Introdución


O obxectivo principal deste traballo é poñermos de manifesto a nosa riqueza de instrumentos musicais e aproximarnos á súa historia. Quen sabe se pola propia paisaxe morriñenta, se pola forte opresión secular sufrida pola nosa cultura ou se polos propios camiños que esta seguiu, o caso é que os galegos acabamos por desenvolver un carácter dominado por unha certa tristura e aceptación. Un pobo así non pode vivir se non xera algunha clase de mecanismo compensatorio e este é, para nós, a festa, a música, o canto e o baile. Deste xeito nacen innúmeras manifestacións lúdicas e musicais onde expresamos unha rica emocionalidade. A nosa abundancia en instrumentos musicais non é máis que unha faceta desta riqueza musical e emocional, e dela imos dar conta nesta obra, para que nos decatemos como un pobo que ocupa unha pequena extensión xeográfica ten, comparativamente, un dos maiores acervos instrumentais do planeta, conservando instrumentos musicais que son verdadeiras pezas arqueolóxicas.

Todos sabemos de xeito intuitivo o que é ou pode ser un instrumento musical, pero definilo, malia parecer sinxelo, non o é en absoluto. Unha grande cantidade de ferramentas e útiles pensados para realizar as máis diversas labores, en absoluto relacionadas coa música, convértense decote en instrumentos musicais, e son empregados ocasionalmente para facer música; nisto os galegos somos, desde logo, absolutos especialistas. Poderiamos dicir que un instrumento musical é calquera obxecto empregado para facer música, trasladando así o problema a definir o que é a música.

É moi complicado describir ou definir a música coa linguaxe por unha razón moi sinxela: a linguaxe é limitada a hora de falar das emocións e sendo a música, sen dúbida, a linguaxe destas, sendo o mellor xeito que temos de transmitir unha emoción, os recursos técnicos da escrita e da fala vólvense moi limitados para describila; de feito, a propia fala procura recursos musicais (ritmo e entoación) cando tenta expresar emocións, pois a fala sen música é aséptica, baleira e racional. Tecnicamente poderiamos dicir que a música son as relacións subxectivas que se establecen entre unha sucesión de alturas sonoras, iguais ou diferentes, con ritmo ou sen el; así e todo, pensamos que pode ser definida moito mellor polo fin que pretende: comunicar ou transmitir unha emoción a través de sons organizados. Nós pensamos que cando alguén tenta transmitir unha emoción empregando o son está a facer música, e se para iso se vale dalgún obxecto (corpo incluído), este quedará convertido, por ese intre, nun instrumento musical, nun útil para transmitir unha emoción. Deste xeito, o traballo que vos presentamos non é máis que o compendio de todas aquelas ferramentas que os galegos empregamos para comunicar os nosos sentimentos e emocións a través do son organizado.

A efectos de estruturarmos este traballo debemos escoller un sistema para presentar a información, e a escolla favoreceu á clasificación técnica de Hornbostel e Sachs 1. Sen dúbida puidemos escoller a clasificación que os galegos facemos dos nosos instrumentos musicais, pero esta presenta maiores dificultades organizativas que aquela, pois non está pensada con ese fin. Deste xeito, estruturaremos esta obra empregando a clasificación dos alemáns, pero cando falemos de cada instrumento musical explicaremos onde o colocamos exactamente os galegos. A este respecto, debemos salientar que este traballo contén algo do que ata agora nada se ten escrito: que é un instrumento musical para os portadores da nosa cultura tradicional. Por dicilo doutro xeito máis rimbombante: contén unha definición émica do concepto de instrumento musical no sistema de cultura tradicional galego e polo tanto, tamén do concepto de música en si mesma. Dito sexa de paso, foi esta unha cuestión difícil de analizar e explicar en palabras, pois significou ollar dentro de un e dos demais para intentar sacar á luz o esquema mental que permite diferenciar a un galego entre un instrumento musical e outro útil que non o é.

Neste traballo acharedes todo o que a ciencia que estuda os instrumentos musicais, a organoloxía musical, considera como instrumento musical, razón pola que moitos dos útiles aquí referidos non son considerados por nós, os galegos, como instrumentos musicais propiamente ditos. Por isto hai dúas clasificacións superpostas neste traballo: a científica, proposta por Hornbostel e Sachs hai xa case cen anos, que guiará o seu corpo, e a galega extraída dos portadores, que guiará a súa alma, o seu contido.

Ver notas
  1. [1] Hornbostel, E. e Sachs, C. Systematik der Musikinstrumente. Zeitschrift für Ethnologie, Jahrg. Helf 4 u. 5. Berlin 1914.
Patrocinadores e colaboradores