Introdución


Dentro das fontes bibliográficas centradas nas coplas tradicionais, quere unha mención moi especial a obra de Carlos Rei Cebral Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 1 na que se fai unha análise de cantas coplas o autor puido achar en relación cos instrumentos musicais e que, aínda estando inédita, amablemente nos permitiu consultar para elaborar este traballo. Faremos referencia a ela coas siglas [IMLTG, páxina no orixinal mecanografado]. Outra obra deste estilo que empregamos foi a enorme colección de coplas de Domingo Blanco 2 á que tivemos acceso en formato dixital o que facilitou moito o labor de pescuda, citarémola mantendo o código que o autor asigna a cada copla: [PPG, código].

Por último, unha obra que pese a non ser un cancioneiro, si contén abundante información sobre a música e os instrumentos musicais de mediados do século XIX, e da que citaremos numerosas composicións, é A gaita gallega tocada polo gaiteiro de Xoán Manuel Pintos Vilar 3 á que nos referiremos como: [AGG, páxina].

Nesta mesma categoría de fontes documentais áchanse tamén os dicionarios, instrumentos de grande utilidade para seguirmos a evolución das diferentes denominacións dos instrumentos musicais ao longo do tempo, así como para rastrexar a súa existencia. Usamos con frecuencia os dicionarios de Sebastián de Covarrubias 4 [Covarrubias (1611)] e o de Autoridades 5 [Autoridades (1732)]. Xa en Galicia, usamos unha excelente ferramenta informática -des-e–ñada polo Instituto da Lingua Galega (ILG): o Dicionario de dicionarios 6, obra coordinada por Antón Santamarina que permite a consulta dos dicionarios e coleccións lexicográficas que citaremos exactamente como se fai nesta aplicación: Sarmiento (1745-1770), Sobreira (1787-1805), Reguera (1840), Rodríguez manuscrito (1855), Rodríguez (1863), Pintos (1865), Cuveiro (1876), Valladares (1884), Valladares inédito (1896-1902), Porto (1900), Leiras (1906), Academia (1913-1928), Filgueira (1926), Carré (1928-1931), Acevedo (1932), Aníbal (1949-77), Pereda (1953), Ibáñez (1956), Eladio (1958-1961), apéndice Eladio (1961), Franco Grande 2ª ed. (1972), Carré (1972), Carme Ríos (1977), Elixio (1978-2001), Constantino García (1985) e Losada, Castro e Niño (1992). Para buscar os étimos dalgúns nomes de instrumentos musicais recorremos decote ao dicionario etimolóxico de Joan Corominas 7, ao que nos referiremos como Corominas (1954). Por último, para documentar a historia xeral de moitos instrumentos musicais usamos decote unha obra de referencia: o Diccionario de instrumentos musicales de Ramón Andrés 8, pero este, pola súa importancia, aparecerá citado no propio texto.

Outra fonte importante para a elaboración deste traballo foi a iconografía. Posto que polo de agora carecemos en Galicia dun estudo sistemático e amplo de toda a nosa iconografía musical, tivemos que nos apoiar en obras parciais, iso si, todas de excelente calidade, tanto referidas a iconografías antigas pintadas ou esculpidas, como as do Padre Calo ou Faustino Porras, como a traballos sobre fotógrafos de finais do século XIX e principios do XX, que tivemos que completar co propio traballo do autor sobre o terreo.

Sobre a descrición dos instrumentos musicais

De cada un dos diferentes tipos de instrumentos musicais describiremos a súa forma, a maneira en que se constrúen e onde ou como se conseguían. Tentaremos explicar como se tocan e por quen, e intentaremos verter algunhas verbas sobre a súa posible historia e o seu -desen-volvemento durante o século XX. Falaremos tamén da orixe das denominacións dos instrumentos musicais, xa que en moitos casos axudan a comprender a súa historia, e non esqueceremos un aspecto moi interesante neste mesmo sentido: as filiacións sexuais, gremiais ou de idade dentro do noso sistema de cultura tradicional. Incluiremos ademais algunha que outra explicación sobre os significados ou asociacións místicas ou máxicas dos instrumentos musicais. Xa sabemos que esta é unha ciencia dalgún xeito demodée entre os estudosos dos instrumentos de música, pero sentimos unha atracción inevitable cara a estes temas e a corroboración in situ, a pé de rueiro, de tantas opinións dos profesores Marius Schneider 9 (a nosa guía fundamental neste campo) ou Curt Sachs, animáronnos tamén a incluír estas curiosas explicacións.

Ver notas
  1. [1] Rei Cebral, C. Os Instrumentos musicais na lírica tradicional Galega. Inédito. Vilagarcía de Arousa, 2002.
  2. [2] Blanco, D. A poesía popular en Galicia (1745-1885). 2 volumes. Ed. Xerais. Vigo, 1992.
  3. [3] Pintos Villar, X. M. A gaita gallega tocada polo gaiteiro. Imprenta de don José y don Primitivo Vilas. Pontevedra 1853. Reedición facsímil de La Voz de Galicia. A Coruña, 1981.
  4. [4] Covarrubias, S. Tesoro de la lengua castellana o española. Madrid, 1611. Reimpreso en Barcelona, 1987. Tamén se pode consultar en rede en: http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/ 80250529545703831976613/index.htm
  5. [5] Real Academia Española. Diccionario de la lengua castellana en que se explica el verdadero sentido de las voces [...]. Imprenta de la Real Academia Española por la viuda de Francisco del Hierro. Madrid, 1732. Consultado en: http://buscon.rae.es/ntlle/SrvltGUIMenuNtlle?cmd=Diccionario&sec=1.0.0.0.0.
  6. [6] Santamarina, A. (Coordinador). Dicionario de dicionarios. V. 3.0. Instituto da Lingua Galega.
  7. [7] Corominas, J. Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico. 4 volumes. Madrid, 1954.
  8. [8] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001.
  9. [9] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998.
Patrocinadores e colaboradores