4. Aerófonos


Neste tipo de instrumentos o aire é, nun senso primario ou fundamental, o produtor do son, é dicir, o aire que circunda o instrumento, aquel que transmite as ondas sonoras ata os oídos, é posto en vibración por unha columna de aire pechada no corpo do instrumento que vibra mercé a diversos procedementos. Soamente uns poucos instrumentos aerófonos resultan dun principio acústico diferente, son os denominados aerófonos libres, nos que o aire posto en vibración non está limitado polo corpo dun instrumento.

Todos os aerófonos, excluíndo os libres, constan de dous compoñentes comúns esenciais: un tubo ou cavidade que encerra unha columna de aire e un artificio quen de facela vibrar. Esta vibración conséguese interrompendo unha corrente continua de aire en breves pulsacións, sendo os mecanismos capaces de producir este fenómeno de ruptura os que dan a clave para a clasificación dos aerófonos en varias grandes familias. Se o artificio consiste nos beizos apertados do executante que deixan saír o aire a pequenos intervalos, estaremos ante a grande familia dos cornos e trompetas. Se a vibración se acada mercé ao movemento de vaivén dunha lingüeta sinxela, que obtura periodicamente a saída do aire, xorde o grupo dos clarinetes; mentres que se estas lingüetas están formadas por dúas laminiñas, que baten unha contra a outra provocando así a interrupción periódica da corrente de aire, estariamos a falar da familia dos óboes. Outro enxeñoso sistema de poñer en vibración o aire contido nunha cavidade é facer espetar un sopro de aire contra un borde afiado, un bisel, procedemento que orixina todos os diferentes tipos de frautas.

41 AERÓFONOS LIBRES. Este tipo de aerófonos, como vimos de explicar, carecen de columna de aire pechada nunha cavidade, e actúan directamente sobre o aire exterior, provocando, por varios medios, unha serie de condensacións e rarificacións no aire que chegan ata nós en forma de ondas sonoras.

411 AERÓFONOS LIBRES DE DESVIACIÓN. O vento choca contra un fío, ou ben, o fío é movido polo aire. En ambos os casos, segundo opinión moderna, realízase un deslizamento periódico do aire sobre os dous lados do fío. Varas.

412 AERÓFONOS LIBRES DE INTERRUPCIÓN. A corrente de aire sofre unha interrupción periódica ou intermitente.

412.1 Autófonos ou lingüetas. A corrente de aire bate contra unha laminiña, esta ponse en vibración e interrompe o fluxo de aire de xeito periódico.

412.11 Dúas laminiñas ou canas forman unha fenda que se pecha periodicamente durante a vibración. Folla de espadana.

412.12 Lingüetas de bater. A laminiña ou cana golpea nun marco.

412.121 Individual. Cantagalos

412.122 En grupos.

412.13 Lingüetas libres. A laminiña móvese a través dunha abertura exactamente igual ao seu tamaño.

412.131 Independentes.

412.132 En xogos. Filharmónicas e acordeóns.

412.14 Lingüetas de fita. A corrente de aire bate contra o fío dunha fita estendida mediante un soporte formado por dúas pezas lixeiramente cóncavas. Follas de herba mantidas entre os dedos.

412.2 Aerófonos de interrupción non idiofónicos, non autófonos. O interruptor móvese sen intervención do aire.

412.21 De desprazamento ou rotación sobre seu propio plano. O interruptor do aire xira no seu propio plano. Fungos, sereas.

412.22 Xiratorios. O aparato que produce a interrupción da corrente de aire xira arredor do seu eixo. Zoadeiras

413 AERÓFONOS DE EXPLOSIÓN. O aire circundante é posto en vibración cando recibe un único choque procedente do aire contido nunha cavidade.

413.1 1 Explosivos. O choque provén da deflagración dun material explosivo. Petardos, foguetes, morteiros etc..

413.2 De sobrepresión. O choque provén da sobrepresión a que é sometida unha cavidade que contén aire.

42 AERÓFONOS DE SOPRO OU INSTRUMENTOS DE VENTO PROPIAMENTE DITOS. O aire vibrante está limitado polo corpo do propio instrumento.

420 INSTRUMENTOS DE SOPRO DIRECTO 2.

420.1 Instrumentos de sopro directo que non son frautas.

420.11 Asubíos de boca. Dolio e cabaza; asubío de óso, noz, abelá etc., asubío de noz ou carrabouxo con furados, tamén as mans pechadas formando unha cavidade poden ser introducidas aquí malia que nós o facemos no apartado dos aerófonos corporais.

420.12 Asubíos de boca cun furado lingual para a modificación do son.

420.2 Follas vexetais tocadas apoiándoas nos beizos. Este tipo de instrumentos poderían ser clasificados como aerófonos libres na categoría 412.121 (lingüetas de bater individuais) ou ben na categoría 412.14 (lingüetas de fita), non entanto, para ser un aerófono libre debería carecer de cámara de aire e as follas resoan na boca do tocador. Tamén poderían ser clasificadas como membranófonos, dentro da categoría das membranas cantoras, pero pensamos que a creación deste subapartado especial para este tipo de instrumentos está plenamente xustificado pola súa independencia de parentesco con calquera outro grupo de instrumentos. O instrumento está composto pola boca, como cavidade que contén o aire que resoa, e a folla como mecanismo que o pon en vibración.

421 AERÓFONOS DE FÍO OU FRAUTAS. Unha corrente de aire bate contra un fío, bisel ou mesmo contra o canto do propio tubo da frauta. O extremo inferior das frautas pode ser aberto ou obturado por un nó natural, un tapón ou unha tapa. Son os únicos instrumentos de vento que poden estar pechados no seu extremo inferior.

421.1 Sen canal de insuflación. O mesmo executante produce cos beizos unha corrente de aire que dirixe mediante os beizos contra o borde superior do tubo aberto.

421.11 Lonxitudinais. O executante sopra contra o borde agudo da abertura superior dun tubo.

421.111 Illadas.

421.111.1 Abertas. O extremo inferior da frauta está aberto.

421.111.11 Sen furados 3.

421.111.12 Con furados.

421.111.2 Pechadas. O extremo inferior da frauta está pechado.

421.111.21 Sen furados. Asubío

421.111.22 Con furados.

421.112 En xogos ou frautas de Pan. Varias frautas lonxitudinais con diferentes afinacións están xunguidas formando o mesmo instrumento.

421.112.1 Abertas

421.112.11 En forma de balsa.

421.112.12 En forma de paquete.

421.112.2 Pechadas.

421.112.11 En forma de balsa. Apitos e chifres de cana.

421.112.12 En forma de paquete.

421.112.3 Abertas e pechadas.

421.12 Frautas de sopro lateral ou traveseiras. O executante sopra contra o borde afiado dun furado practicado nun lateral do tubo.

421.121 Illadas ou individuais.

421.121.1 Abertas.

421.121.11 Sen furados.

421.121.12 Con varios furados tonais. Frautas, requintas e pínfanos.

421.121.2 De tubo parcialmente aberto. O orificio inferior consiste nun pequeno burato no nó terminal.

421.121.3 De tubo pechado.

421.121.31 Sen furados.

421.121.311 De xeito fixo.

421.121.312 Axustables.

421.121.32 Con furados.

421.122 En xogos

421.122.1 De tubos abertos.

421.122.2 De tubos pechados.

421.13 Frautas globulares, sen pico ou boquilla. O corpo da frauta non é un tubo senón un vaso.

421.2 Con canle de insuflación (aeroducto). Unha fenda estreita conduce a corrente de ar contra o borde afiado (bisel) dun corte lateral.

421.21 Con aeroducto externo. A canle está fóra da parede da frauta.

421.211 Individuais. [Subdivisións iguais a 421.121]

421.212 En grupo.

421.22 Con aeroducto interno. A canle está no interior do tubo. Tamén pertencen a este grupo as frautas nas que a canle se forma mediante a introdución dun taco (nó, cera, resina) no interior do tubo e por unha tapa axustada enriba por fóra (cana, madeira, coiro).

421.221 Illadas ou individuais.

421.221.1 Abertas.

421.221.11 Sen furados.

421.221.12 Con furados. Xipros, asubíos de tona, pitos de pastores e freixolé.

421.221.2 Medio pechadas. Pitos de cabreiros

421.221.3 Pechadas.

421.221.31 Sen furados.

421.221.311 De fondo fixo. Xipros, chifres, asubíos de madeira e de tona.

421.221.312 De fondo con tapón móbil. Frauta de pistón.

421.221.32 Con furados. Xipros, asubíos.

421.221.4 Globulares.

421.221.41 Sen furados. Paxariños de cerámica.

421.221.42 Con furados. Ocarinas, caramelas.

421.222 En xogos. Órgano.

421.222.1 Abertas.

421.222.11 Sen furados.

421.222.12 Con furados. Frautas duplas, flageolet.

421.222.2 De tubos parcialmente pechados.

421.222.3 De tubos pechados.

422 AERÓFONOS DE LINGÜETA. O aire ponse en vibración por medio de laminiñas vibrantes (duplas ou sinxelas) que se engaden á parte superior do instrumento. Deste xeito, mercé á vibración das laminiñas, o aire accede ao interior do instrumento en rápidas descargas, producindo así a vibración da columna de aire contida nel.

422.1 Óboes. O instrumento ten na parte superior unha lingüeta dupla (palleta), que pode ser de factura elaborada, é dicir, formadas por dúas láminas de cana, millo, madeira, corno etc., que son unidas de xeito artificial, ou de construción máis sinxela, caso dun talo vexetal esmagado na súa punta (pipa 4).

422.11 Illados ou individuais.

422.111 O tubo ten o interior, a perforación, cilíndrica.

422.111.1 Sen furados tonais. Pipa de palla co borde esmagado.

422.111.2 Con furados tonais. Pipa de palla con furados tonais, gaitas ou pipas de castiñeiro, gaitas de cana e sabugueiro 5, gaita do Baixo Miño.

422.112 De tubo cónico.

422.112.1 Sen furados dixitais. Tobas, cornetas de empates.

422.112.2 Con furados dixitais. Óboes en xeral, como a dulzaina, a gralla, a tenora, a bombarda ou a palheta, en Galicia a toba, a chirimía e, por suposto, a maior parte dos cantores das gaitas de fol (punteiros).

422.12 En xogos.

422.121 De tubo cilíndrico. Gaita de Vilariño de Conso, aulòs e tibias (duplas).

422.122 De tubo cónico. Punteiros das zampognas italianas.

422.2 Clarinetes. O instrumento vai equipado cunha soa laminiña que bate sobre unha parte do instrumento ao entrar en vibración por acción dunha corrente de aire.

422.21 Illados ou individuais.

422.211 De tubo con perforación cilíndrica.

422.221.1 Sen buratos dixitais. Bordóns (roncóns das gaitas de fol).

422.221.2 Con furados tonais. Gaitas ou pipas de alcacén, gaitas de cana e sabugueiro, clarinetes, rosca do Baixo Miño, pipa e gaitas do Bierzo.

422.212 De tubo cónico. Corno con pallón, saxofón, roncóns das gaitas de fol.

422.22 En xogos.

422.221 Tubos con luz cilíndrica.

422.221.1 Sen furados dixitais.

422.221.2 Con furados dixitais. Zummaras exipcias, reclam de xeremies ibicenco.

422.221.3 6 Con e sen furados dixitais. Launeddas, arghul exipcio, pipas de alcacén duplas e triplas, gaitas de cana.

422.222 Tubos con luz cónica.

422.3 De lingüeta libre. A lingüeta móvese a través dunha abertura exactamente do seu tamaño. Deben existir sempre furados, senón o instrumento pertencería ás lingüetas libres en marco (412.13).

422.31 Illadas.

422.32 Duplas.

A sistematización proposta por Hornbostel e Sachs para os aerófonos de lingüeta permite encadrar sen dificultade as diferentes partes que constitúen as gaitas de fol 7: os tubos cantores e os bordóns, sendo necesario engadir o sufixo –62 para indicar a presenza dun depósito flexible de aire: o fol. Non entanto, os tubos que compoñen unha mesma gaita de fol forman un todo absolutamente indivisible. É dicir, os elementos constitutivos de cada unha das gaitas de fol hoxe coñecidas dentro e fóra de Galicia forman unha unidade organolóxica, un instrumento musical que non é posible encadrar como tal nos subapartados do grupo dos aerófonos de lingüeta. Estas unidades organolóxicas ou espécimes instrumentais, evolucionan desde o seu nacemento de xeito totalmente conxunto e inseparable. Este principio de indisolubilidade é válido tanto se ollamos as gaitas de fol desde o punto de vista individual, instrumento a instrumento, como se as consideramos como unha grande familia de aerófonos. Esta familia tería como denominador común, como elemento máis definitorio e característico, a presenza dun depósito flexible con forma de bolsa que proporciona unha corrente de aire a presión da que se alimentan os diferentes tubos sonoros que constitúen cada gaita de fol.

Pese a isto, e con todo o lóxico que nos semella este razoamento, vimos de ver como para a clasificación dalgunhas gaitas de fol é moitas veces necesario realizar un despece do instrumento para a introdución de cada unha das súas pezas nunha ou outra categoría. Como, se non é procedendo por mutilación, poderiamos clasificar a máis sinxela gaita de fol galega, dotada dun tubo cantor, o punteiro, pertencente á clase dos óboes, e dun bordón, o roncón, facilmente identificable na categoría dos clarinetes? Non representa isto unha enorme incongruencia da clasificación de Hornbostel e Sachs que mina o principio fundamental que dita a necesidade de que cada instrumento musical debe pertencer a unha soa categoría? Qué tipo de sistema de clasificación sería aquel, permítannos o símil biolóxico, que introducise os morcegos na clase das aves por estar dotados de ás, e ao mesmo tempo na clase dos mamíferos por parir e alimentar con leite as crías? As gaitas de fol, como os morcegos dentro dos mamíferos, forman unha familia ben diferenciada formada por instrumentos evolutivamente relacionados pola adquisición dun sistema de alimentación de aire particular e que compartillan, por isto, unha orixe común dentro da árbore evolutiva dos aerófonos. Por estas razóns, pensamos que calquera sistema de clasificación debe contemplar as gaitas de fol como un grupo de aerófonos con entidade propia, polo que cremos de todo necesaria a inclusión na clasificación de Hornbostel e Sachs dun novo apartado que acolla especificamente todas as gaitas de fol como o grupo instrumental perfectamente definible e diferenciable que son. Así pois, propoñemos a creación dun apartado, que correspondería na clasificación decimal ao 422.4, integrado por todos aqueles instrumentos aerófonos compostos dun ou varios tubos sonoros, que podendo ser de diversa natureza (clarinetes e/ou óboes) e presentarse nun número variable, parten todos do mesmo depósito flexible para o aire con forma de bolsa que é sostido e apertado debaixo do brazo do músico 8.

Cabería tamén incluír neste apartado todos os instrumentos aerófonos soprados coa boca mediante o uso da técnica da respiración circular, xa que entón a cavidade bucal axústase perfectamente a definición de depósito de aire dotado de flexibilidade; non entanto, e pese a ser estes precisamente os aerófonos devanceiros directos das gaitas de fol, cremos que existen tres argumentos de peso para non incluílos dentro deste grupo:

O primeiro deles sería, por suposto, que no caso dos aerófonos soprados con respiración circular o depósito de aire flexible non pertence ao instrumento, senón ao corpo do tocador. Polo tanto, non é unha característica morfolóxica do instrumento, como o é o fol no caso das gaitas de fol, senón más ben unha técnica particular de soprado, que seguramente orientou os homes cara á invención do fol.

Por outra parte, e como segundo argumento, hai que dicir que a introdución dos aerófonos soprados por medio de respiración circular nun apartado determinado da clasificación de Hornbostel e Sachs non require desmantelar a integridade morfolóxica destes instrumentos, posto que aínda que poden estar dotados de varios tubos cantores, estes van sempre equipados co mesmo tipo de lingüetas, característica que, por outra parte, denota a súa alta situación no camiño xenealóxico que conduce cara ás gaitas de fol. Pensemos senón nos aulòs gregos, nas tibias romanas, nas gaitas duplas de Vilariño de Conso, nas gaitas de alcacén duplas ou triplas, nas launeddas de Sardeña, no arghul e nas zummaras exipcias ou mesmo no alboka vasco.

Por último, o terceiro argumento para non incluírmos os aerófonos soprados con respiración circular no grupo das gaitas de fol e considerármolas como un conxunto organolóxico perfectamente diferenciado, baséase no proceso mesmo de aparición das gaitas de fol. A invención do fol representou sen dúbida ningunha un gran alivio para o esforzo do músico que practicaba a custosa respiración circular, e foi precisamente este esforzo o que propiciou un ambiente favorable para acolar un fol a instrumentos que xa existían e eran soprados tradicionalmente coa boca (con ou sen respiración circular). O caso é que o novo mecanismo foi amplamente aceptado e estendeuse con suma rapidez hai uns dous mil anos, significando dentro da historia dos aerófonos unha importantísima revolución. Este novo vieiro, polo que camiñarán todos os instrumentos dotados de fol, conduciu á aparición dun novo tipo de instrumentos, que forman un grupo grande e diverso como poucos.

Pensamos que estas tres razóns, xunto co que nos parágrafos anteriores expuxemos, teñen a forza suficiente para alicerzar a creación dun novo grupo dentro dos aerófonos no que se inclúan todos aqueles instrumentos dotados de fol con forma de bolsa que o tocador aperta baixo o brazo.

Como vimos dicindo desde o principio deste capítulo, pensamos que as relacións de parentesco deben ser guía e piar mestre en calquera sistema de clasificación, xa que logo, para a subdivisión do apartado 422.4, que contén as gaitas de fol, debemos ser dirixidos, dentro dos coñecementos ao noso dispor, polos procesos evolutivos que conducen á aparición de cada unha das diferentes gaitas de fol que hoxe coñecemos.

Así e todo, este capítulo está dedicado unicamente á exposición do sistema de clasificación dos instrumentos musicais que empregaremos durante o resto deste traballo e a encadrar as especies galegas nel, polo tanto non é o lugar axeitado para discutirmos sobre a evolución interna do grupo das gaitas de fol, aspecto este que deixaremos para unha ocasión máis propicia que nos permitirá situar e centrar a gaita de fol galega dentro do complexo mundo destes instrumentos e así entender mellor a súa historia.

Como froito do proceso de desenvolvemento histórico das gaitas de fol xorde o sistema de subdivisión interna deste grupo que a continuación propoñemos.

422.4 GAITAS DE FOL. Instrumentos aerófonos que inclúen un depósito de aire flexible con forma de bolsa apertado debaixo do brazo do tocador do que parten un ou varios tubos sonoros.

422.41 GAITAS DE FOL CON CANTORES DE TIPO ÓBOE.

422.411 Con dous tubos cantores.

422.411.1 Sen bordóns. Moitas gaitas medievais.

422.411.2 Con bordóns de lingüeta dupla.

422.411.21 Sen furados tonais neles. Zampogna italiana.

422.411.22 Con furados tonais neles.

422.412.3 Con bordóns de lingüeta sinxela.

422.412.31 Sen furados tonais nos bordóns.

422.412.32 Con furados tonais nos bordóns.

422.412.3 Con combinacións de ambos tipos de lingüetas nos bordóns.

422.412 Con un só tubo cantor.

422.412.1 Sen bordón. Varios tipos de gaitas medievais.

422.412.2 Con bordóns de lingüeta dupla.

422.412.21 Sen furados tonais.

422.412.22 Con furados tonais.

422.412.3 Con bordóns de lingüeta sinxela

422.412.31 Sen furados tonais nos bordóns.

422.412.312 Con un bordón. Gaita de fol galega “sinxela”, gaita de fole trasmontana, gaita de fole xabresa (da Seabra zamorana).

422.412.313 Con dous bordóns. Gaita de barquín.

422.412.314 Con tres bordóns. Highland bagpipe.

422.412.32 Con furados tonais nos bordóns. Uillean pipes.

422.412.4 Con combinacións de ambos tipos de bordóns. Gaita de ronquillo, gaita de catro voces.

Sufixos:

-62: insuflación directa do fol coa boca a través dun tubo.

-63: insuflación mecánica a través dun barquín.

422.42 GAITAS DE FOL CON CANTORES TIPO CLARINETE

Pódense dividir en dous grandes grupos segundo o tipo de lingüeta sexa idioglota 9, probablemente as máis antigas, ou heteroglota 10, as máis modernas, aínda que do primeiro grupo non coñezamos exemplos fóra de Galicia.

422.421 Tubos cantores idioglotos. Gaitas de cana con cantores idioglotos.

422.422 Gaitas de fol con cantores tipo clarinete heterogloto 11. Malia a súa maior diversidade morfolóxica pensamos que este grupo de gaitas de fol é posterior no tempo ás dotadas de cantores de lingüeta dupla. A súa maior diversidade podería ser debida a que no momento da invención do fol existía xa unha maior diversidade de aerófonos de lingüeta sinxela soprados coa boca, seguramente froito dunha grande antigüidade que permitiu a lenta aparición de variantes.

422.422.1 Sen resoador. Consideramos que a aparición do resoador é anterior á duplicación dos tubos cantores porque existen gaitas de fol con cantores duplos dotados de cadanseu resoador.

422.411.11 Cantores sinxelos.

422.411.111 Sen bordóns. Sruti upanga, a gaita de fol de Madrás (India) [Bagpipes 12, p. 29]; gaitas de cana sen bordón. Este sería o grupo máis antigo de cornamusas con cantores de tipo clarinete.

422.411.112 Con bordón. Gaita de cana con bordón, gaida búlgara e cimpoi romanés [Bagpipes, p. 85].

422.411.12 Cantores duplos.

422.411.121 Sen xugo 13

422.411.121.1 Igual numero de furados

422.411.121.2 Diferente número de furados

422.411.122 Con xugo

422.411.122.1 Cantores independentes

422.411.122.11 Igual número de furados

422.411.122.12 Diferente número de furados

422.411.122.2 Cantores furados no mesmo xugo.

422.411.122.21 Igual número de furados.

422.411.122.22 Diferente número de furados

422.422.2 Con resoador. Estas gaitas de fol pertencen tamén á serie das máis antigas, polo que a súa distribución é moi ampla: desde a Europa atlántica, pasando polo norte de África ata os Urais e a India. O resoador adoita a ser un corno de ungulado, principalmente de bóvidos, polo que en inglés son denominadas hornpipes, termo que nós verteremos como gaitas de corno. Nas especies con xugo o resoador pode ser labrado na mesma madeira do xugo.

422.422.21 Cantores sinxelos

422.422.211 Sen bordón. Rosca, pipa do Bierzo se consideramos que a campá final é a integración do resoador na madeira do tubo cantor.

422.422.212 Con bordón.

422.422.22 Cantores duplos.

422.422.221 Dous resoadores

422.422.221.1 Sen xugo: Zūkra, cornamusa de Tunicia, cun resoador en cada cantor [Bagpipes, p. 37]. Tamén a gaita de fol de Biskra (Alxeria), e mais outras cornamusas tocadas en Exipto e Iraq [Bagpipes, p. 38].

422.422.221.11 Igual numero de furados.

422.422.221.12 Diferente número de furados.

422.422.222.2 Con xugo. Gaitas de fol beduínas de Siria [Bagpipes, p. 39], de Gales [Bagpipes, p. 40-41], e a armenia parakapzuk [Bagpipes, p. 48] (as tres sen dentados nos resoadores) e todas as gaitas de fol do grupo Exeo: tsambouna das illas gregas, mandoura de Creta, zampogna da illa de Malta, tulum* turco, chiponi* de Adzharia, stviri* de Xeorxia, (todas cos resoadores dentados) [Bagpipes, p. 45-48]

422.422.222.21 Cantores independentes

422.422.222.211 Igual número de furados.

422.422.222.212 Diferente número de furados.

422.422.222.22 Cantores furados no mesmo xugo

422.422.222.221 Igual número de furados.

422.422.222.222 Diferente número de furados.

422.422.22 Un resoador

422.412.221 Sen xugo

422.412.221.1 Igual numero de furados

422.412.221.2 Diferente número de furados

422.412.222 Con xugo

422.412.222.1 Cantores independentes

422.412.222.11 Igual número de furados

422.412.222.12 Diferente número de furados

422.412.222.2 Cantores furados no mesmo xugo

422.412.222.21 Igual número de furados

422.412.222.22 Diferente número de furados

Cada unha das categorías finais que acabamos de crear refírese soamente ao cantor das gaitas de fol con tubo melódico de tipo clarinete heterogloto e duplo. Non estamos seguros de que haxa gaitas de fol con este tipo de cantores duplos que posúan bordóns. Máis ben pensamos que a propia duplicidade con furados distintos cumpre xa esta función. De non ser así, a cada unha das categorías finais habería que engadir aínda unha subdivisión máis que abranga a ausencia ou presenza de bordóns adicionais que se podería facer mediante sufixos. Propoñemos os seguintes para denotar algunha característica importante, non só sobre o sistema de emisión sonora, senón tamén sobre algunha característica morfolóxica de relevancia para a clasificación evolutiva das gaitas de fol:

-1 Resoador con borde liso.

-2 Resoador con borde dentado.

-3 Presenza de máis dun bordón independente do tubo cantor.

-31 Todos os bordóns co mesmo tipo de lingüetas.

-311 Todos do tipo clarinete.

-312 Diversas mesturas de bordóns tipo clarinete e óboe.

Despois deste necesario inciso para a organización dun grupo tan complexo como as gaitas de fol, sigamos co seguinte grupo que a clasificación que Hornbostel e Sachs propón para os aerófonos:

423 TROMPETAS E CORNOS. Por medio dos beizos vibrantes do executante, o aire entra por descargas periódicas dentro do instrumento poñendo en vibración a columna de aire nel contida 14. Trompetas e cornos non sempre poden ser diferenciados. Os cornos xeralmente revelan, pola súa forma, proceder de cornos animais, polo que adoitan ter unha sección ou perforación relativamente máis larga que as trompetas e máis ou menos cónica. Como resultado deste tipo de deseño interno, o son dos cornos é máis apagado que o das trompetas que, tendo os seus devanceiros en tubos rectos de bambú ou en pólas furadas de árbores, teñen unha perforación interna cilíndrica e estreita na maior parte da súa lonxitude, producindo sons máis incisivos e brillantes. Así pois, malia que é fácil diferenciar os tipos extremos de cornos e trompetas, existen gran cantidade de formas intermedias que se combinaron e mesturaron de tal xeito que non existe unha clara diferenciación entre elas, clasificándose nos seguintes apartados:

423.1 Trompetas e cornos naturais. Carecen de mecanismos para modificar a altura do son, ou sexa, non posúen furados tonais.

423.11 Cornos. Trátase de instrumentos fabricados en arxila, madeira furada de xeito cónico, coa cuncha dun molusco ou cun corno animal, no que se practica un furado destinado a apoiar os beizos que pode situarse no extremo ou ben nun lateral.

423.111 Con furado bocal terminal.

423.111.1 Sen boquilla. Buguinas (cunchas de molusco) e cornos.

423.111.2 Con boquilla. Buguinas de arxila.

423.112 Con furado bocal lateral.

423.12 Trompetas. Instrumentos fabricados normalmente en madeira, cana ou metal. Poden ser:

423.121 Lonxitudinais, é dicir, a boca do músico aplícase no extremo do instrumento.

423.121.1 Trompetas rectas. O tubo non é nin curvo nin crebado.

423.121.11 Sen embocaduras.

423.121.12 Con embocadura. Anafil.

423.121.2 Trompas/cornas. O tubo do instrumento está curvado, crebado ou enroscado.

423.121.21 Sen embocadura.

423. 121.22 Con embocadura. Algúns tipos de trompetas presentes no antroido de Mormentelos (Vilariño de Conso)

423.122 Trompetas traveseiras. A abertura de sopro está nun lado.

423.122.1 De tubo recto.

423.122.2 De tubo curvado.

423.2 Trompetas cromáticas. Posúen un mecanismo para cambiar a altura do son fundamental emitido polo instrumento.

423.21 Con furados dixitais. Cornetín.

423.22 Extensibles. Trombón de varas.

423.23 De válvulas.

423.231 Bugle de válvulas. O tubo é cónico.

423.232 Trompa de válvulas. Unha parte considerable do tubo é cónica.

423.233 Trompeta de válvulas. O tubo é basicamente cilíndrico.

Os sufixos que se poden engadir a calquera dos apartados anteriores:

-6 Con reserva de aire.

-61 Con reserva de aire de corpo ríxido.

-62 Con reserva de aire de corpo flexible.

-7 Con tapas para os furados dixitais.

-71 Con chaves.

-72 Cunha fita perforada.

-8 Con teclado.

-9 De acción mecánica.

Tentándomos introducir os instrumentos de tipo corno que temos documentados en Galicia neste último apartado da clasificación de Hornbostel e Sachs, comprobamos que non existe nel unha clase axeitada para os instrumentos fabricados co corno dun animal e dotados de furados dixitais, instrumentos que foron relativamente frecuentes no folclore galego ata principios do século XX.

Esta circunstancia prodúcese porque o apartado 423.2, que debera encadrar cornos e trompetas con mecanismos de modificación do son fundamental, está -deseñado desde o punto de vista dos instrumentos coñecidos e, secasí, soa-mente acolle trompas, trombóns e bugles. Pensamos que non nos trabucamos ao propoñer a seguinte subdivisión que modifica este derradeiro apartado para poder introducir nel os cornos con furados dixitais:

423.2 Trompetas e cornos cromáticos. Posúen mecanismos para cambiar a altura do son fundamental emitido polo instrumento.

423.21 Cornos.

423.211 Con furados dixitais. Cornetas con furados dixitais, cornetas medievais e renacentistas.

423.212 Con outros sistemas de modificación da altura sonora.

423.22 Trompetas.

423.21 Con furados dixitais. Cornetín.

423.22 Extensibles. Trombón de varas.

423.23 De válvulas.

423.231 O tubo é cónico. Bugle 15.

423.232 Unha parte considerable do tubo é cónica. Trompa.

423.234 O tubo é basicamente cilíndrico. Trompeta.

Pero non rematan aquí as obxeccións á clasificación xeral dos aerófonos proposta polos dous musicólogos alemáns. Onde introducir aqueles instrumentos aerófonos nos que a cavidade que limita a columna de aire posta en vibración está composta por algunha parte do propio corpo do músico? Quedan fóra da clasificación de Hornbostel e Sachs instrumentos musicais tan significativos como a propia voz humana, como o asubío producido polos beizos ou pola introdución dalgún dedo na boca, ou mesmo o auténtico instrumento aerófono formado polas mans colocadas a xeito de cavidade no interior da que se sopra, podendo modificar a altura do son abrindo ou pechando dita cavidade. Estes instrumentos tan variados e de difícil organización poderíanse introducir nunha última categoría dentro dos aerófonos:

424 AERÓFONOS CORPORAIS

424.1 Voz [401]. A cavidade que contén a columna de aire vibrante é o propio sistema respiratorio. Quen dubida que a voz humana é un dos instrumentos musicais máis perfectos e versátiles?

424.2 Diversos xeitos de asubiar.

Asubío labial.

Asubío lingual

Asubío axudado de dedos.

424.3 Asubío en cavidade formada coas mans.

424.4 Reclamo perdiz e paspallás.

Despois de repasarmos esta clasificación vemos con claridade cal é o motivo do seu éxito entre os estudosos. É un sistema universal, lóxico e tamén goza dunha sinxeleza notoria, o que o fai facilmente aplicable a calquera conxunto instrumental, malia necesitar usualmente modificacións cando se aplica a unha cultura concreta e de precisar o achegamento dunha clasificación émica para poder comprender un sistema instrumental dentro dunha cultura dada. Outra virtude desta sistemática é que, ao mesmo tempo que clasifica, en moitos casos establece un parentesco aproximado entre os diversos instrumentos musicais, permitindo un certo grao de análise.

Así e todo, non debemos caer no erro de pensar que esta é a clasificación definitiva e que carece de puntos fracos. Nós mesmos tivemos a necesidade de modificala para introducir determinados instrumentos galegos. O mesmo Sachs recoñece que é imposible unha clasificación dos instrumentos musicais totalmente lóxica e coherente, posto que as obras do home, na súa xénese, non adoitan a seguir normas predefinidas, e non son por tanto susceptibles de ser introducidas nun sistema de categorías totalmente coherentes e lóxicas, capaces de explicar por si mesmas os parentescos entre instrumentos tal e como o fai, por exemplo, a clasificación dos seres vivos proposta por Linneo, pois pese a que vimos falando de evolución e filoxénese dos instrumentos musicais, sabido é que os feitos culturais non están suxeitos ás mesmas normas que a evolución bioloxicamente entendida.

Como xa puidemos ir apreciando, un dos puntos débiles desta clasificación é que existen instrumentos musicais que poden ser introducidos en máis dunha categoría, o que contravén ostensiblemente as normas da filoxenia. O profesor A. Schaeffner 16 exemplifica este extremo cun instrumento africano consistente nun mango que leva, á vez, un tambor (membranófono), un axóuxere (idiófono) e unha corda que pode ser beliscada (cordófono). Mais non temos que recorrer a instrumentos exóticos para decatarnos deste tipo de incongruencias, pois xa vimos como a nosa pandeireta pode ser considerada ben como un tambor de marco (membranófono) con ferreñas ou ben como un idiófono dotado dunha membrana; tamén a trompa ou birimbao pode ser clasificada como un idiófono punteado ou como un aerófono, xa que participa de ambas as características.

Outra das pexas da clasificación proposta polos alemáns Sachs e Hornbostel, anotada así mesmo por A. Schaeffner 17  é de novo a grande heteroxeneidade do grupo dos idiófonos. Nel achamos mesturados instrumentos puramente “ruidosos” con toda unha especie de aristocracia melódica composta por trompas, sanzas, xilófonos e metalófonos, todos eles capaces de producir as máis delicadas melodías. Deste xeito, o grupo dos idiófonos aseméllase perigosamente ao remexido dos “instrumentos de percusión” da clasificación clásica.

Por outra parte, na sistematización de Sachs e Hornbostel bótase en falta o coñecemento profundo do xeito de tocar cada instrumento, coñecemento que fornece unha inestimable información acerca da situación precisa de cada especie. Os diferentes instrumentos musicais son introducidos nunha ou outra categoría atendendo principalmente a un criterio de obtención do son que é examinado baixo un prisma puramente morfolóxico, sen ter en conta a forma exacta en que o instrumento é tocado. Un par de exemplos que ilustran este extremo son a introdución das trompas ou berimbaus na clase dos idiófonos e a das pandeiretas sostidas coa man dereita nos membranófonos. No texto que dedicaremos especificamente ás trompas veremos que, polo xeito de tocalas, deberían ser situadas entre os aerófonos, pois para poñelas en funcionamento cómpre que unha columna de aire delimitada polo corpo do tocador se poña en vibración ao pasar a través da lingüeta vibrante da trompa; columna de aire delimitada e mecanismo para poñela en vibración son características propias dos aerófonos, como xa vimos. Non entanto, clasifícanse como idiófonos, pois a lingüeta é batida cun dedo para poñela en vibración.

Tamén cando falemos das pandeiretas veremos como as grandes pandeiras son membranófonos polo xeito de construción e execución, pois precisan unha pel tensa e resoante para cumprir a súa función, mentres que as pandeiretas, máis modernas e pequenas, sostidas coa man dereita, son puramente idiofónicas, pois as tocadoras e tocadores prefiren a pel frouxa, sen vibración, desprazando así o protagonismo cara ás ferreñas. Este fenómeno podería indicar que as pandeiretas modernas descenden ou foron influenciadas por algún tipo de idiófono, quizais as ferreñas, sendo este un bo caso para exemplificar como a clasificación correcta dun instrumento musical dentro desta sistemática pode achegar coñecemento sobre a súa historia.

Sen este tipo de coñecementos funcionais é imposible levar a cabo unha clasificación dos instrumentos musicais sen caer en erros. Ocioso é dicir que é fisicamente imposible para un organólogo ou organógrafo acadar un coñecemento profundo do xeito de tocar todos e cada un dos instrumentos existentes, polo que a responsabilidade de tal tarefa debe recaer en traballos monográficos como o que agora nos ocupa, nos que si é posible chegar a coñecer en profundidade o xeito de tocar e de construír cada unha das especies instrumentais descritas. Deste xeito, pouco a pouco poderemos ir avanzando cara a unha clasificación máis completa, coherente e lóxica de todos os instrumentos musicais da cultura humana.

Por último, aínda outra importante eiva afecta a este sistema de clasificación cando se aplica a un sistema de cultura concreto: desbota toda a información cultural que conteñen os instrumentos. Quen, cando, como e porque se toca un instrumento, así como a súa significación e consideración sociocultural son informacións fundamentais para comprendermos os instrumentos musicais dentro dun sistema de cultura en particular, pero incluír estes datos na clasificación de Hornbostel e Sachs é, ben se comprende, impracticable. Nós non quixemos prescindir nin desta información, nin por suposto da propia clasificación que os galegos facemos dos nosos instrumentos musicais, de xeito que na explicación que faremos de cada un deles aludiremos, como xa dixemos, a dúas clasificacións ben diferentes: unha émica, a que os galegos facemos dos nosos instrumentos musicais, e outra ética, ou sexa a proposta por Hornbostel e Sachs. Ademais, verteremos todos aqueles datos culturais que consideremos oportunos para comprender o instrumento o máis profundamente que poidamos.

Ver notas
  1. [1] Categoría proposta por Jeremy Montagú no artigo: Juan i Nebot, M. A. “Versión castellana de la clasificación de instrumentos musicales según Erich von Hornbostel y Curt Sachs” (Traducida da versión inglesa aparecida no Galpin Society Journal XIV, 1961). Nasarre, XIV, 1. p. 381.
  2. [2] A clasificación de Hornbostel e Sachs non inclúe este apartado, adición proposta por Piken, L. Folk musical instruments of Turkey. London, 1975, p. 379.
  3. [3] Cando ao falarmos dos aerófonos facemos referencia á presenza ou ausencia de furados ou buratos, referímonos exclusivamente aos destinados a ser obturados cos dedos ou con chaves para a modificación da altura do son, ou sexa, aos denominados furados tonais ou furados dixitais.
  4. [4] O substantivo galego pipa designa en xeral calquera tipo de aerófono dotado de lingüeta, ben sexa sinxela ou dupla; así, na comarca da Fonsagrada sentimos falar de pipas de alcacén, pequenos clarinetes idioglotos fabricados con talos de centeo, e de pipas de castañeiro, óboes feitos con codia de castiñeiro. Tamén temos escoitado o nome pipa como sinónimo de palleta (lingüeta dupla) e mesmo existe, na Terra de Melide, o verbo empipar para a acción de fornecerlle ao punteiro da gaita de fol unha palleta, mentres que na Fonsagrada chaman pipois ás grandes palletas das tobas. Deste xeito, e posto que en galego carecemos dunha palabra comunmente aceptada para facer referencia aos instrumentos musicais que emiten o seu son mercé a lingüetas (duplas ou sinxelas), nós empregamos os termos tradicionais galegos pipa ou gaita para denominar de xeito xenérico este tipo de instrumentos, exactamente no mesmo senso que os ingleses usan reed-pipe. Esta palabra áchase relacionada con outras como as castelás pipa e pito, a inglesa pipe, a alemana pfeife, a italiana piva ou mesmo a sumeria pitu. Nos lugares de Galicia onde pipa fai referencia a un instrumento musical, úsase como sinónimo de gaita (pero non de gaita de fol).
  5. [5] Na parte setentrional de Galicia denominan ao sabugueiro (Sambucus nigra) bianteiro ou bieiteiro.
  6. [6] Nova categoría proposta no artigo de M.ª Antònia i Nebot polo xa varias veces citado Jeremy Monteagú e que nós consideramos tamén completamente necesaria.
  7. [7] Ao longo deste traballo empregaremos a denominación tradicional gaita de fol en vez da máis simplificada e corrente gaita para evitar a confusión con outros instrumentos musicais soprados directamente coa boca que tamén se denominan gaitas.
  8. [8] Esta pequena matización permite excluír deste grupo todos os tipos de órganos e aerófonos semellantes que funcionan mediante alimentación mecánica de diferentes conxuntos de tubos sonoros de moi variada índole, empregando diferentes sistemas mecánicos (foles ou barquíns) que non deixan de ser depósitos flexibles para impulsar o aire, pero que non teñen forma de bolsa, ou non son apertados baixo o brazo do tocador.
  9. [9] A lingüeta está labrada directamente no corpo do instrumento.
  10. [10] A lingüeta está labrada nun tubo diferente ao do instrumento e pódese separar deste.
  11. [11] A heteroglotización das lingüetas, é dicir a súa independización do tubo cantor, é un fenómeno moi anterior á invención do fol. Os clarinetes idioglotos son instrumentos moi sinxelos e de moi alta antigüidade, sen que se rexistre documentación de ningunha gaita de fol con este tipo de tubos cantores fóra de Galicia.
  12. [12] Baines, A. Bagpipes. Occasional Papers on Technology, 9. Ed. T.K. Penniman and B.M. Blackwood, 1960.
  13. [13] O xugo é unha peza de madeira na que van encaixados os dous cantores da gaita de fol e que, ademais, fai a función de buxa e por veces tamén a de resoador, como na mandoura cretense, suplindo así o emprego de cornos.
  14. [14] Un dos útiles sonoros máis sinxelos con este sistema de produción do son é o reclamo que os cazadores empregan para atraeren ás perdices e paspallás. Nós incluímolo dentro do apartado 424 “aerófonos coporais” pois  componse unicamente con partes do corpo. Debido á probada antigüidade dos reclamos de caza, é posible que este sinxelo reclamo estea na orixe de todo o grupo das trompetas e cornos.
  15. [15] A introdución dos bugles e trompas supoñemos que está xustificada polo feito de que, pese a teren tubos cónicos ou parcialmente cónicos, proceden evolutivamente falando de instrumentos con tubos cilíndricos, doutro xeito ambos os instrumentos deberían ser clasificados na categoría dos cornos cromáticos.
  16. [16] Schaeffner, A. Origine des instruments de musique. Editions de l’école des hautes-études en sciences sociales. Paris 1968. p. 164.
  17. [17] Schaeffner, A. Op. cit. p. 139.
Patrocinadores e colaboradores