Frauta (1)

Frautas de cana. Colección do autor. Fotografía de Alba Vázquez Carpentier.

Baixo a denominación de frauta de cana, frauta de sabugueiro ou simplemente frauta, achamos por toda Galicia sinxelas frautas traveseiras fabricadas de cana (Arundo donax) ou sabugueiro (Sambucus nigra) polos propios tocadores ou por algún veciño mañoso. Teñen unha lonxitude moi variable de entre 25 e 40 cm aproximadamente. Cando eran de pequeno tamaño tamén se denominaban pífanos, pínfanos ou chínfanos. En San Martiño de Trebello (Cáceres) documentamos a denominación de pífaros para estas frautiñas.

Como a cana xa ten un furado natural, aproveitábanse dous entrenós para facer unha frauta, de xeito que só se precisaba perforar o nó que hai entre as dúas seccións para que o tubo ficase interiormente liso. Isto conseguíase cun ferro quente. Con este mesmo instrumento practicábase o furado de soprar a uns 2 cm do nó que obtura a parte superior da frauta, e mais seis furados para os dedos 1. O furado de soprar tiña uns 10 mm de diámetro e os dos dedos, denominados tecnicamente furados dixitais ou tonais, uns 6-8 mm. O sabugueiro ten un miolo brando no interior que compre eliminar, o que se podía facer cun ferro quente ou simplemente cun pau, e como non ten nós, a parte superior tapábase cun anaco de cortiza. Polo demais estes dous tipos de frautas son idénticas.

Para calcular a distancia a que se perforaban os furados dixitais a norma era sinxela: “á distancia a que caen os dedos”, é dicir colocando os dedos sobre o instrumento de xeito natural marcábase onde se situaban e alí facíanse os furados. A distancia resultante era sempre duns 21-26 mm o que coincide moi ben coa norma construtiva clásica dos naï. Pero as coincidencias non acaban aquí, moitas veces (malia que non todas) a distancia entre o furado de soprar e o primeiro dos dedos adoitaba a ser tamén semellante á que separa ao primeiro e último dos furados tonais, tamén igual que no naï. Esta norma refírea tamén Ernesto Veiga de Oliveira 2 para este mesmo tipo de frautas en Portugal.

Para afinar estas frautas, os furados podíanse abrir un pouquiño co ferro quente, malia que seguindo as normas xa indicadas, adoitaban ficar xa cunha escala moi semellante á das gaitas de fol ou a do canto tradicional, que constituían o patrón polo que se guiaban estes construtores-tocadores para afinalas. Estas frautas construídas dunha soa peza, interiormente cilíndrica e con seis furados dixitais, correspóndense perfectamente co que se pensa podería ser o modelo medieval.

As frautas traveseiras de cana e sabugueiro foron moi empregadas como xoguetes, iso si, algo avanzados, pois a técnica de soprar non é doada. Tamén se empregaron moito polos pastores nenos, mozos e adultos que, tendo que pasar longas horas coidando do gando, gustaban distraerse tocando nestes instrumentos. Debemos destacar que este tipo tan sinxelo de frautas foron instrumentos de aprendizaxe para aqueles rapaces interesados na música e que acababan moitas veces sendo gaiteiros. Con esta función aparecen por toda Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra e en Portugal. Daquela, para saber se unha destas sinxelas frautas é ou non un instrumento musical propiamente dito, precisarase da contribución dos marcadores encubertos que xa expuxemos cando falamos da clasificación galega dos instrumentos musicais.

Debemos engadir que como a maior parte dos aerófonos galegos capaces de producir unha melodía, no noso sistema de cultura tradicional as frautas traveseiras están asociadas exclusivamente co sexo masculino.

Ver notas
  1. [1] Moito máis raramente aparecen frautas de sete e oito furados dixitais.
  2. [2] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Sociedade Industrial Gráfica. Fundação Calouste Gulbenkian/Museu Nacional de Etnologia. 3ª Ed. Lisboa 2000; p. 244.
Patrocinadores e colaboradores