Caramela

É outro instrumento típico de pastores de cabras, pois tamén se confeccionaba empregando un corno deste animal. Era idéntico en uso e función ao pito cabreiro. Porén, a diferenza con este residía en que na caramela o bisel ía labrado na parte ancha do corno, que é pola que se sopraba. A punta non se cortaba e polo tanto a caramela era unha frauta pechada, globular, que tiña un son bastante semellante ao dunha ocarina.

O bisel labrábase tamén nun dos lados do corno, na parte convexa, e o aeroduto fabricábase polo mesmo sistema da cera fundida. As caramelas levaban normalmente tres furados duns 5 mm de diámetro, afastados uns 22-25 mm, que lle permitían, usando dixitacións cruzadas, a obtención de máis dunha oitava. Tamén aparecían instrumentos con catro furados. O seu son sorprende por dozura e suavidade, sendo realmente moi agradable. Este instrumento puidémolo documentar unicamente nas montañas da Fonsagrada a través de Justo Bolaño (gaiteiro de Pacios de Mourisco, A Fonsagrada) quen llo vira tocar ao seu pai. Non obstante, as caramelas aparecen descritas xa nos tratados sobre instrumentos musicais de Sebastian Virdung (1511) 1 e Martin Agricola (1529) 2 pero dotada con sete orificios para a dixitación. Segundo nos informa Ramón Andrés 3, este instrumento, coñecido en Europa como gemshorn ou cor de chamois, literalmente “instrumento feito con corno de gamuza”, gozou de certa estima nos séculos XV e XVI. Usouse especialmente para o acompañamento das danzas cortesás nas que adoitaban a participar conxuntos destes instrumentos de diferentes tamaños afinados en catro tons distintos.

Caramela reproducida polo autor a partir das informacións do gaiteiro Justo Bolaño (Pacios, A Fonsagrada, Lugo). Fotografías Alba Vázquez Carpentier.

Por outra parte, instrumentos notablemente semellantes á caramela, e tamén aos pitos cabreiros, fabricados con cornos de diferentes animais aparecen profusamente en África central 4, curiosamente moitas veces dotados tamén con só tres furados, malia apareceren tamén exemplares de dous, o que tamén ocorre en Galicia con algunhas cornetas.

As caramelas comparten cos pitos cabreiros a súa masculinidade, aprecio polos tocadores e consideración como verdadeiro instrumento musical. Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs pertencen a unha clase diferente que os pitos cabreiros, pois estamos a falar dunha frauta globular, pechada completamente, que se encadra no apartado 421.221.42.

Ver notas
  1. [1] Virdung, S. Musica Getustch. Basilea, 1511. Reimp. en facs. por L. Schrade, Kassel, 1931.
  2. [2] Agricola, M. <em>Musica instrumentalis deudsch.</em> Wittenberg, 1529. Reed. Facs. Hildesheim, 1969.
  3. [3] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 203.
  4. [4] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, p. 295.
Patrocinadores e colaboradores