A clasificación galega dos instrumentos musicais


Deste xeito, pensamos que é a idealización das características da gaita de fol a que organiza a clasificación émica dos instrumentos musicais en Galicia 1. Aínda máis, o propio concepto de música vese afectado directamente polas características da gaita de fol. Xa dixemos que dentro do sistema de cultura tradicional galego a música identifícase exclusivamente coa melodía, de xeito que un acto puramente rítmico como os folións de antroido non son considerados música. Con todo, unha frase que escoitamos de dous clarinetistas tradicionais chamounos poderosamente a atención e pensamos a súa análise pode completar esta definición melódica da música: o clarinete só non fai música. Quere dicir que o clarinete tocando só, pese a facer melodía, non fai música ou polo menos non a fai ao máximo nivel posible; sen embargo, unha gaita de fol nesa mesma situación si a fai. A melodía debe ter, xa que logo, algo máis para ser considerada música, algo debe acompañala e ese algo pode ser un simple bordón ou o acompañamento rítmico con membranófonos ou idiófonos. A gaita de fol, a zanfona, o acordeón ou o rabel fan música, quizais isto sexa unha herdanza do gusto medieval polas melodías abordonadas. En canto ao acompañamento rítmico, este forma parte esencial do acto musical propiamente dito, o de máis alto nivel e consideración, aquel que se celebra para facer un baile nunha ruada, serán, foliada ou romaría, ou para unha ocasión ritual en forma de acompañamento de cantos de Nadal, danzas gremiais, procesións ou pasarrúas. Deste xeito, o concepto de música como melodía, que sería o seu marcador aberto, compleméntase con outros ocultos que tamén toman como referente a gaita de fol, e que son os mesmo xa explicados, se ben habería que engadir que acompaña a esa melodía. Como no caso da gaita de fol, a simple melodía convértese en música cando é acompañada dun bordón ou de instrumentos rítmicos. Se non hai bordón nin instrumentos que acompañen ritmicamente, entón a consideración dun determinado xeito de facer melodía como música dependera de quen a estea executando, para quen, por que, onde, etc.

Por último, debemos aclarar que no noso sistema de cultura tradicional, o acto musical, a performance, precisa ineludiblemente da presenza da música propiamente dita segundo os criterios xa definidos, pois calquera cousa que saia de aí será un pasatempo, un xogo, unha brincadeira ou unha curiosidade. Este acto musical ten na Galicia tradicional varias clases ben diferentes. A primeira son os actos musicais que se realizan coa finalidade de bailar, ben nunha romaría ou festa patronal, ben nas xuntanzas das aldeas, denominadas seráns, seraos, ruadas, foliadas, polavilas etc. A segunda son as ocasións rituais relacionadas co culto relixioso como as danzas dos gremios, os acompañamentos das procesións ou os cantos do ciclo de Nadal. Aínda unha terceira podería ser o acompañamento de historias cantadas, herdada quizais dos trobeiros medievais a través dos cegos cantores.

Vexamos agora como se aplicarían os marcadores a casos concretos de instrumentos musicais, introducindo agora unha variable máis, pois como xa dixemos, dentro da categoría dos instrumentos musicais uns son social e musicalmente máis apreciados que outros.

Os que son construídos para facer melodía son netamente instrumentos musicais e ocupan a parte máis alta dentro do sistema de valores tradicionais. Empréganos os adultos e no sistema de cultura tradicional normalmente os homes: gaitas de fol, acordeóns, violíns], zanfonas, frautas e requintas fundamentalmente. Moitos dos instrumentos musicais que pertencen a esta categoría eran empregados polos nenos (varóns) e o seu valor, a súa consideración, decae por iso mesmo, son a priori cousas de nenos (como as pipas e gaitas de alcacén, gaitas de cana, frautas de cana, gaitas de sabugueiro etc.) malia que poden chegar a ser tamén considerados como verdadeiros instrumentos musicais dependendo de como, onde, con quen, para quen e porque se toquen.

Os instrumentos musicais da segunda categoría xerada polos marcadores abertos carecen do don da melodía e teñen polo tanto unha consideración inferior dentro do sistema de valores dos portadores comparados cos da primeira que son empregados polos adultos. Están construídos especificamente para participar na música, para acompañar a melodía; participan na música, axudan e son parte moi importante dela pois constrúen o soporte rítmico, pero non son a música, non son a melodía, son o ruído, por iso forman unha categoría considerada como inferior dentro dos útiles que son instrumentos musicais. Aquí están todos aqueles que acompañan aos instrumentos melódicos para producir acompañamentos rítmicos: o tambor, a caixa, o bombo, a pandeireta, o pandeiro, a pandeira, as ferreñas, as tarrañolas, as zambombas, o binco etc.

Ver notas
  1. [1] Aquí debemos renderlle tributo ao noso amigo Tomás Rodríguez, pois esta idea xurdiu del despois de ler o texto preliminar sobre a clasificación émica dos instrumentos musicais, que completamos substancialmente despois dos seus comentarios.
Patrocinadores e colaboradores