Pandeireta

Termando da pandeireta coa man esquerda.

As pandeiretas son, construtivamente falando, moi semellantes ás pandeiras, agás polo revelador detalle do seu tamaño considerablemente menor, que rolda os 26 cm de diámetro cunha altura do marco duns 6-7 cm. Moi diversos indicios, como o seu maior número de grupos de ferreñas ou o xeito particular de ser tocadas, dos que falaremos ao acometer a historia dos tambores de marco en Galicia, fannos pensar que se trata dun instrumento considerablemente máis moderno que as pandeiras e pandeiros redondos ou cadrados. Baste agora con dicir que o instrumento non aparece mencionado nos dicionarios galegos ata o de Valladares (1884) e que Carré (1972) é o primeiro que define o instrumento tal e como hoxe o comprendemos: “s. f. Pandereta, pandero pequeño, redondo y con sonajas, o ferreñas.”, e que a primeira vez que aparece nun texto escrito en galego é no 1826 nunha obra de Castro y Neira (Alborada, Alegrádevos pastores, Vinde axiña, compañeiros) conservada no arquivo musical da catedral de Mondoñedo 1.

As pandeiretas constrúense cunha pequena táboa de piñeiro, nogueira ou outra madeira adecuada, curvada nun cilindro dentado ou con lume, que se monta nos seus extremos e se asegura con puntas para darlle a forma circular. Nesta parte, igual que nas pandeiras, situábase antigamente un furado para introducir o polgar da man que sostiña a pandeireta; nos instrumentos máis modernos este furado é substituído por un rebaixe. Logo comentaremos o sentido deste troco.

Un dos seus lados recóbrese cunha pelica de cabra, castrón ou ovella que pasa por baixo dun ariño que vai cravado no marco, de xeito que a pel que sobresae por riba deste ariño é cosida sobre si mesma formando un reberete que lle impide esvarar por baixo del. Tamén aparecen exemplares nos que a pel é asegurada a este ariño pola súa parte exterior con puntas, carecendo neste caso de cosido. Para aloxar as ferreñas o marco leva uns furados rectangulares, alternos, normalmente nove, chamándose así estes instrumentos “pandeiretas de nove pares” e construíndose actualmente tamén de once e trece pares. Algunhas das poucas pandeiretas antigas que tivemos a ocasión de ver levaban o furado no marco para o polgar e moi poucos pares de ferreñas, cinco ou seis; noutras os furados do marco achábanse opostos, un encima do outro, e non alternado.

Os arames nos que van enfiadas as ferreñas tiñan antigamente forma de U de patiñas moi curtas que ían espetadas na parte exterior do marco de xeito que o arame atravesaba perpendicularmente o furado suxeitando as ferreñas dentro del. Outro xeito de colocar este arame é atravesando literalmente o marco; para iso, cunha subela de zapateiro facíase un burato a través do que se pasaba o arame.

O peneireiro e fabricante de pandeiretas Manuel Álvarez (ver un pouco máis abaixo) contounos que as ferreñas, furriñas, forreñas ou chapas para as pandeiretas fabricábanse antigamente recortando círculos de metal a partir de latas de conserva ou caldeiros vellos, despois cuns alicates rizábaselles algo as beiras e dábaselles unha forma lixeiramente cóncava. Este procedemento era lento e traballoso así que o pai deste peneireiro inventou un tipo de troquel para estampar as ferreñas que consistía nun cilindro groso de buxo que na punta levaba o negativo da ferreña en metal duro, poñendo debaixo del un círculo de lata e dándolle un bo martelazo ao troquel, quedaba a ferreña estampada. Pero este rústico procedemento tampouco deixaba unhas ferreñas moi ben feitas e daba bastante traballo, así que cos anos Manuel mandou fabricar un troquel que servía para cortar os círculos de metal e para posteriormente estampalos. Este home e este troquel definiron a forma e tamaño das ferreñas actuais pois todos os artesáns modernos, sen excepción, imitaron exactamente o seu modelo.

Moitas das coplas que se recollen nos cancioneiros falan das partes das pandeiretas ou de como se construían:

Tocai ben a pandeireta

pra que sonen as ferreñas,

que vai sair o Manuel

a bailar co’a millor nena

[CG, II, 168]

Esta miña pandeireta

ten o coiro de castrón,

o ariño de salgueiro

e as ferreñas de latón

[IMLTG, 125]

A miña panderetiña

ten os aros de noghale

tócana ia miña porta

resona no carballale

[CPGDS, VI, II, 48] Bande (Ourense)

A miña panderetiña

ten os aros de salgueiro

tócana ia miña porta

resona no Bidoeiro

[CPGDS, VI, II, 48] Bande (Ourense)

Hai un curioso conto recollido en Baíñas (Vimianzo) por Dorothé Schubarth 2 que nos fala de como se fabricaban as pandeiretas:

“Era un individuo que se lovaba mui ideoso a ter crabas e uvellas e tal, e despouse dunh’ocasión tiñ’unha craba cansada e deisábaa quedar alí pola ihorta, pola ihorta que non ll’andaba pró monte e andaba el con elas polo monte, e vai e ah mosas doutro lughare ensultan’en nós (que o cunto foi serto) que lle rompesen ah pandeiretas todas o venres d’entruido pa que no sábado d’entruido non fisesen ruad’as d’aquel lughare. A vai un vesiño noso e fresís’a romperllas e rompillas todas; fui e era un ghranugha; andaba por alí nin cantaba nin bailaba nin taba cunha mosa; andaba por alí pola ruad’adiante tonteando, e pedíall’ah pandeiretah pra tocare. E co dedo picoll’os cuiros todos. E quedaron sin pandeiretah pó outro día faser ruada. ¿Qué fan elas? As fillas daquel da craba a mailah vesiñas aghárrano e desqu’o pai marchou cas outrah po monte, collen’a craba e lovánoa pro prado dun vesiño e matánoa, e sacánoll’o cuiro e con aghua quente pélanoa, pelán’o cuiro, sécanoo ó forno e á nuite sa tocaron nah pandeiretas… o cuiro da craba nah pandeiretas, que lle… arreghloullas alí outro vesiño delas. E vai e ven do monte coas outras e: “¿Metéste-la craba?” “E non, nós non acordamos dela” (as fillas a mala muller e sabían qu’a craba sa morrera). “Bueno, pois voume mira’ por ela”. E fui mirar, mirou a ihorta toda e non atopou a craba.”

O conto remata cun veciño delatando o sucedido:

Se souberah Baldomero

qu’houbo onte na fuliada

tocaron nah pandeiretas

o cuiro da túa craba

Ao que Baldomero respostou:

Pous se me matan’a craba

dádem’a quen ma matou

inda leven o camiño

qu’a miña craba lovou

Antigamente as pandeiretas mercábanse nas feiras onde as vendían os peneireiros. Aínda hoxe se poden ver postos nas feiras que as venden, pero agora estes ambulantes obtéñenas de obradoiros especializados quen as fabrican xunto con outros membranófonos. Un dos talleres máis famosos de pandeiretas e outros instrumentos de percusión foi, durante boa parte do século XX, o de Manuel Álvarez, que herdou o seu oficio do seu pai Pascual Álvarez, peneireiro que tamén facía pandeiros e pandeiretas. Manuel tiña o seu obradoiro na rúa de San Lourenzo nº 50 (Santiago de Compostela) e converteuse no primeiro artesán galego que se dedicou de xeito profesional á fabricación deste tipo de instrumentos, acadando unha grande sona entre os músicos galegos. Manuel finou pouco antes de rematar o século XX herdando o seu obradoiro e técnica de curtido e construción quen isto escribe. Como xa dixemos, este artesán foi imitado, directa ou indirectamente, polo resto de obradoiros que hoxe existen en Galicia; entre os máis sonados están os de Xaneco Tubío (Outeiro de Rei, Lugo), Ramón Vázquez O Chirlo (Oubiña, Cambados, Pontevedra), Carlos Collazo Carlos do Viso (Redondela, Pontevedra), Dionisio Aboal Os Alegres (Mourente, Pontevedra) ou o do propio autor en Santiago de Compostela dedicado á reprodución de instrumentos antigos.

As tocadoras e tocadores de pandeireta carecen na tradición galega de nome. Modernamente nos grupos fol­cló­ricos adoptouse o de pandereteira ou pandereteiro (que por certo son castelanismos que derivan de pandereta, os nomes correctos serían pandeireiteiro e pandeireiteira).

As pandeiretas son os instrumentos que por excelencia acompañaron o canto feminino na maior parte de Galicia durante o século XX, excepción feita das partes montañosas do oriente, onde ou ben non aparecen (caso da comarca da Fonsagrada e zonas lindeiras), ou ben esta función é desenvolta polas pandeiras que vimos de ver. No resto de Galicia, a lírica tradicional dá fe da súa abundancia. Segundo Carlos Rei, a pandeireta é o instrumento que máis veces aparece mencionado nas coplas tradicionais despois do pandeiro e a gaita de fol 3. Vexamos algunhas coplas que falan deste instrumento:

Tocade esa pandeireta

fagueina resoar,

que se vén ás miñas maus

heina de faguer falar

[CFG, III, 27]

Sei tocar e sei bailar

sei tocar a pandeireta

o que se case comigo

leva a música completa

[Santiago de Compostela]

Toca miña pandeireta

se non heite de raxar;

estas son as mazarocas

que esta noite ei de fiar

[CTC, 44]

Toca miña pandeireta,

se non heite de raxar;

os cartos que me costaches,

axúdamos a ganar

[CTC, 46]

Andiveche de tumbaloureiro

e fixéche‑la cama no chan

e botáche‑la manta por riba

e molláche‑la panderetiña

que a tiñas sequiña do vran.

[PPG, <P 1824> <L 0>]

Nas coplas tradicionais aparecen numerosas denominacións para as pandeiretas; a máis frecuente é unha da que aquí non vertemos ningunha copla: pandereta ou pandareta, denominacións casteláns que discutiremos ao falar da historia dos tambores de marco. Outro sinónimo que se emprega en determinadas zonas é, xa o dixemos, pandeira, e aínda aparecen outros como pandeiriña, panderetiña ou parrandeiriña como nesta copla:

Tócame parrandeiriña

tóca pol-a tua vida;

ô son d’a parrandeiriña

vóume quedando dormida

[CPG, II, 48]

En Galicia documéntanse dous xeitos moi diferentes de tocar a pandeireta. Un deles, o menos estendido e na nosa opinión o máis antigo por razóns que pronto comentaremos, é idéntico ao xa descrito para a pandeira: o instrumento sostense coa man esquerda e bátese na pel cos dedos da dereita; a única diferenza é que na pandeireta así tocada practícanse os riscados, é dicir, redobres obtidos deslizando pola pel un dedo, normalmente o corazón, imprimíndolle un movemento de abaixo cara arriba. Este xeito de tocar os tambores de marco circular aparece asociado con estes instrumentos en todo o mundo, existindo iconografías antiquísimas que así o testemuñan.

Reprodución dunha pandeira antiga achada en Valouta (Ancares leoneses) realizada polo autor. Diámetro 51 cm. Nótense os aros que reforzan o marco do instrumento, así como a ausencia de ferreñas nunha parte do marco para apoialo con facilidade contra o peito. Fotografías Alba Vázquez Carpentier.

Unha das primeiras descricións da pandeireta que inclúe o xeito de tocala, obra de Emilio Pita no marco da Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo, coincide exactamente coa descrición que vimos de facer: “A pandeireta é un aro de madeira cunha pelica por un dos lados e uns discos de latón, ferriñas, na beira. Soe levar nesta tamén un burato pra metel-o dedo groso da man ezquerda co que se sostén pra tocala; os dedos groso, índice e maior da man dereita son os que, dadoito, producen o són ó bater e esbarar na pelica” 4 Esta descrición foi publicada no 1962 sendo ben curioso que non mencione un segundo xeito de tocar a pandeireta que é hoxe o máis estendido en Galicia e que non aparece en ningún outro lugar, nin sequera naquelas zonas veciñas da península ibérica onde se usa este instrumento, como Asturias, León, Zamora ou Portugal, polo que ben podería tratarse dun desenvolvemento propiamente galego 5. Consiste en soster a pandeireta coa man dereita pasando o polgar por riba do marco do instrumento cara o seu interior e, arqueando a man esquerda, facer que a pandeireta oscile alternativamente entre as puntas dos dedos e o polgar desta man. Tamén se toca coa man esquerda pechada en forma de puño, facendo oscilar a pandeireta entre os cotelos e o pulso. Cando se toca coa man arqueada pódense facer riscados deslizando un dedo, o corazón normalmente, sobre a pel, nun movemento de atrás cara adiante. Cando se toca co puño pechado, pódese acadar tamén o riscado deslizando o pulso de abaixo cara arriba sobre a pel. Con este xeito de soster a pandeireta o ritmo de muiñeira nova, tamén coñecido nalgúns lugares como muiñeira riscada, execútase coa man arqueada, propinando sucesivamente dous golpes nas puntas dos dedos e un no polgar para executar cada un dos grupos de tres notas característicos deste ritmo, e situándose o acento no primeiro dos golpes sobre as puntas dos dedos. O ritmo de muiñeira vella, coñecido nalgunhas zonas como muiñeira ribeirana ou muiñeira empuñada, pois é frecuente tocalo co puño pechado, obtense de xeito un pouco diferente: dando sucesivamente dous golpes nos cotelos seguidos dun golpe no pulso para executar cada grupo de tres notas, pero situándose agora o acento no segundo dos golpes nos cotelos. Esta sinxela variación produce un obstinato bastante diferente ao da muiñeira nova e pese a que as portadoras distinguen perfectamente os toques de muiñeira vella e nova, a súa diferenciación por un observador alleo é relativamente complicada como se pode comprobar na descrición que Dorothé Schubarth fai destes dous tipos de muiñeira 6.

Nos poucos lugares onde aínda puidemos ver as mulleres sostendo a pandeireta coa man esquerda, nomeadamente nos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Trazo, Teo e Padrón, empregaban este xeito para acompañar o ritmo de muiñeira vella, mentres que para o ritmo de jota, máis moderno, e outros como os de valse ou pasodoble, aínda máis recentes, empuñaban a pandeireta coa man dereita.

Son varias as razóns que nos fan pensar que o toque no que se terma da pandeireta coa man esquerda é o máis antigo: a primeira e máis fundamental é que este tipo de toque se documenta nos tambores de marco circulares alí onde estes aparecen, incluído o resto da península ibérica, onde non aparece o instrumento sostido coa man dereita. En segundo lugar, debemos observar que o tocar sostendo o instrumento coa man esquerda consérvase en Galicia nas zonas máis arcaizantes do oriente, asociado ás pandeiras, instrumentos que, como xa vimos, son máis antigos que as pequenas pandeiretas e nos que non se documenta o toque sostendo a pandeira coa man dereita. Por outra parte, o xeito de tocar as pequenas pandeiretas sosténdoas coa man esquerda aparece en Galicia aquí e acolá de xeito puntual, mesturado co outro xeito, pero reservándose aquel para acompañar os ritmos máis antigos, como acabamos de ver. Outro indicador máis da maior antigüidade do toque sostendo a pandeireta coa man esquerda é que todos os exemplares antigos de pandeiretas galegas que puidemos ver posúen un furado no marco para meter o polgar. A recente substitución deste furado por un rebaixe responde a unha razón sinxela: o polgar dentro deste furado fai moi difícil, senón imposible, a execución dos toques característicos da pandeireta sostida coa man dereita.

Reprodución feita polo autor dunha pandeireta antiga de Tomiño (Pontevedra). Rechaman as ferreñas de catro en catro e os seus furados cadrados, os arames espetados no marco para enfialas, o sistema de asegurar a pel espetándoa no aro exterior e o furado para termar do instrumento coa man esquerda. Diámetro 37 cm. Fotografías de Alba Vázquez Carpentier.

Á parte do troco na man que as sostiña e polo tanto na técnica de execución, ao longo do século XX obsérvase tamén un paulatino incremento no número de pares de ferreñas inseridos no marco e unha lixeira diminución no diámetro do instrumento. O porqué destas mudanzas podería buscarse en tres circunstancias: a primeira, na aceleración paulatina dos ritmos ao longo do século XX (as muiñeiras vellas son máis pausadas que as muiñeiras novas e as jotas) que requiriu unha maior manexabilidade do instrumento, conseguido isto coa diminución de tamaño e o troco á man dereita; a segunda, nun maior gusto polo son das ferreñas, que fixo incrementar o seu número e tamén forzou o seu paso á man dereita, onde é o instrumento, e non a man, o que se axita dun lado ao outro, dando así un protagonismo total ao son das ferreñas en detrimento dos golpes sobre a pel; moi relacionada con esta segunda está a terceira razón, que é quizais a máis probable pero a menos aducida, e que ten que ver co uso dun instrumento que foi completamente desprazado pola pandeireta: as ferreñas. Este instrumento, como xa vimos, gozou de moita sona e se facemos caso das coplas que o mencionan, foi tan empregado no pasado como hoxe o é a pandeireta. Con toda probabilidade as ferreñas, semellantes a unha pandeireta sen pel, tocábanse asíndoas coa man dereita, de forma que cando chegou a pandeireta e desprazou ás ferreñas e a outros tipos de pandeiros redondos e cadrados, conservouse a posición para tocala. É dicir, é moi posible que a posición de tocar a pandeireta termando dela coa man dereita se herdase desde as ferreñas. Esta idea xa foi insinuada, aínda que non desenvolvida, por Ramom Pinheiro Almuinha 7.

Podemos hipotetizar sobre o momento no que comezou a acontecer o troco no cambio de man nas pandeiretas galegas, e por tanto, sobre o momento en que se desenvolveu o “xeito galego” de tocar este instrumento. O xa referido costume que se documenta nalgunhas zonas de tocar as muiñeiras vellas empuñando coa man esquerda e as muiñeiras novas e jotas coa dereita, podería indicar que a transformación sucedeu na época de introdución ou desenvolvemento destes ritmos en Galicia, ou sexa cara a mediados ou fins do século XVIII no caso da jota 8 e quizais un pouco máis atrás no caso da muiñeira nova 9; tamén desde principios do século XIX o pandeiro e as ferreñas retrocedían empuxados pola pandeireta. O gusto por un maior número de ferreñas, por un maior barullo, nós situariámolo tamén neste século.

Moi relacionado co tema que acabamos de tratar está tamén o da clasificación das pandeiretas. Normalmente faise no grupo dos membranófonos de marco, xunto cos pandeiros redondos e pandeiras que vimos nos apartados anteriores; pero o xeito desenvolvido en Galicia de tocar este instrumento pensamos que vira o seu carácter orixinal de membranófono cara a un instrumento case puramente idiofónico. Vexamos o motivo.

Non cabe dúbida de que na súa orixe as pandeiretas foron tambores de marco sen ferreñas (pandeiros redondos), empregados puramente como membranófonos, é dicir, instrumentos nos que unha pel tensa e resoante é batida coas mans. Como xa vimos, as portadoras reclaman para as pandeiras unha pel ben tensa, con eco, que resoe, onde as ferreñas cumpren a función de acompañamento dos toques da man na pel que son o principal. Por iso se golpea a pel coa man dereita, que é a máis hábil. Nas pequenas pandeiretas galegas o protagonismo rítmico e sonoro da pel tensa desprázase agora cara ás ferreñas: estas incrementan moito o seu número e muda a man con que é tocada para facilitar e ampliar o movemento e son das ferreñas; a pandeireta suxéitase agora coa man dereita e faise abanear no aire con amplitude para que as ferreñas se movan con forza. Ao contrario que as tocadoras de pandeira, as de pandeireta non queren a pel tensa, quérena frouxa para que non resoe, posto que a súa función é agora a de producir golpes secos e transmitilos ás ferreñas. Todas as “pandereteiras”, novas e maiores, saben ben que unha pandeireta acabada de facer, coa pel tensa, ten un son inadecuado, “ten eco”, soa mal, hai que usala unha temporada para que a pel se afrouxe e comece a soar como é debido, sen resoar.

A ausencia dunha pel tensa no marco saca ás pandeiretas sostidas coa man dereita directamente do grupo dos membranófonos e sitúaas no dos idiófonos, razón pola que a pandeireta tocada deste xeito podería incluírse nunha nova categoría que propuxemos a este efecto, a dos Marcos percutidos (111.26) é dicir, idiófonos de percusión con forma de marco nos que as diferentes partes do instrumento (membrana e ferreñas) están dispostas nun marco e á que pertencerían outros instrumentos como os charrascos, os “sistros” e as ferreñas. Esta situación das nosas pandeiretas xunto ás ferreñas fainos albiscar outra posibilidade que deixamos aquí como hipótese de traballo: derivan as nosas pequenas pandeiretas simplemente de engadir unha pel ás ferreñas? Deste logo este aditamento debeu de facilitar o seu manexo.

Pandeireta antiga achada na Ulla. Destacan o lixeiro rebaixe no marco, os furados cadrados para as ferreñas, o enfiado destas en arames espetados no marco que pasan por debaixo do aro de fóra, así como o sistema de asegurar a pel cravándoa sobre este aro. Diámetro 22 cm. Fotografías do autor.

Dentro do noso sistema de cultura tradicional a pandeireta é un instrumento musical propiamente dito, pois forma o soporte rítmico do canto, aínda que a súa consideración está por baixo da dos instrumentos melódicos como a gaita de fol, acordeón, clarinete etc., ou dos que a estes acompañan. É un instrumento musical apreciado polo seu son, mais como útil tense en menor consideración que outros tambores de marco como as pandeiras e pandeiros cadrados quizais debido ao seu menor prezo e menor duración física, pois a pel das pandeiretas racha con certa facilidade e as ferreñas acaban por desgastar o marco con bastante rapidez, sobre todo cando se sosteñen coa man dereita. Pola súa menor durabilidade conservamos en Galicia moi escasas pandeiretas antigas, mentres que exemplares de pandeiras e pandeiros cadrados son frecuentes. Se como útil a súa consideración é pouca, as boas tocadoras tivéronse e téñense en grande estima e as nenas aprendían xa de moi pequenas este oficio.

En Galicia é, xa o dixemos, un instrumento tradicionalmente feminino, aínda que haxa zonas onde tamén os homes tocaban nela para acompañar o canto, nomeadamente nos concellos do sur de Pontevedra. Xustamente nestas zonas a pandeireta adoitaba a acompañar a gaita de fol e de aquí parte, seguramente, unha tradición desenvolvida ao longo do século XX de homes que acompañan a gaita de fol con este instrumento de xeito extraordinariamente virtuoso, entre os que cómpre destacar a Eduardo Sisto, José Iglesias “Melitón”, que aprendeu a tocar da súa nai e tías, ou seu alumno Wenceslao Cabezas “Polo”.

Ver notas
  1. [1] Segundo consulta na base de datos do Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG).
  2. [2] Schubarth, D. e Santamarina, A. Cancioneiro Popular Galego. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1984-1995. Vol. V, Tomo II, p. 22.
  3. [3] Rei Cebral, C. Os Instrumentos musicais na lírica popular galega. Obra inédita en prensa, p. 86 no orixinal.
  4. [4] AA.VV. Historia de Galicia. Ramón Otero Pedrayo (Director). Pita, E.: Música e Danza. Ed. Nós. Buenos Aires, 1962, Vol. I, p. 765.
  5. [5] Debemos facer notar que no Cancioneiro de Ajuda (finais do século XIII) aparecen varias representacións onde se aprecian soldadeiras sostendo pandeiras coa man dereita e outras nas que a sosteñen coa esquerda. Na actualidade non puidemos documentar en Portugal o xeito “galego” de tocala, polo que podería tratarse ben dun erro do miniaturista, ben dun xeito xa esquecido e que tomou nova forza co paso do tempo, pero só en Galicia e en tempos recentes. En todo caso, no pórtico principal do Mosteiro de Batalha (Portugal), do século XIV, aparece un anxo tocando unha pequena pandeireta sostida tamén coa man esquerda.
  6. [6] Schubarth, D. e Santamarina, A. Cancioneiro Popular Galego. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1984-1995, Vol. I, Tomo I, pp. XXIII-XXXIV.
  7. [7] Pinheiro Almuinha, R. “Tambores de mão na Galicia: pandeiros, adufes e pandeiretas galegas”. En: Etnofolk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº 8, xuño 2007, pp. 12.
  8. [8] As primeiras referencias seguras á jota aparece, unha no sainete La Junta de los Payos de Ramón de La Cruz (1761), e outra no manuscrito Cifras para Arpa de fines del siglo XVI al XVIII. Citados en: Martínez San Martín, A. “Historia e Evolución da Danza en Galicia”. En: Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego, II: Música e Danza. Ed. Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela, 1997, p. 126.
  9. [9] Pouco se sabe sobre a orixe da muiñeira, variando a súa datación moitísimo duns autores a outros; non entanto, a denominación de muiñeira dos vellos e muiñeira vella empregada polos portadores fainos pensar que a muiñeira vella non hai demasiado tempo que quedou relegada ao seu baile pola xente mais anciá, mentres que os novos pasaron a bailar a variante denominada muiñeira nova, polo que este fenómeno quizais non debeu suceder moito máis atrás do século XVIII.
Patrocinadores e colaboradores