A clasificación galega dos instrumentos musicais


Partitura da agrupación Os Trintas de Trives (Trives, Ourense, principios do s. XX). Pódese apreciar a indicación dos instrumentos; gaita, requinto e ruído, referíndose con esta última á caixa e ao bombo. Arquivo do autor.

Por último, queremos sinalar que os instrumentos musicais que os nenos e nenas galegos empregaron ata hai ben pouco forman un dos grupos máis interesantes, pois pensamos que son os rapaces os que van gardando os instrumentos musicais que os adultos van abandonando, facéndose así gardiáns de especies antiquísimas. Moitos dos instrumentos do acervo infantil que iremos vendo neste traballo pertencen, como veremos, a tempos remotos, incluso pre ou protohistóricos, de aí que o instrumentario infantil teña un valor excepcional para a reconstrución da historia dos nosos instrumentos musicais. De feito é moi frecuente que entre os instrumentos que tocaron os nenos e rapaces que acabaron sendo gaiteiros se achen representadas cadeas evolutivas completas que exemplifican a historia dalgúns tipos de instrumentos musicais. Poñamos un exemplo notorio: cando un neno se interesaba pola música comezaba tocando pequenos óboes fabricados esmagando unha palla de avea, pero sen poñerlle furados para emitir diferentes notas. Pouco despois xa fabricaba o instrumento con tres furadiños co que podía emitir catro notas. Avanzando no seu camiño, construía máis tarde óboes de palla de seis furados e, cando xa acadaba certa facilidade no manexo da súa navalliña, facía pequenos clarinetes que primeiro eran de centeo e despois de cana ou sabugueiro. Cando se manexaba ben con estes sinxelos instrumentos soprados directamente coa boca, logo lle engadía un foliño de vincha a estas gaitas, construíndo así a súa primeira gaita de fol, que podía mesmo completar cun bordón. Máis tarde accedía xa a unha verdadeira gaita de fol. Este proceso rememora exactamente, paso a paso, o que se pensa que foi a evolución dos clarinetes, óboes e gaitas de fol. Noutros grupos de instrumentos musicais, como as frautas, acontece exactamente o mesmo, os nenos comezaban a tocar con sinxelos asubíos, despois engadían furados e acababan por facer as súas propias frautas en cana ou sabugueiro, que despois trocaban por frautas feitas por artesáns especializados. Se os instrumentos musicais empregados ao longo dos procesos de aprendizaxe dos nenos reflicten o que foi a evolución destes útiles ao longo da súa historia será difícil de comprobar, malia ser unha hipótese que nos semella, ademais de plausible, fermosa. O único que sabemos seguro, por agora, é que instrumentos musicais que aparecen nas excavacións paleolíticas, como as zoadeiras, asubíos fabricados en óso e corno, tubos de óso con furados tonais (óboes, frautas ou clarinetes primitivos) etc., estaban todos en uso polos nosos nenos e nenas de hai uns cincuenta anos, o que nos fai pensar que o instrumentario galego podería gardar no seu seo unha parte moi importante do que foron os sistemas musicais (ou polo menos instrumentais) de épocas como o paleolítico e o neolítico.

Patrocinadores e colaboradores