Os cegos cantores

A comunicación de novas fíxose desde tempos inmemoriais empregando o soporte musical para relatos versados de historias. Cantores, comunicadores de novas, moitas veces eivados e por veces esmoleiros, aparecen xa documentados en Sumeria e Exipto hai máis de 4000 anos. Esta tradición de cantar relatos históricos, mitos, contos, novas e feitos cotiáns aparece en practicamente todas as culturas do planeta, sen dúbida porque a música é o mellor sistema que coñecemos os humanos para dotar de emoción ás palabras. Julio Caro Baroja refírese á importancia destes cantores invidentes:

«Dentro de este mundo tradicional hay un personaje que ha tenido una importancia excepcional en la transmisión, no sólo oral, sino también escrita, de leyendas, de relatos, de versos y de prosas, este personaje es el ciego. El ciego, privado de la posibilidad de realizar otros trabajos, usa de la palabra y de la voz como medio fundamental de ganarse la vida, recitando, incluso rezando por encargo o por limosna. Es significativo que, ya en la antigüedad, la representación del poeta por antonomasia, Homero, sea un ciego, y que luego haya bastantes poetas ciegos, conocidos en la historia de la literatura de los pueblos. En España, en Castilla, hallamos ya esta figura del ciego transmisor, no de lo que él haga, sino de lo que hacen otros, hasta en aquellos versos famosos del Arcipreste cuando dice que hizo algunos cantares «de los que dicen los ciegos». Es decir, que, en pleno siglo XIV, se documenta la existencia de poetas que componían para aquellos. Después nos los encontramos ya constituyendo agrupaciones o asociaciones profesionales con el carácter de los gremios».1

Deste xeito, a tradición do canto de historias pasou seguramente dos bardos neolíticos aos xograres medievais, e destes, en opinión de Menéndez Pidal  2, aos nosos cegos cantores, vendedores de literatura de cordel, que aínda percorreron as aldeas galegas durante boa parte do século XX, obtendo bos beneficios deste negocio “xornalístico”. En diversos lugares da península, estes cantores organizáronse incluso en confrarías para asegurar o seu monopolio na venta da literatura de cordel. Estas confrarías foron moi frecuentes na segunda metade do século XVIII, pero a primeira da que temos novas é a de Los Ciegos Oracioneros, fundada en Valencia no ano 1314. Non se formarían confrarías se ser cego cantor non puidera ser un negocio; de feito, estes son os únicos músicos profesionais que realmente existiron na nosa tradición durante os séculos XIX e XX. O noso amigo Cástor Castro tivo a oportunidade de entrevistar familiares de varios cegos da Limia e tivo a ben escribirnos unhas letras sobre a súa valiosa visión dos nosos cegos cantores:

«A xente que entrevistei, por exemplo as netas do Cego da Alberguería, non consideran ao seu avó cego un “esmoleiro”, senón un músico profesional (dos poucos que había no cambio do s. XIX ao XX, xa que mesmo os gaiteiros no rural eran xente que compartía outros traballos, agrícolas, carpinteiros, etc.) de feito facía música co seu fillo á gaita, clarinete e frauta de chaves e coa súa muller á pandeireta.»

De igual maneira, o neto do Cego de Sás-Sarreaus, insiste en que o seu avó non era un esmoleiro, que eles vivían de vender coplas en feiras e mercados, que as encargaban por millares ás imprentas, que había días de gañar moito diñeiro. Desde xeito, o canto e a boa escenificación do suceso é o reclamo para vender logo as coplas. Só eran “esmoleiros” por así dicilo, na parroquia, cando volvían das súas viaxes, non vendían as coplas, e se ían a tocar ás casas, era polo que lles deran (patacas, chourizos, etc.), salvo que alguén estivera moi interesado en mercarlle a copla, entón tamén lla vendían.

José Lamas López, veciño de Sarreaus di textualmente:

«O meu abuelo non anduvo pedindo. O meu abuelo, cuando salían, xa o chamaban as imprentas, que salían unhas coplas de crímenes o do que fora, e salía unha copla e entón xa llo comunicaban, i entón el xa llo pedía por millar, non mil nin… Pedían en grande cantidá. E entonces a vida dil era… A muller seica cantaba mui ben a el non o conocín, á abuela conocina, xa era eu rapazote bó, tería cara a oito ou dez anos, entonces él tocaba o violín i ela cantando, e o que pedían era, se puñan nunha calle e puñan as coplas, vendían as coplas, e decían que tiñan días de facer moito diñeiro naquil tempo, e todo o mundo lle iba comprar as coplas, i eles que eran unhos que vendían moita copla, pero claro salían i entonces, tiñan unha editorial, non sei si en Barcelona, tiñan outra en… ¡Por onde iban! Entonces por onde iban eles pois comunicábanllo xa pra vender, cando había algunha novedá e algunha cousa pois xa llo decían pra que as levaran, comprábanlle en cantidá. Era máis ben ao que eles se dedicaban. Despois sí, ás veces salían por eiquí tamén, cuando por estes pueblos de arredor, e nestes pueblos o único que facían era ao mellor ir nunha época de qué sei eu, da castaña, que eiquí non a había, salían por estes pueblos da contorna cerca, e xuntaban un saco ou dous de castañas. Ao mellor iban por aí e nalgunha onde paraban regalábanlle ao millor unhas coplas, en fin, cousas así que… Facían a vida. Fixeron bastante, pero sin andar como aquelo de andar pedindo. Vender e tocar, e bailar e cantar, a muller, el cantar nada. El, según teño entendido, nin tiña oídos nin orellas pra cantar. Ela ao tempo que cantaba tocaba unha pandereta, e a veces unhos ferritos, un triángulo, era como un triángulo, que eso inda non sei se pola casa quedaría, se os ferriños ises inda nos Carnavales andaban por aí tocando.»

Cástor Castro comentounos tamén que as descricións que hai de cegos con zanfona, violíns etc., dan unha imaxe bastante degradada, como simples mendigos; sóese falar do mal son das súas zanfonas, do mosconeo, da desafinación pero, pregúntase Cástor, ata que punto tales descricións son obxectivas? Posiblemente, si que unha boa parte deles foran esmoleiros, malos intérpretes dos seus instrumentos, pero penso que tratar os cegos ambulantes como malos músicos, esmoleiros e pedichóns, como se fai ás veces, é un erro de concepto. Quizais tamén ocorra que xa ben entrado o século XX, a mediados, a venta de coplas decaese ou desaparecese e os poucos que continuaran tocando polas feiras, deixaran de vender e se limitaran a pedir esmola.

Non temos nada que engadir ás palabras do noso amigo; pensamos con el que, efectivamente, o oficio de cantor de historias se foi degradando, seguramente desde mediados do XIX, vítima da aparición doutros medios de comunicación, como os periódicos, que ao fin e ao cabo non son senón un gran prego de cordel pero sen música (por agora), que mercamos coa mesma avidez que os nosos devanceiros o fixeron coas coplas dos cegos. A radio e a televisión fixeron o resto, agora xa con música.

Casto Sampedro describe no seu cancioneiro 3 como os cegos e cegas de finais do século XIX concorrían a aquelas celebracións onde a xente abundaba: feiras, mercados, festas patronais, Corpo de Deus etc. Interpretaban romances e outros cantos ao son da zanfona ou do violín, acompañados polo seu criado ou criada que tan pronto dialogaba con el ou ela nos cantos, como manexaba os monicreques ou acompañaba tocando algún instrumento tal que a pandeireta, os ferriños, as cunchas ou o mesmo o bombo. Algúns cantores empregaron tamén instrumentos como a guitarra ou, moito máis raramente, a mandolina e incluso un antigo cordófono, a vincha. Co paso do tempo fixeron seu tamén o acordeón para acompañar os seus cantos.

Xuntos, cego e criado, vendían as coplas que cantaban: romances e cancións, impresas nunha cuartilla de fino papel por veces de cores rechamantes, que penduraban de cordeis, de aí a súa denominación de literatura de cordel. Achegamos aquí algunhas das que Alberto Bouzón (Cacheiras, Teo, A Coruña) herdou do seu avó, que as coleccionou ao longo do século XX formando unha das mellores coleccións que temos na actualidade en Galicia.

Algúns cegos portaban un estandarte pintado cos principais pasaxes do feito criminal ou sensacional que cantaban. Este cartelón, denominado “maltraña4, sostíñao o criado que ía sinalando a escena correspondente cunha vara segundo seu amo ou ama ía desenvolvendo o romance. Cada viñeta adoitaba a levar o debuxo do feito relatado e debaixo o texto correspondente.

Aínda outros cegos e cegas se acompañaban de monicreques; seguindo de novo a Casto Sampedro:

«El ciego abrocha el cuello de la larga y roja y remendada capa; el lazarillo recoge y vuelve hacia la espalda las dos bandas, sujetándolas en las puntas, y, dentro y oculto por ellas, hace asomar, subir, bajar, esconderse, avanzar, retroceder, dar golpes, hacerse caer … fuera de la capa y a la vista dos Monifates o “monicreques” vestidos de colores charros y que representan las figuras propias del romance que el ciego refiere y acompaña al son de un violín o zanfona.

Cuando se finge que los monifates ríen, lloran, preguntan, contestan, etc., ciego y lazarillo, provistos de como una lengüeta de caña, con una hoja de pergamino, de laurel o cosa análoga 5, producen una voz de falso tiple de hombre o de mujer, según el caso requiera». 6

Ver notas
  1. [1] Caro Baroja, J. Significaciones simbólicas de las leyendas. En: Gazeta de Antropología, nº 9, 1992, texto 09-01. Consultada en: http://www.ugr.es/~pwlac/G09_01Julio_Caro_Baroja.html en novembro 2008.
  2. [2] Menéndez Pidal, R. Poesía Juglaresca y Juglares. Ed. orixinal: Espasa-Calpe, Madrid, 1942. 9ª Ed. Madrid, 1991.
  3. [3] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, parte I, pp. 164-165.
  4. [4] Rivas Cruz, X. L. e Iglesias Dobarrio B. Cantos, coplas e romances de cego. Ed. Phiusa. Lugo, 1998, p. 13.
  5. [5] Seguramente se refire a varios instrumentos diferentes como un mirlitón de cana ou un cantagalos.
  6. [6] Sampedro y Folgar, C. Op. cit., parte I, pp. 164-165.
Patrocinadores e colaboradores