Aerófonos de lingüeta sinxela

Como xa explicamos, neste apartado imos tratar dos instrumentos soprados coa boca que soan porque o aire contido no corpo do instrumento é posto en vibración por medio dunha lingüeta sinxela. Este tipo de mecanismo consiste normalmente nun tubiño de cana, aberto só por un extremo, do que se separa parcialmente unha lingüeta nun dos seus laterais. Ao meter a lingüeta na boca e soprar cara ao extremo aberto, o aire pasa a través da lingüeta, bate esta contra o tubiño e emite un son. A parte aberta do tubo é a que se inserta no corpo do instrumento. Se a lingüeta se labra no propio corpo do instrumento denomínanse estes instrumentos clarinetes idioglotos, mentres que si a lingüeta se pode separar do instrumento, chámanse entón clarinetes heteroglotos.

A documentación que existe sobre os clarinetes no mundo amosa que a súa forma máis sinxela consiste nun tubiño de cana, talo de gramínea, xunco ou outros materiais semellantes, nos que se labra a lingüeta e varios furados para os dedos. Seguramente os clarinetes foron primeiro idioglotos aparecendo despois os heteroglotos; máis tarde dispuxéronse por pares para seren tocados simultaneamente coa boca. Aínda despois, a algúns destes instrumentos, tanto fosen dun tubo como de dous, engadíuselles un fol, aparecendo así a familia de gaitas de fol con cantores de tipo clarinete.

Todos os autores que, como Sachs ou Schaefner, se encargaron de intentar dilucidar a orixe dos instrumentos musicais, concordan en que os clarinetes son máis antigos que os óboes; quen o sabe, pero os clarinetes aparecen xa entre os primeiros instrumentos musicais dos que se teñen novas na civilización mesopotámica. Nós pensamos que, con toda seguridade, o home os coñeceu moito antes, pois gozan dunha enorme área de distribución, mais a súa fabricación en materiais como a herba, a cana ou a madeira non debeu deixar rastro deles. En todo caso, algúns aerófonos que aparecen nas escavacións arqueolóxicas, construídos en tubos de óso con furados dixitais, ben puideron pertencer a esta clase de instrumentos aínda que será difícil determinalo porque as lingüetas sempre se fabrican en materiais de duración limitada como a cana ou a palla.

Este rapidísimo percorrido pola historia dos clarinetes ten só por obxecto ofrecer un pequeno marco evolutivo que nos permita situar ordenadamente os clarinetes que aparecen na nosa música tradicional. Deste xeito, imos proceder historicamente partindo dos máis sinxelos para rematar nos máis complexos, non sen antes destacar que os galegos gardamos no noso instrumentario, como ocorre co grupo das frautas, practicamente toda a historia deste grupo de instrumentos, é dicir, desde o clarinete máis sinxelo construído cunha lingüeta nunha palla e sen furados tonais, pasando polos clarinetes de cana e por diferentes gaitas de fol con punteiros tipo clarinete, ata chegar aos complexos clarinetes e saxofóns con chaves.

Patrocinadores e colaboradores