A clasificación galega dos instrumentos musicais


A clasificación que se fai dos instrumentos musicais dentro de cada sistema de cultura encerra un grao importante de información sobre eles mesmos, sobre os seus usos e funcións, sobre a súa evolución e sobre o xeito en que se comprenden e se pensan. Por esta razón, nos estudos actuais cómpre ter en conta a propia clasificación que dos instrumentos musicais fan as persoas que os usan e escoitan.

En Galicia a clasificación dos instrumentos musicais non é aparente, non está establecida como tal a priori, é dicir, os portadores non teñen un sistema de categorías evidente onde sitúan conscientemente o que nós, como observadores externos, consideramos como instrumentos musicais. A pregunta “como se clasifican os instrumentos musicais?” fica normalmente sen resposta, non é pertinente. A indagación sobre as diferentes especies instrumentais a través de centos de conversas con intérpretes e portadores deste saber, acabou por descubrir que para os galegos non existe un moble con caixóns onde meter cada instrumento musical. Máis aínda, moitos dos útiles que desde unha perspectiva ética, externa ou científica occidental presentamos aquí como instrumentos musicais, non son considerados como tales polos nosos portadores, e isto aínda que participen en actividades que eles mesmos definen como musicais.

Segundo a opinión expresada por Carmelo Lisón Tolosana en todos os seus escritos sobre antropoloxía cultural galega, os galegos carecemos do don das dicotomías, entre o isto é e o isto non é (un instrumento musical no noso caso) en Galicia adoitaría existir sempre un camiño intermedio; pero, polo menos no caso dos instrumentos musicais, isto é só unha aparencia e reflicte perfectamente a falta de comprensión que un observador alleo pode ter sobre un sistema que non acaba de comprender na súa totalidade. Pronto veremos como cada un dos instrumentos musicais que se empregaron e empregan en Galicia é comprendido e pensado polos portadores asignándolle unha posición clara dentro dun sinxelo sistema de categorías (é ou non é un instrumento musical) que se acha condicionado por outro sistema de valoración que inclúe parámetros como a filiación sexual, a idade do músico, así como o grao de consideración social que afecta por igual ao instrumento, ao instrumentista e ao resultado sonoro. A consideración final dun útil como instrumento musical dependerá de varios aspectos do instrumento en si mesmo, é dicir, como concepto abstracto, como idea, pero tamén da súa execución real, é dicir, da súa morfoloxía particular e dunha valoración da súa interacción co ambiente cultural nun intre concreto; así, determinados instrumentos musicais poderán ser considerados como tales ou non dependendo de varios factores como o sexo e a idade de quen o está a tocar, que tipo de música está a facer, en que contexto toca e aínda outros.

Entre todos os útiles que aquí imos presentar, uns non son netamente instrumentos musicais, noutros dubídase en principio sobre a súa natureza debido á indefinición de facer pensar a un portador sobre un útil en abstracto, e outros son claramente instrumentos musicais, fan música, pero dentro destes uns fan máis música ca outros.

O sistema de categorías que imos presentar nunca foi expresado como tal polos portadores, simplemente aflorou ao falarmos dos instrumentos musicais. Pensamos que estas categorías están presentes de xeito inconsciente, son adxectivos cos que se cualifica a cada especie cando se fala sobre ela, imprimíndolle de paso un grao de consideración (social e musical) dentro do acto musical, da música. Como inconscientes que son, estas categorías presentan unha imaxe global, ideal ou abstracta do instrumento que agarda a interaccionar coa realidade presente para, mediante un veredicto final, acomodar aquel útil dentro dunha ou outra categoría. Queremos dicir con isto que determinados instrumentos musicais, normalmente os máis antigos, poden ser entendidos en abstracto como instrumentos musicais, pero cando a súa presenza se convoca na realidade, cando o útil se materializa, non é igual que se toque nunha foliada ou de xeito privado, como pasatempo o adestramento, tampouco que o toque unha muller ou un home, un adulto ou un neno, unha nena ou un neno; incluso inflúen na decisión final se o rapaz que o toca simplemente sabe sacar algunhas notas ou se, outramente, é un real virtuoso do asunto. O mesmo sucede con útiles que en principio ou de xeito abstracto non son considerados como instrumentos musicais pero que poden chegar a selo dependendo de quen, para que, cando, como e onde se toque.

Patrocinadores e colaboradores