Clasificación


Unha das primeiras decisións que tivemos que adoptar para a escritura desta obra que vos presentamos foi a elección dunha clasificación dos diferentes obxectos sonoros que os galegos usamos para expresar as nosas emocións, para facer a nosa música. Esta clasificación teríanos que permitir a inclusión de cada instrumento musical galego nunha única categoría ben diferenciada e encadrada dentro dun sistema coherente e lóxico desde o punto de vista organolóxico. Debiamos escoller un sistema de clasificación que, ao mesmo tempo, nos facilitase unha primeira aproximación sobre a posición filoxenética que ocupa cada unha das diferentes especies instrumentais galegas.

As dúas calidades que buscabamos na clasificación que imos empregar ao longo desta obra son as mesmas que desde moi cedo moveron os homes de ciencia interesados nos instrumentos musicais para propoñer diferentes tipos de clasificacións sistemáticas. Xa desde moi antigo aparecen estes intentos de clasificación, e desde moi cedo estas sistemáticas científicas toman camiños moi diferentes. Unhas propoñen como principio organizador os materiais con que os instrumentos son construídos, mentres que outras toman o xeito de producir o son como fundamental para a organización das diversas clases. As dúas escolas contemplan os instrumentos musicais baixo prismas ben diferenciados.

A primeira contempla o obxecto sonoro como un ente pertencente ao mundo do vivente e do natural, considerando que é a propia natureza quen dota o home de diversos materias capaces de producir sons diversos. Segundo esta concepción, cada sustancia xera un son cunha calidade metafísica concreta que afecta ao mundo humano e espiritual dun xeito que lle é particular.

O segundo tipo de sistemas observa os instrumentos como obxectos inanimados, sen relación co mundo vivinte e froito unicamente da creatividade, da imaxinación ou mesmo da necesidade humana. Esta segunda concepción dos obxectos sonoros leva a tratar o son como un fenómeno puramente acústico e aséptico, libre absolutamente de influencias sobre o mundo non físico.

Neste tipo de clasificacións sistemáticas o son queda relegado a un plano secundario respecto ao propio instrumento e á interacción deste co home. O xeito en que o instrumento é tocado ou, o que é o mesmo, á forma de conseguir o son, pasa así a ocupar un plano principal no sistema de clasificación.

Entre as clasificacións sistemáticas pertencentes ao primeiro grupo áchase a chinesa, que forma parte esencial das teorías musicais deste pobo, das que os occidentais cobramos un primeiro coñecemento grazas ao escrito do padre Amiot Mémoire sur la musique des chinois, tant anciens que modernes, publicada en 1779 polo abade Roussier. Este autor relata, entre outras moitas cousas, como os chineses distinguiran, desde moi antigo, oito naturezas diferentes nos sons, baseándose nas oito sustancias que a natureza puxera a dispor dos homes para a fabricación dos instrumentos musicais: a pel tensa dos animais, a pedra, o metal, a terra cocida, a seda, a madeira, o bambú e, finalmente, a cabaza. Cada unha destas materias orixina unha clase particular de instrumentos que emiten sons con calidades intrínsecas semellantes.

A clasificación tradicional chinesa goza dunha antigüidade substancial, pero non por iso o seu principio organizativo deixa de axeitarse, dun xeito sinxelo ou rudimentario, aos requisitos científicos arriba enunciados. Tanto é así, que este tipo de sistematización serviulles de inspiración a clasificacións moito máis modernas e afastadas da filosofía oriental, como é a do profesor André Schaeffner 1.

Ao segundo tipo de sistemas de clasificación pertence a vellísima clasificación occidental dos instrumentos nas sobradamente coñecidas categorías de vento, corda e percusión. A historia deste xeito de clasificar comeza hai máis de dous mil anos cando os grandes pensadores helenos dan forma á primeira teoría occidental da música e do son, baseándose única e exclusivamente na súa observación científica como fenómeno acústico e deixando de lado a súa vertente mística ou sobrenatural.

Este tipo de clasificación sistemática é arrastrada desde aquela polo mundo occidental e, unha vez pasados os escuros séculos baixomedievais, é recuperada polos autores renacentistas e barrocos. Desde aquela, pouco a pouco, foise infiltrando entre o pobo, pasando así a formar parte do saber popular de moitas xentes europeas.

Vexamos como concibían os gregos a clasificación dos instrumentos musicais e como un autor do século XVII retoma aquelas vellas ideas adaptándoas ao seu tempo. Pierre Trichet 2 no seu Traité des instruments de musique 3, escrito contra 1640, clasifica os instrumentos músicos en tres categorías: á primeira pertencen os que necesitan do vento ou do sopro, sexa natural ou artificial, para a produción do son: aqueles que os gregos denominaban pneumáticos e que Trichet denomina instrumentos de vento. Na segunda categoría os gregos incluían aqueles obxectos sonoros que dependían, para a produción do son, da tensión dalgún tipo de corda, ben fose feita de tripa, metal ou calquera outro material. Estes instrumentos eran denominados polos gregos como entantes, mentres que o xurista do parlamento de Bordeos pasa a nomealos instrumentos de corda. Por último, a derradeira categoría establecida por Trichet está integrada polos instrumentos que para a emisión de son non necesitan nin de cordas nin do aire, aqueles que resoan ao tocalos ou golpealos coas mans, con baquetas, martelos, aneis, ou calquera outro método. Son os que Trichet denomina instrumentos de percusión, chamados polos gregos crumáticos.

Agora que temos un minúsculo esbozo da historia das clasificacións dos instrumentos musicais, podemos observar como en ningunha destas dúas tendencias ou escolas achamos por agora unha clasificación enteiramente lóxica desde o punto de vista do paradigma científico occidental. O sistema chinés, pese a ter en consideración a natureza da materia que produce o son, e polo tanto as calidades deste, contén obstáculos infranqueables: instrumentos moi diferentes, xurdidos de liñas evolutivas diferenciadas, poden ser clasificados na mesma categoría sinxelamente por estaren construídos coa mesma materia, mentres que instrumentos que culturalmente están intimamente relacionados son incluídos en clases diversas por unha sinxela variación no seu material, pensemos, por exemplo, en dúas frautas, unha de bambú e outra de madeira. Dito doutro xeito, que o material empregado na construción de dous instrumentos musicais diferentes sexa o mesmo, non implica necesariamente que estes instrumentos sexan parentes dentro da árbore filoxenética, ou que signifiquen o mesmo para unha cultura, e tampouco cando os materiais de construción son diferentes podemos asegurar, só por esa razón, que os instrumentos non estean na mesma familia. Quizais pola nosa (de)formación biolóxica, pensamos que unha boa clasificación científica non debe ser só un sistema de situar especies dentro de cadros, senón que debe aspirar a achegar datos interesantes desde o punto de vista da orixe e evolución dos instrumentos musicais, das súas relacións culturais e incluso do seu significado dentro dun sistema cultural dado.

Por outra parte, a clasificación grega ou occidental clásica, presenta unha categoría de instrumentos, aqueles denominados instrumentos de percusión, que non é outra cousa cun enorme remexido, onde se sitúan instrumentos musicais de tan diversa índole que de ningunha forma se pode considerar que obteñan o son dun xeito similar e moito menos que estean emparentados; pensemos, por poñer un exemplo, na escasa relación que existe entre tambores, xilófonos, guimbardas, paus de entrebater etc. Non entanto, esta clasificación ten a virtude de contar con dous grupos, os instrumentos de vento e os de corda, que gozan dunha certa homoxeneidade interna, tanto cultural como morfolóxica e filoxenética. Tanto é así que a finais do século XIX, cando o conservador do Museo Instrumental de Bruxelas, Victor-Charles Mahillon, se propuxo clasificar todos os fondos deste riquísimo museo, aproveitou esta clasificación sistemática como base de partida, pero subdividindo o grupo dos denominados instrumentos de percusión para adecualo ao que el entendía como un sistema moderno. A clasificación proposta por Mahillon 4 non estaba concibida desde un punto de vista xeral, senón que fora pensada desde unha óptica particular, adaptada aos instrumentos que daquela formaban parte da colección do citado museo. Deste xeito, teriamos que esperar aínda 25 anos ata que Erich M. von Hornbostel e Curt Sachs, dous eruditos organólogos alemáns, emprenderan unha revisión do sistema de Mahillon. O froito desta revisión foi a proposición, en 1914, dunha nova clasificación para os instrumentos musicais 5. Este sistema tentaba resolver os requisitos antes trazados, de xeito que ambos concibiron unha clasificación sistemática universal que aspiraba a dar cabida a todos os instrumentos que daquela comezaban a ser descubertos por todo o mundo; que intentaba poñer de manifesto as relacións de parentesco existentes entre eles e no que cada instrumento musical puidese quedar claramente encadrado nunha soa categoría sen ningún tipo de ambigüidade.

A clasificación proposta por Hornbostel e Sachs emprega como principio organizativo fundamental o xeito en que se produce o son. Esta sistematización foi rapidamente aceptada nos seus puntos esenciais pola maioría dos científicos interesados dunha ou outra forma nos instrumentos de música (antropólogos, musicólogos, organólogos etc.), converténdose deste xeito nunha ferramenta de grande utilidade. Entre outras, esta clasificación ten a virtude de conter unha clave numérica ou clasificación decimal que facilita a inmediata identificación do sistema de produción sonora dun determinado instrumento, eliminando así as imprecisións da linguaxe. Lembremos que aínda está por elaborar un vocabulario técnico sobre os instrumentos musicais suficientemente preciso e universal. Existen, é verdade, clasificacións máis modernas dos instrumentos musicais, pero a de Hornbostel e Sachs segue a resistir o paso do tempo e a maior parte dos estudos seguen a facer uso dela.

Pronto lle ofreceremos ao lector a clasificación decimal proposta polos alemáns que traducimos ao galego desde unha versión castelá levada a cabo por M.ª Antonia Juan i Nebot 6. Ao mesmo tempo que expoñemos a clasificación iremos introducindo nela os instrumentos musicais que forman parte do instrumentario tradicional galego.

Sobre as denominacións dos instrumentos musicais

Todos sabemos que en Galicia cada especie instrumental pode recibir diferentes nomes dependendo das zonas; deixaremos constancia desa variación lexical cando falemos de cada instrumento en particular, mais para a súa introdución na clasificación de Hornbostel e Sachs debiamos escoller, por motivos prácticos, unha soa desas variantes dialectais; é dicir: debemos propoñer unha denominación xenérica galega para ese instrumento musical. Esta escolla, por suposto, non debía ser guiada polo azar nin moito menos polo gusto, polo antollo persoal ou adscrición dialectal propia, como noutras publicacións temos observado, senón por un criterio claro, aséptico e científico. Deste xeito, entre os varios criterios posibles para escoller unha denominación xenérica pensamos na extensión xeográfica da variante dialectal por parecernos o máis lóxico. Así pois, na maioría dos casos escolleremos a denominación máis común, a que é empregada nunha maior extensión xeográfica ou, o que vén sendo o mesmo, a usada por un maior número de portadores. Pero isto só será así na maioría dos casos, posto que existen uns poucos instrumentos musicais que en tempos pretéritos foron tocados en toda Galicia pero que agora soamente o son nunha pequena zona, dándose a curiosa circunstancia de que existe unha variante do nome do instrumento espallada por todo o pais, pero que é diferente á usada para a súa denominación na pequena zona onde aínda o instrumento é empregado. Nestes casos pareceunos máis lóxico escoller como denominación xenérica aquela empregada na zona onde o instrumento aínda vive 7. Tamén no caso de que un instrumento sexa claramente representativo dalgún oficio ambulante, asociación ou gremio, escolleremos o nome que lle dan os seus integrantes e non aquel que empregan outros sectores da poboación. Cómpre tamén aclarar que en ningún caso corrixiremos os nomes con que o pobo denomina un instrumento.

Na clasificación que exporemos a continuación os nomes dos instrumentos tradicionais galegos escribirémolos sempre en letra grosa para destacar a súa situación e empregaremos cursivas cando esteamos a nomear instrumentos alleos á tradición galega, que servirán de exemplos para as numerosas clases nas que o instrumentario galego non ten representantes por nós coñecidos. No resto do traballo escribiremos as denominacións dos instrumentos musicais galegos, ou das súas partes, en cursiva.

Dentro da clasificación, así como ao longo de todo o traballo, cada nome de instrumento irá seguido dunha referencia numérica entre corchetes que guiará o lector cara á páxina onde se acha a descrición detallada deste.

Ver notas
  1. [1] Schaeffner, A. Origine des instruments de musique. Editions de L’école des hautes-études en Sciences Sociales. Paris, 1994; pp. 371-377.
  2. [2] Sabemos que este avogado, criado en Bordeos e que pronto prestou unha grande atención aos instrumentos musicais, mantivo unha abondosa correspondencia de carácter científico con outro grande organólogo do seu tempo, o Padre Marin Mersenne, autor do Traité de l’harmonie universelle, publicado en 1627, outras das obras claves sobre música e organografía neste século.
  3. [3] Trichet, P. Traité des instruments de musique. (Circa 1640) Publicado por Minkoff Reprint con introdución e notas de François Lesure. Xenebra, 1978, pp. 19-20.
  4. [4] Mahillón, V.-C. Catalogue descriptif et analytique du Musée instrumental du Conservatoire Royal de Bruxelles précedé d’un essai de classification méthodique de tous les instruments anciens et modernes par Victor-Charles Mahillon, conservateur du Musée. Gand, Typographie C. Annoot-Braeckman, 1880-86.
  5. [5] Hornbostel, E. e Sachs, C. Systematik der Musikinstrumente. Zeitschrift für Ethnologie, Jahrg. 1914. Helf 4 u. 5, Berlin 1914.
  6. [6] Juan i Nebot, M. A. Versión castellana de la clasificación de instrumentos musicales según Erich von Hornbostel y Curt Sachs (Traducida da versión inglesa aparecida no Galpin Society Journal XIV, 1961). Nasarre, XIV, 1. pp 365-387.
  7. [7] Este é, por exemplo, o caso das guimbardas. Estes instrumentos son denominados en case toda Galicia como birimbaos, berimbaos ou birimbaus, pero seu uso decaeu e xa non atopamos tocadores vivos máis que na comarca da Fonsagrada, onde estes idiófonos reciben o nome de trompas.
Patrocinadores e colaboradores