As cuadrillas de reiseiros e os ranchos de reis

Estes conxuntos musicais saían a percorrer a parroquia de casa en casa durante as noites de Nadal, Aninovo e Reis, malia que isto pode variar de zona a zona. Despois da cea os mozos, e as mozas tamén se así o permitía a tradición da zona, xuntábanse formando unha cuadrilla. O seu obxectivo era recadaren o aguinaldo para poder facer unha festa e quizais repartir algúns cartos. Para iso debían interpretar unhas cantarelas de letra e música xa sabida, que relataban diversos feitos relacionados co Nadal como a viaxe e adoración dos Reis Magos, o nacemento de Xesús, milagres da Virxe, etc.

A composición das cuadrillas variaba moito dependendo da zonas. A forma máis sinxela semella aquela na que un coro, que pode ser só de homes ou mixto, interpreta o canto mentres a gaita de fol guía a melodía. Noutras zonas, nomeadamente nas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide, dous coros de homes cantaban alternativamente cada unha das estrofas da cantiga; cada coro estaba normalmente formado por dous homes, pois as mulleres desta zona non saían a cantar os reis. No sur da provincia de Pontevedra manteñen unha forma na que un solista interpreta os versos que narran a historia, mentres un coro de homes ou de homes e mulleres introduce, despois de cada copla, o mesmo retrouso.

Unha vez chegada a cuadrilla ao pé da casa, cousa que normalmente se facía ao son dunha melodía do gaiteiro que agora si podía ser acompañado por outros instrumentos, pedíase permiso para cantar. Se este se concedía, a cuadrilla entoaba o seu canto, ben desde fóra, ben dentro da casa, que era o máis habitual. Unha vez rematado o canto, unhas cantas coplas para o efecto servían para solicitar o aguinaldo que, se os cantantes o merecían, consistía en comida ou algúns cartos. Para recoller o aguinaldo a cuadrilla levaba un propio que portaba un saco onde se ían metendo os ovos, chourizos, touciño, pan e outras cousas coas que a xente os agasallaba.

Temos tamén algunhas novas de cuadrillas que saían sen gaiteiro, acompañando o seus cantos con trécolas ou con zambombas.

Patrocinadores e colaboradores