Os membranófonos


Folión en Viana do Bolo Fotografía de Fernando García

Os membranófonos son instrumentos nos que unha pel é tensada sobre un marco ou unha cavidade e responde coa súa vibración cando é ferida coas mans, con paus ou excitada dalgún outro xeito, como por exemplo ao refregala coa man ou a través dunha corda ou un pau xunguido a esa membrana.

Son instrumentos moi antigos, aparecen xa documentados nas primeiras grandes civilizacións e con toda seguridade foron empregados polo home primitivo, aínda que pola súa construción en madeira e pel non deixaron rastro algún. Non entanto, algunhas das olas que se achan nas escavacións neolíticas, sobre todo aquelas que presentan de arredor prominencias susceptibles de serviren de amarre para os sistemas de tensión das peles, puideron ser tambores de cerámica como os que aínda se seguen a empregar en moitos lugares de África.

Unha vez máis non nos abstraemos da mística. Marius Schneider 1 dinos que na tripartición mística do home, o tambor, pola súa relación elemental co pote, pertence á sección do ventre (= vaca e boi, vida vexetativa, terra). Tanto a pel como o material do corpo do tambor (madeira ou barro) amósanos o tambor como un representante do elemento terra. Na súa forma elemental o tambor é un furado feito na terra, que é cuberto con unha pel que as mulleres procuran ter tensa e na que baten ca axuda do rabo dun boi. Ao evolucionar esta forma antiga de tambor e adoptar a forma dun vaso que se coloca sobre o chan ou se apoia contra o ventre, segue a simbolizar a vida vexetativa e a terra-nai que nos alimenta. Deste xeito, os tambores relaciónanse misticamente co elemento terra. Este elemento ten por símbolos o vaso e a pel, ambos os dous compoñentes esenciais dos tambores. Así, o orixinario carácter feminino dos tambores acúsase pola súa forma redonda que é fundamental. Esta antiquísima relación entre vaso e muller aparece reflectida en toda a cerámica de numerosas culturas agrícolas neolíticas, nas que a parecen vasos que adoitan ter formas femininas 2.

Xa dixemos que en Galicia os instrumentos femininos son fundamentalmente rítmicos, serven para acompañar a voz durante os bailes (o lugar máis destacado de elección de parella) e os máis importantes pertencen ao grupo dos tambores de marco (pandeiros redondos, pandeiras e pandeiretas). Nós pensamos que a súa forma redonda pode relacionarse coa lúa e co sol e ambos os dous coa fertilidade, tanto feminina como vexetal; tamén cos bandullos inchados de comer (abundancia vexetal-sol) e os ventres redondos das grávidas regulados polo ciclo luar da menstruación. Quizais se poida ver aquí un resto desta asociación mística tambor-ventre-fertilidade que mesmo poderiamos rastrexar en moitas coplas tradicionais que identifican diferentes tipos de tambores co ventre:

Gracias a Deus

e as nosas labores

as nosas barrigas

parecen tambores

(Carballedo, Lugo)

Cálate ti pernas tortas

barriga de pandeireta

andas tola por casar

e non atopas quen te queira

[CFG, III, 99]

A muller que ha de ser miña

ha de ter o cu de pau,

a barriga de cortizo

e a nariz de bacalao.

[PPG, <P 287> <L 0> <A 1864>]

Cálate vaite calando

cara de testa de candil

barbas da miña cadela

barriga de tamboril

[CPGDS, V, II, 80]

Cara de corno e candil

cara de corno e candil

ollos da miña cadela

barriga de tamboril

[CPPO, I, 157]

Aínda máis interesante é a copla que segue, con dúas variantes, pois relaciona directamente a barriga, a pandeireta e a muller encinta:

A pandereta non toca,

porque lle doi a barriga,

hai que lle dar chocolate

como a unha muller parida

[CG, II, 169]

A pandereta non toca

seica lle doi a barriga

hai que lle dar chocolate

como á muller parida

[CPTO, 49]

A identificación do bombo co bandullo da xente, quizais parece máis obvia pola forma do instrumento e sobre todo polo xeito de colocalo para tocar, pero non por iso deixa de ser tamén unha asociación entre un tambor e o ventre. No Catecismo do Labregopódese ler:

-¿Como saberá o que deixa de comer?

-Facendo recordo d’as larotas que se pasan n-a súa chouza; establecendo comparanzas entr’os manates de bandullo á xeito de bombo,…

[CL, 9]

Por outra parte, o tambor en forma de barril tocado con paus asóciase en Galicia fundamentalmente aos homes. Segundo Marius Schneider este tambor é o símbolo do trono e do lostrego 3. Pronto veremos como esta asociación se expresa aínda con total claridade nos bombos de mallada do Baixo Miño. En canto aos paus con que se tocan os tambores, Schneider pensa que son un símbolo masculino ademais de ter unha clara filiación fálica. En Galicia os tambores tocados con paus son tipicamente masculinos e só coñecemos un caso de tambor tocado con baquetas por mulleres, os tambores femininos dos Ancares e o norte de Ourense, e desde logo esta tradición non semella demasiado antiga.

O profesor Schneider opina que este tipo de concepcións místicas foron espalladas por todo o mundo polas culturas megalíticas 4 aínda que nos ocasionalmente confusos textos deste musicólogo é difícil enxergar a que se refire con esta denominación; Schneider opina que co paso do tempo estas cosmoloxías máxico-relixiosas foron quedando enmascaradas ou mesmo desaparecendo. Desde logo será moi difícil comprobar algún día as hipóteses de Schneider pero, como xa dixemos ao principio, séguennos a sorprender algunhas coincidencias como estas.

Ver notas
  1. [1] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 150.
  2. [2] Schneider, M. Op. cit p. 196.
  3. [3] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 362-363.
  4. [4] Schneider, M. Op. cit p. 148.
Patrocinadores e colaboradores