Frautas traveseiras

Consisten nun tubo alongado de madeira, cana ou metal que ten un furado para soprar nun lateral e outros cantos, normalmente seis, para os dedos, de xeito que se pode executar unha melodía nelas. Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs este tipo de frautas pertencen ao grupo 421.121.12 (frautas de sopro lateral ou traveseiras) e no noso sistema de cultura tradicional son todas consideradas como verdadeiros instrumentos musicais, aínda que a consideración social do instrumento depende do material con que se fai o instrumento, de a quen acompaña e do xeito en que se toca. En canto á consideración do instrumentista, esta depende do tipo de instrumento que toca, pero sobre todo de como o toca. Por exemplo, as frautas traveseiras de cana ou sabugueiro vense como xoguetes de nenos, pero se as toca un adulto considéranse como un instrumento musical, mais non como algo de moito mérito. As frautas fabricadas en buxo ou outras madeiras son moito máis apreciadas, pero se o músico toca só non é tan considerado como se se integra nun conxunto ao pé da gaita de fol, do acordeón ou de calquera outro instrumento. En Galicia os frauteiros máis apreciados polos seus veciños son, sen dúbida, os requinteiros da comarca da Ulla, que acadan o mesmo ou superior estatus que os gaiteiros.

As frautas traveseiras son instrumentos bastante antigos. Non imos aquí escribir unha historia da frauta traveseira, pois hai magníficas obras dedicadas en exclusiva a iso, por exemplo The flute de Ardal Powel 1, pero si faremos a continuación un pequeno resumo que nos axudará a situar historicamente as nosas frautas.

Os achados prehistóricos non amosan, polo de agora, o coñecemento das frautas traveseiras naquela época. As primeiras representacións iconográficas claras deste instrumento datan do século XII e un século despois aparece claramente nas Cantigas de Santa María. Da frauta traveseira medieval só coñecemos unhas poucas imaxes e uns poucos fragmentos literarios. Documentos posteriores parecen indicar que a morfoloxía medieval de frauta traveseira consistía nun instrumento construído nunha soa peza de madeira e de furado interior cilíndrico, morfoloxía que probablemente se mantivo ata o renacemento. Do século XVII data unha iconografía do cadeirado da igrexa de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) onde tres anxos tocan o óboe, a corneta e a frauta traveseira. De finais do século XVII ou principios do XVIII datan as frautas traveseiras máis antigas que se conservan en Europa e xa teñen o interior cónico 2. A partir dese momento a conicidade interior aumenta e a frauta vaise construíndo progresivamente en máis pezas e engádeselle unha chave, dando lugar ao nacemento da frauta traveseira barroca. A evolución posterior incluíu un progresivo incremento no número de chaves e a aparición dun sistema de tubos na embocadura (o barrilete) que permitía afinar con maior facilidade o instrumento. Así xurdiu o modelo de frauta traveseira que se denomina clásico, propia do século XIX. Finalmente, este modelo foi substituído, arredor do 1860, por unha frauta enteiramente fabricada de metal, de sección cilíndrica, desenvolvida por Boehm.

Debemos sobrancear que en Galicia achamos todos estes estados da evolución das frautas traveseiras, de aí que a denominación xenérica e tradicional de frauta designe unha considerable diversidade de instrumentos. Algúns dicionarios galegos deixan entrever esta variabilidade. No que primeiro aparece frauta como instrumento musical é no de Rodríguez manuscrito (1855): “Flauta, instrumento musico. En port. lo mismo, y el de pierna[s] delgadas”. Pero é Valladares (1884) quen avisa xa da existencia de varios tipos de frautas: “Flauta: instrumento músico de madera, con llave, ó llaves y agujeros, para la boca y dedos.”; “Flautin: flautillo, caramillo, ó flauta pequeña” e por fin: “Requinta: travesera, ó flauta pequeña, de una sola llave.” Eladio Rodríguez (1958-1961) apunta tamén a existencia de frautas máis rústicas: “s. f. Flauta, instrumento músico de viento formado por un tubo de madera o metal, con embocadura y agujeros circulares para variar los sonidos que emite, según se tapan o destapan con los dedos. Hay también flautas rústicas, de cañas, que suelen hacer y usar los pastores en el campo. Frauta de chaves, la flauta que tiene llaves para facilitar el aumento de los sonidos. Refranes: Cando pitos, frautas; cando frautas, pitos. O que vèn pola frauta, vaise polo tamboril.”

Entre as coplas que fan alusión á frauta nos cancioneiros galegos temos que apuntar que aparece numerosas veces a denominación castelá “flauta” o que seguramente indica, como xa discutimos, que esta denominación penetrou serodiamente no noso idioma. Antigamente é moi probable que as frautas se denominasen en Galicia pitos, chifres, xipros etc., apelativos que aínda hoxe se aplican a estes instrumentos tanto en Galicia como noutras culturas ibéricas. Por outra parte, é moi difícil saber a que tipo de frautas se está a referir a fistora ou o fistor, sendo posible que nas máis antigas coplas se trate incluso das frautas con tambor.

Cunha frauta e cuns ferriños,

cunhas cunchas e un pandeiro

armamos logo a ruada

os veciños do Cruceiro.

[PPG, <P 3227> <L 0> <A 1884> <E DB>]

Galeguiños, vide axiña,

repinical as campanas

afinal as flautas dulces,

pífanos, tambor e gaita.

[CG, II, 112] (posiblemente de procedencia literaria)

Eu teño unha barquiña

de casca dunha cebola

pra levarlla a San Xosé

e máis á Nosa Señora.

Os fillos, fillos de reises,

dormen en cama dourada,

en cambio o noso Neniño

deitámolo nunhas pallas.

En Belén hai muita festa,

que tocan chifros e frautas,

vamos nós aló tamén

a tocar as nosas gaitas

i a aledar ó noso Ben

[CTC, 87]

Noutra variante desta panxoliña di:

En Belén hai moitas festas

son de pandeiros e gaitas,

vamos alá pastorciños

a tocar as nosas flautas

[CPT, 88]

Manuel, Manueliño,

Manuel da casa alta,

moito che queren as mozas

porque tocas ben a flauta

[CPTO, 107]

Apilla a frauta, Perucho,

e ti as ferreñas, Culás,

Caitano, colle o pandeiro,

e ti as cunchas, rapás.

[IMLTG, 138]

Bertolo ten unha frauta

e a muller ten un violo.

Cando a muller se lle enfada

¡Tócalle a frauta, Bertolo!

[IMLTG, 138]

Ver notas
  1. [1] Powel, A. The flute. Yale Musical Instruments Series. Yale University Press, 2002.
  2. [2] Trátase de dúas frautas con furados interiores cónicos, unha anónima en Re (La=395) e outra en Do (La=410) ou quizais en Re (La=360) construída por Richard Haka (Amsterdam 1646-1705).
Patrocinadores e colaboradores