Foguetes, petardos, estalotes

A súa consideración como instrumentos musicais podería parecer moi forzada, mais xa no 1919 Montandon 1 chamaba a atención sobre os instrumentos que producen este tipo de ruídos e propoñía a súa introdución dentro das clasificacións dos instrumentos musicais. Non debemos pensar que este tipo de instrumentos son cousa moderna, pola contra, o seu uso pode ser moi antigo: por exemplo, os nenos ciokwe do Congo collen un talo de bambú pechado polos dous nós e quéntano no lume, de xeito que o aire que contén se pon a presión, entón tírano contra unha árbore e estoura con forza; o mesmo fan os laman cunha herba chamada dungi 2. Quen de nós non colleu nunca unha flor de estalote (Digitalis purpurea) e a fixo estalar? Isto mesmo fan tamén os rapaces ciokwe pero coas follas dunha planta que forman unha cavidade semellante á dun estalote.

En todo caso, o certo é que os foguetes e os petardos, como todos estes vexetais, serven para expresar unha emoción, malia que non a través dunha serie organizada de sons. Os foguetes eran e son empregados como anunciantes inequívocos das nosas festas e serven tamén para comunicar a emoción dos veciños precedendo moitas veces aos grupos de música, anunciando a súa chegada ou a súa presenza nunha casa; é aquí cando a figura do fogueteiro cobra carta de natureza converténdose nun personaxe típico nos nosos festexos. O estoupido dos foguetes mestúrase tamén cos repeniques das campás durante as procesións dos días grandes das festas patronais e forman, polo tanto, parte fundamental do ambiente sonoro das festas galegas. As coplas tradicionais non son alleas á importancia dos foguetes e puidemos achalos mencionados en varias delas:

Cando queirandes mandar

avisarendes pirmeiro

que vos imos acadar

con foguetes e gaiteiro

[CPBL, 54]

Os xuramentos de amor

son foguetes disparados,

empezan con moito fuego

e acaban coma petardos

[CFG, I, 179]

O fogueteiro de Santa Mariña

un foguete na misa botou,

non sei que demo de pólvora tiña,

que todo o mundo da iglesia marchou

[CFG, III, 73]

Entrando na vila

Berrando e correndo

As casas vestidas

De cores diversos,

Todas ateigadas

De mil forasteiros,

Nos ares estralos

De pólbora cheos,

Foguetes, é bombas,

Palenques de a trueno.

[AGG, 100]

Segundo Pablo Pérez Costanti foi en Santiago de Compostela onde por primeira vez se estableceu unha pirotecnia en Galicia, datando do século XVI unha das primeiras novas a este respecto en forma de bando do Consistorio do 31 de agosto do ano 1551: “que ninguna persona eche ningunos coetes no otra invención de fuego, de noche, por la dha ciudad, so pena de cien azotes3. No 1695 prohibíronse de novo o uso dos foguetes por consideralos un gasto innecesario nun ano de moita fame “pues se observa que en las funciones particulares de cofradías y mayordomías, se hace derroche en tales fuegos, de que resultan graves daños muy perjudiciales a la honra de Dios como también a la conservación de los caudales y origina falta de caridad con los pobres; y además, con el consumo de la pólvora no quedar para la defensa pública y el Real servicio4. Segundo relata o autor das Notas viejas galicianas, contra esta medida protestaron ante a Audiencia Sebastián de Cancela, Jorge López da Viña, Antonio Varela, José Liñares e Francisco Carbia, mestres pirotécnicos que daquela había en Santiago de Compostela e que como vemos non eran poucos, por canto deducimos que xa había moito gusto por estes artefactos a finais do XVII. No 1735 o Concello prohibiu a fabricación de “bombas”, innovación que viña de ser introducida nas celebracións do Apóstolo pois o estourido estremecía os edificios e podían causar danos maiores “teniendo la experiencia enseñado que una que cayó en la Quintana de muertos el día víspera de nuestro Patrón, sacó la vida a un muchacho5. Parece que o gusto da xente polas bombas e foguetes puideron coas prohibicións e seguiron fabricándose, documentándose no 1737 o incendio dunha pirotecnia no barrio de Santa Clara o que motivou que, dende aquela, os talleres tivesen que instalarse fóra da cidade.

Hoxe a tradicional celebración pirotécnica en honra ao apóstolo Santiago segue a ser a máis sonada de Galicia xuntando cada ano milleiros de persoas.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs este tipo de instrumentos de explosión pertencen ao grupo 413.1. Os galegos non os consideramos instrumentos musicais pese a aprecialos como útiles produtores de ruído e transmisores dunha emoción.

Ver notas
  1. [1] Montandon, G. “La généalogie des instruments de musique”. En: Archives Suisses d’Anthropologie Générale, 1919. Vol. III, 1, p. 67.
  2. [2] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, pp. 23-24.
  3. [3] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 113.
  4. [4] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 113.
  5. [5] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 114.
Patrocinadores e colaboradores