Tambores de antroido

Pequeno tambor de antroido (Viana do Bolo, Ourense). Diámetro 55 cm, largo 36 cm. Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Aparecen unicamente nos folións de antroido da zona montañosa do leste ourensán, nas comarcas de Viana e Terra de Trives, e difiren en varios aspectos importantes dos tambores propiamente ditos que vimos de describir.

En primeiro lugar a súa función non é acompañar á gaita de fol, senón participar nun grupo bastante numeroso de tambores que forman a parte máis característica dos folións de antroido. Estas agrupacións inclúen ademais das tradicionais máscaras de antroido da zona, os boteiros, outros instrumentos idiofónicos, como gadañas, ligoñas e sachos e, nalgúns folións como o da parroquia de Mormentelos (Vilariño de Conso), tamén cornetas e trompetas de metal e cornos, rememorando así a antiga asociación entre os tambores e estes instrumentos. Estes grupos interpretan uns “toques” ou sucesións de golpes cunha estrutura e ritmo propios e característicos de cada unha das parroquias que en tempos de antroido forman un destes folións. Dependendo tamén da parroquia á que pertenza o folión, este pode incluír mulleres que cantan coplas mentres o folión circula polas rúas da aldea.

O tamaño destes tambores é moi superior aos que acompañan ás gaitas de fol en Galicia, indo desde os 50-60 cm de diámetro ata máis dun metro. As caixas fabricábanse tradicionalmente labrando interior e exteriormente un tronco de castiñeiro (máis raramente de nogueira) ata acadar un grosor aproximado duns 12-18 mm, tendo unha altura duns 40-50 cm que, en ningún caso, supera o diámetro da caixa, pois son sempre tambores chatos. Os instrumentos resultantes son certamente pesados, tanto que ás veces algúns exemplares enormes eran portados por dúas persoas e batidos por outra. As pelicas de carneiro con que se cobren estes tambores cúrtense con cinsa e sal para extraerlles o pelo, e enrólanse molladas sobre varas de castiñeiro montándoas así no tambor. Os aros que tensan as peles van situados sobre estas varas e son atravesados por cordas que se dispoñen en zigzag coma nos tambores que acompañan ás gaitas de fol. Para tensar as peles, as cordas apértanse mediante arrochos de coiro ou ben cun sistema máis antigo que consiste nun trenzado especial da propia corda que elimina a necesidade destas pezas.

En Vilariño de Conso temos documentados tambores de antroido antigos, fabricados de troncos de castiñeiro, pintados de azul (caixa) e vermello (aros), malia que na maioría dos casos, como en Trives e Maceda de Trives 1, ían sen pintar, conservando a cor escura que o castiñeiro vai collendo de xeito natural.

Os tambores de antroido van equipados normalmente con varios bordóns na súa pel inferior que, como xa dixemos, se tensan mediante a introdución dunha peza de madeira con forma de cuña entre estes e o corpo do tambor, de xeito que introducindo máis a cuña, ténsanse máis os bordóns.

Para tocalos pendúranse do ombreiro do tocador cunha correa ou cunha corda, e colócanse en posición case horizontal, malia que lixeiramente levantados cara á parte esquerda do tocador. Bátese na súa pel superior con dúas mazas de madeira de varios centímetros de grosor e uns 30 cm de longo, fabricadas normalmente de castiñeiro ou buxo.

Malia conservarse aínda o costume de fabricalos ao xeito tradicional, nos últimos anos estes tambores comezaron a ser confeccionados con grandes táboas de chopo que se dobraban mollándoas varios días en auga, resultando así instrumentos notablemente máis lixeiros. Outras transformacións relativamente recentes inclúen o tensado mediante un sistema de parafusos e a perda, en moitos casos, dos bordóns.

No norte de Portugal aparecen tambores de tamaño semellante acompañando as gaitas de fol, formando parte dos grupos denominados Zés Pereiras nos que moitos bombos e caixas acompañan a un ou varios gaiteiros. Pola súa semellanza cos folións de antroido visitan tamén por veces a comarca de Viana contratados para desfilar a carón dos folións de boteiros e tambores. Agrupacións moi semellantes a estes Zés Pereiras aparecen tamén no sur da provincia de Pontevedra baixo o nome de Treboadas, malia que neste caso os tambores, aquí denominados bombos de mallada, presentan lixeiras diferenzas respecto aos tambores de antroido que pronto discutiremos.

Nada sabemos con certeza sobre a orixe deste costume nin da antigüidade destes enormes tambores, mais, tanto polo seu gran tamaño coma polo seu xeito de construción (o máis antigo que se coñece), os tambores de antroido cóntanse sen dúbida entre os máis antigos que conservamos en Galicia. Temos novas de tambores semellantes empregados para acompañaren procesións no século XVII. Domenico Laffi, crego boloñés que viviu ao longo deste século, relata con asombro no seu “Viaggio in Ponente” (1673) 2, algunhas das manifestacións musicais que tivo a oportunidade de presenciar en Santiago de Galicia:

«Terminada a función da Misa Maior, que, como vos dixen, era cantada, fomos comer, e despois descansamos un pedazo, ata que pasaron as horas do mediodía; mais cando escoitamos as vésperas volvemos á igrexa de Santiago. Comezaba unha procesión que era na honra de Santa Isabel, que describirei por ser moi distinta das nosas.

Marchan diante moitos tamborileiros, cada un acompañado por un tocador de gaita ou dulzaina, e por outro instrumento, feito co marco dunha ventá, cuberto polos dous lados de pergamiño, e tócano como en Italia se fai coas pandeiretas, mais fai un grande ruído. Estes, como dixen van de dous en dous cun tamborileiro e así para tocar un tambor están tres persoas: dous o levan cunha especie de padiolas, atado entre dous paus, e van á par, e o que toca, que está detrás, tocando como se fai cos tímpanos. Despois deste grupo de tocadores, segue un grupo de mozos todos máis ou menos enmascarados que van sempre bailando diante da procesión, facendo quendas de catro en catro cada vez e tocando as castañetas. Detrás deles segue a estatua da B. Virxe e de Santa Isabel, pois era o día da visitación.

Esta estatua lévana debaixo dun gran palio, con moitos fachos e ricamente adornada, cun gran número de turíbulos para incensar e verdadeiramente fan todo isto con moita gravidade, de tal xeito que producen unha grande devoción. Detrás do palio seguen os homes e logo as mulleres. Acabada que foi a procesión puxeron a estatua da Virxe e de Sta. Isabel no altar e facendo un gran círculo, despois de moitas oracións e incensacións, empezaron a tocar todos aqueles instrumentos e os mozos todos xuntos a bailar, vestidos con aquelas máscaras, tocando as castañetas. As mozas, reunidas no outro lado, tocaban tamén as pandeiras e castañetas e cantaban salmos e oracións en voz alta que parecía en verdade que ía fundirse a Igrexa polo grande ruído que tantos instrumentos e particularmente aqueles tambores e gaitas, ademais das campás.»

A presenza no folión da parroquia de Mormentelos (Vilariño de Conso) de cornos de vaca así como de trompetas e cornetas de metal acompañando a estes tambores fainos lembrar vivamente os tempos baixomedievais cando os atabales se empregaban nos actos sociais xunto con trompetas e anafís. Por esta razón, así como polo seu enorme tamaño, construción nun tronco de árbore baleirado, sistema de tensar as cordas e bordóns, e pola súa participación neste antigo antroido, todas elas características que denotan unha grande antigüidade, é moi posible que a orixe destes tambores haxa que buscala directamente antes ou durante a Baixa Idade Media.

Os tambores de antroido son instrumentos tradicionalmente masculinos, aínda que nos últimos tempos tamén as rapazas se animan a participar nos folións como tocadoras de tambores. A súa consideración como instrumentos musicais dentro do noso sistema de cultura tradicional non está nada clara, pois non son quen a emitir unha melodía e non participan nun acto musical propiamente dito, é dicir, non acompañan á melodía.

Ver notas
  1. [1] Aínda hoxe oficialmente coñecida co castelanismo Manzaneda.
  2. [2] Crespo, C. Viaje a Poniente. Domenico Laffi Boloñés. Ed. Sildavia. Santiago de Compostela, 1992, pp. 134-135. Cita amablemente cedida por Fernando Reyes.
Patrocinadores e colaboradores