Follas estendidas entre os dedos

Considerado en Galicia como un xogo de nenos, consiste en estender entre os polgares das mans unha folla de herba suficientemente grosa e forte como para soportar unha certa tensión. Póñense os polgares en paralelo, contactando as súas bases e puntas, deixando un espazo oval no medio. Situando aí a folla tensa e soprando por ese furado prodúcese, ao vibrar a folla, un son semellante ao canto rouco dalgúns paxaros. Este son pode ser modulado de forma imprecisa tensando máis ou menos a folla encollendo ou estirando os indicadores, ou tamén abrindo e pechando a cavidade formada polas palmas das mans onde resoa o son.

En opinión de Curt Sachs 1, este podería ser un dos aerófonos máis antigos e sinxelos, pois é coñecido polos nenos de todo o mundo. Este mesmo autor opina que nas súas orixes este instrumento debeu ter un marcado carácter máxico debido ao impredicible do seu son que realmente non responde a un impulso motor, senón que parece emanar dalgún espírito que habita no mesmo corpo do instrumento. Restos destas simboloxías aínda se achan entre os indios taulipang, na Guaiana, quen cren que se a folla é de certa clase de cana, o seu son provocará a choiva. En Madagascar está estritamente prohibido facer lingüetas de cinta dos talos do arroz antes de gardar a colleita, por medo a atraer a sarabia. Na Melanesia, os nenos iniciados sopran unha folla de herba para escorrentar as mulleres.

Nin en Galicia, nin que saibamos no resto da península Ibérica, fican restos de ningún significado máxico ou ritual destes sinxelos instrumentos, que ben poden pertencer aos estratos máis antigos do noso instrumentario. As lingüetas de cinta, como outros instrumentos sinxelos que inicialmente cumpriron importantes papeis dentro dos rituais máxico-relixiosos das comunidades, foron co tempo relegados ao seu emprego no folclore infantil como consecuencia da perda do seu significado ritual.

En sistemas culturais máis complexos áchanse tipos máis desenvolvidos desta clase de aerófonos. Un dos máis importantes, por ser antecesor de instrumentos futuros, está feito dunha folla de pasto longa e larga, enrolada en espiral formando unha especie de funil. A punta delgada da folla, ou outra folla diferente, atravesa o orificio superior. En Galicia non achamos este tipo de instrumentos, pero si un moi semellante e probablemente derivado del: as tobas empregadas na Fonsagrada e no Courel.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs as follas así tocadas constitúen un aerófono ceibe de interrupción con lingüeta en fita (subgrupo 412.14). No noso sistema de cultura tradicional non son instrumentos musicais propiamente ditos, senón un xogo de nenos e nenas.

Ver notas
  1. [1] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 37.
Patrocinadores e colaboradores