Acordeón, cordión

Acordeón diatónico. Colección de Félix e Cástor Castro Vicente.

Os acordeóns consisten basicamente nunha filharmónica á que se lle acola un fol. En 1822 Buschmann agregoulle á súa harmónica orixinal un fol de coiro vertical. Un construtor de instrumentos musicais vienés, Cyrillus Demian (1772-1847), apropiouse da idea e desenvolveuna, de xeito que en 1829 construíu o primeiro acordeón.

Consiste en senllas caixas de madeira unidas por un fol flexible que se pode abrir e pechar. Estas caixas conteñen na súa parte interior unhas ringleiras de lingüetas. Ao accionar o fol manualmente, abrindo ou pechando o instrumento, o aire pasa polas lingüetas. Na parte exterior destas caixas de madeira o acordeón leva un teclado que permite escoller as lingüetas que soarán. A caixa da man dereita porta un teclado que executa a melodía. En 1880 engadíuselle o segundo teclado para a man esquerda que permitía facer un acompañamento á melodía da man dereita. A partir deste momento, o acordeón entrou con forza nas músicas tradicionais de practicamente toda Europa, non sendo unha excepción a nosa. O acordeón fai festa il só, escoitámoslles moitas veces aos nosos paisanos, de xeito que na nosa terra foi este instrumento o encargado de animar infinidade de bailes. Tanto foi así, que moitos dos gaiteiros que coñecemos responsabilizan a este instrumento do gran declive que a gaita de fol sufriu a mediados do século XX. Exactamente isto é o que nos conta Eladio Rodríguez no seu dicionario (1958-1961) que é o primeiro dos galegos que recolle esta voz: “s. m. Acordeón, instrumento músico con producción mecánica para el viento y con teclado para las manos. Este monótono instrumento, de sonido sumamente desagradable, ha hecho su aparición en Galicia a mediados del siglo XIX, y se infiltró en nuestras aldeas, acompañado a veces de la flauta y redoblante, reemplazando en parte a la dulce gaita gallega en romerías, foliadas y otras diversiones campesinas.

É moi curioso observar como no nome orixinal deste instrumento, acordeón, en masculino, a “a” inicial foi interpretada polos paisanos e paisanas como o artigo feminino pasando o instrumento a denominarse “a cordión” e adquirindo desde aquela xénero feminino.

En Galicia empregáronse fundamentalmente dous tipos de acordeóns: un máis antigo, denominado de botóns, que premendo o mesmo botón ou tecla produce unha nota diferente segundo se peche ou se abra o fol; tamén se denomina a este tipo acordeón diatónico, pois só se pode producir con el unha escala diatónica. O outro tipo, máis moderno, posúe normalmente un teclado semellante ao dun piano, malia que pode ser tamén de botóns, sendo denominado por iso acordeón piano. Este tipo de acordeón produce a mesma nota ao abrir e ao pechar o fol, sempre que se manteña premida a mesma tecla, e pode producir escalas cromáticas.

Acordeonista da Ulla (c. 1950). Arquivo fotográfico do autor.

O acordeón de botóns usouse fundamentalmente asociado a músicos solistas, e o piano tamén, malia que xa desde mediados do século XX, aparece integrado en grupos musicais máis amplos como as murgas ou charangas ao pé de gaitas de fol, clarinetes, requintos e saxofóns. Máis raramente aparecen tamén conxuntos de acordeón con frautas e/ou violín. Na lírica tradicional o acordeón aparece mencionado escasas veces debido á súa recente introdución:

Eí veñen os da Barquiña

eí vén a divertisión

eí veñen os da Barquiña

tocando n’acordeón

[CPGDS, IV, II, 155] Serra de Outes.

Tes un corpiño gaiteiro

i un andar de acordeón,

non seas ruín, galeguiña,

deixa que baille iste són

[CPLB, 159]

Catro bailan si,

catro bailan non,

e no medio deles

toca o acordeón

[IMLTG, 160]

A mediados do século XX a familia dos Poceiros en Pontevedra especializábase, ademais de na fabricación de gaitas de fol, na montaxe, reparación e afinación de acordeóns, polo que foron coñecidos en boa parte de Galicia.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs os acordeóns pertencen ao grupo 412.132 dos aerófonos libres de interrupción, formados por lingüetas en xogos. En Galicia foi, ata non hai moito, un instrumento reservado exclusivamente aos homes, sen que teñamos novas de mulleres que o tocasen. A consideración dos acordeonistas foi e é alta, e tamén os instrumentos foron e son tidos en grande estima polos seus donos. Desde hai uns poucos anos, e despois de ser o acordeón diatónico substituído practicamente polo acordeón piano, asistimos a un revival deste instrumento, en mans de homes e mulleres, con multitude de escolas onde se ensina a tocalo e cunha morea de grupos que o empregan.

Patrocinadores e colaboradores