O gaiteiro

O cuarteto Os Campaneiros de Vilagarcía acompañando unha procesión (c. 1970).

Seguindo coas agrupacións instrumentais que se puideron escoitar en Galicia no século XX, as segundas en importancia cuantitativa, malia que as primeiras cualitativamente falando, foron aquelas nas que participaba o gaiteiro. Este personaxe vén desempeñando un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde tempos do imperio romano, onde os tibicen e os auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e as grandes celebracións. Este foi sen dúbida o papel do gaiteiro galego na sociedade rural ata ben entrado o século XIX, e nalgunhas áreas remotas ata máis aló da metade do século XX.

Contratábase a este músico para as festas patronais, onde, en moitos lugares, tiña que tocar na misa ademais de facer a procesión e animar o baile. Esta copla fala desta circunstancia:

Moito pra Misa d’a gaita,

moito, nena te compós.

Aventuro a que non é

po-la Misa, nin por Dios.

[MV, 874]

Así mesmo, o gaiteiro foi parte esencial da ambientación de todo tipo de romarías. Este dito recollido por Marcial Valladares deixa constancia do feito: “Enterro sin choros e romaría sin gaita non ten gracia” [MV, 937]

Tamén se chamaba polo gaiteiro para acompañar todo tipo de danzas, ben fosen dos gremios, ben fosen danzas de antroido ou de reis. Tampouco faltou a súa participación nas vodas e noutras festas que se xulgasen de certa importancia, como nalgúns antroidos, magostos etc.

Gaiteiro acompañando a danza do Cristal (Celanova, Ourense) c. 2005. Fotografía de Fernando García.

Segundo puidemos ir vendo ao falar da gaita de fol e do tambor, o gaiteiro puido tocar só durante séculos, quizais por veces acompañado por algún tipo de tambor de marco, tal e como se estilou en Roma e Grecia cos tocadores de dobre óboe. Na Idade Media esta situación non mudou, e no Renacemento é cando parece que o gaiteiro se fixo acompañar do óboe e un pouco despois polo tocador de frauta e tambor.

Non foi ata aproximadamente o século XVIII cando o gaiteiro tomou de acompañante o tamborileiro, situación que se mantivo ata o día de hoxe, aínda que a partir de mediados do XIX, por influencia directa das bandas de música populares, o bombo pasou a formar trío coa gaita e o tambor. Estes tríos foron moi frecuentes por toda Galicia, malia que nas zonas máis arcaizantes do Oriente montañoso, o bombo non penetrou máis que moi avanzado o século XX.

Foi tamén durante o século XIX, e por influencia das bandas populares, cando naceron os cuartetos de gaita, clarinete, caixa e bombo que tanto se prodigaron por toda a nosa xeografía. Tampouco nas zonas máis arcaizantes do Oriente o clarinete chegou con tanta forza.

Outra formación desenvolvida arredor do gaiteiro tradicional, mercé á popularidade que acadaron durante boa parte do século XX as bandas de música, foron as murgas, músicas ou charangas, que comezaron a facerse frecuentes a partir de principios do século XX coincidindo co período de maior puxanza das bandas populares. Nestas agrupacións, como vimos, saxofonistas e clarinetistas tocaban coa gaita de fol, a caixa e o bombo con pratiños. As murgas constituíron unha agrupación de menor importancia que as bandas populares, pero permitíanlles ás comisións de festas con poucos recursos contrataren un grupo musical de son semellante ás bandas de música, e no que se mesturaba o tradicional gaiteiro coa nova moda.

A principios do século XX nace outro conxunto musical no que aparecen agora varios gaiteiros, normalmente dous ou tres, que interpretan as melodías a voces, usualmente por terceiras paralelas, acompañados polo tambor e o bombo. Un dos primeiros grupos deste estilo documéntase en Mondoñedo contra 1907. Os Pachecos (Mondoñedo, Lugo) estaban formados por Enrique Díaz e Augusto Ínsua (gaitas de fol), José Cendán (caixa) e Leopoldo Tapia (bombo). Enrique, ademais de gaiteiro, foi cantor e violín primeiro da orquestra da capela da Catedral de Mondoñedo 1 e por tanto é posible que aplicase os seus coñecementos musicais á gaita de fol e concibise o tocar por terceiras paralelas. Non entanto, a agrupación que popularizou por toda Galicia este tipo de conxuntos foron os Gaiteiros de Soutelo de Montes (Pontevedra). Son agrupacións que no seu día sufriron os embates de quen non as consideraba pertencentes á nosa tradición e deron lugar a acaloradas discusións que se poden seguir a través dos xornais da época. Non foron, desde logo, moi propias do ambiente rural, onde os cuartetos de gaita de fol e clarinete levaron a palma, pero houbo moitísimos conxuntos de dúas e tres gaitas por toda a nosa xeografía e proliferaron especialmente entre os anos 1920 e 1960.

Xa a finais do século XX xorden en diversas vilas e cidades galegas bandas de gaitas, quizais debido ao crecente auxe que vive a gaita de fol desde aquela e ao gran número de alumnos que acoden ás escolas. Algunhas delas asimilan modelos baseados na tradición de bandas de gaitas escocesas, cunha estética que acaba por estenderse a outras partes de Galicia, norte de Portugal e mesmo León e Asturias. Tamén no último terzo do século XX a gaita de fol intégrase en moi diversos grupos musicais que van desde os denominados “folk” ata grupos de rock, música clásica, etc.

Os Garceiras (Melide, A Coruña).

Pese á sucesión de conxuntos diferentes en que o gaiteiro se fixo rodear cada vez de máis instrumentos, este músico só, sen acompañamento, seguiu mantendo o seu espazo nalgunhas zonas afastadas e tamén en determinadas situacións rituais. Un caso foi na celebración das misas, costume que se mantivo nas comarcas orientais ata mediados do século XX; outro nos cantos asociados co ciclo de Nadal, onde coros de cantantes entoaban as súas composicións ao son do gaiteiro, sen ningún tipo de acompañamento.

Ver notas
  1. [1] García Doural, A. e García González, M. A Música en Mondoñedo. Mondoñedo, 2002, pp. 41 e 70.
Patrocinadores e colaboradores