son consideradas a priori como verdadeiros instrumentos musicais, pois son fabricadas a mantenta para emitiren melodías e usadas normalmente por mozos ou adultos; con todo, se non están ben acabadas, ou eran de madeiras cativas e tocadas por nenos, pasan a ser consideradas como xoguetes.

Neste grupo das frautas apreciamos con moita claridade como operan os marcadores ocultos, pois é definitorio se son tocadas por nenos, fabricadas para eles, o seu nivel de construción (por un artesán ou por un neno ou mozo, influíndo tamén o tipo de madeira empregada), a ocasión en que eran tocadas, para facer un baile, adestrar ou pasar o tempo etc. Deste xeito, nos seguintes tipos de frautas traveseiras que imos explicar non son posibles as ambigüidades e considéranse taxativamente como verdadeiros instrumentos musicais.

Ver notas
  1. [1] Rei Cebral, C. Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Obra inédita, en prensa, p. 138 no orixinal.
Patrocinadores e colaboradores