Corno (con pallón)


Nalgúns lugares de Galicia, nomeadamente na comarca de Bergantiños, temos novas de cornos de vaca capaces de emitir sinxelas melodías. Fabricábanse cortándolles a punta e poñendo alí un pallón. Despois fornecíanse con tres pequenos furados para os dedos, duns 5-6 mm de diámetro, que se situaban máis ben cara á parte superior do corno e separados entre si uns 23-25 mm. Deste xeito emitían catro notas coas que se podían compoñer pequenas melodías. Pouca máis información puidemos obter deste instrumento que, ao parecer, era unha especie de xoguete de nenos. En todo caso, si é curioso observar que sería un exemplo moi antigo de clarinete con resoador, é dicir, cun pavillón cónico (o corno) no extremo distal do instrumento. Estes pavillóns, pese a teren unha influencia moi sutil no son dos clarinetes que o levan, aínda se conservan no clarinete moderno de chaves, así como en especies tradicionais de todo o mundo como o pibcorn galés, a jaleica rusa, a ghita exipcia, o alboka vasco ou mesmo na rosca do Baixo Miño e na pipa do Bierzo, por citarmos tamén dous exemplos da terra dos que pronto imos falar. Moitos destes instrumentos, igual que estes cornos, adoitaban levar o borde do pavillón dentado.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs os cornos con pallón e furados dixitais encadraríanse no grupo 422.212 dos clarinetes con tubo de luz cónica, xunto co saxofón e un tipo de corneta de metal.

Patrocinadores e colaboradores