A gaita de barquín

Gaita de barquín. Da colección do autor.

Ata o primeiro terzo do século XX temos documentada no sur de Galicia o único tipo de gaita de fol galega de insuflación mecánica. Trátase da denominada gaita de barquín, unha gaita de fol que xa foi obxecto dunha pequena monografía 1. Este nome fai referencia a un fol mecánico, o barquín, que o gaiteiro sostén debaixo do brazo dereito e co que alimenta o verdadeiro fol flexible do instrumento. A gaita de barquín sobreviviu ata os anos 1930 unicamente na comarca do Baixo Miño (Pontevedra). Pouco sabemos da extensión que acadou antano, pero unha cousa é segura á vista dos achados que puidemos ir facendo: semella que a comarca do Baixo Miño foi unha redución dunha zona máis ampla, pois temos novas desta gaita de fol na Baixa Limia, na parte occidental de A Limia e na comarca de Terra de Trives (Ourense), onde o gaiteiro dos Trintas de Trives usaba dela. A lírica tradicional parece conservar tamén memoria do seu uso en Zas (A Coruña):

Cando abarquila o gaiteiro de Zas

tóda-las nenas se triran pra atrás;

deixa, De Zas de darlle ó punteiro,

toca o tambor serás tamboreiro

[IMLTG, 129]

Outras coplas falan tamén deste instrumento, aínda que non podemos situalas xeograficamente:

Aquí nenas, aquí todas,

vind’acó ô pè de min,

somos fillos d’o ferreiro

tocaremol-o barquín

[CPG, II, 222]

A gaita de barquín aparece tamén en Portugal, pero non podemos precisar onde. Temos documentos fotográficos que o demostran e no Museu da Música en Lisboa consérvase un exemplar do que non consta procedencia. Así mesmo, temos un posible exemplar de gaita de barquín de dous bordóns achado por Luís Mondelo na Maragatería 2, que aínda que non podemos afirmar taxativamente que se trate deste tipo de gaita, pois só se conservan dela o punteiro e os dous bordóns, a semellanza morfolóxica coas gaitas de barquín aparecidas en Estás (Tomiño, Pontevedra) así nolo fan sospeitar. Outra posible interpretación deste achado discutirémola ao final deste capítulo.

As pezas máis características das gaitas de barquín son os seus dous bordóns sobre o ombreiro do gaiteiro, saíndo da mesma buxa, e o barquín. Este fol mecánico constrúese con dúas pranchas de madeira con forma de lámpada que van suxeitas a un taco de madeira, unha de maneira fixa e a outra articulada con el mediante unha bisagra. Ambas as pezas están unidas por un coiro que permite formar unha cavidade da que se expulsa o aire ao apertar o barquín co brazo. A comunicación entre o barquín e o fol faise mediante unha peza de madeira torneada e fornecida cunha válvula de coiro semellante á dos sopretes. Estes foles mecánicos carecen de calquera tipo de correaxe que os una ao corpo ou ao brazo do tocador, intervindo na súa suxeición tres elementos fundamentais:1) un gancho metálico en forma de C, sito na tapa superior do barquín, no que se introduce o brazo do gaiteiro e que permite accionalo;
2) a propia peza que conduce o aire cara ao fol; e 3) unha cadea metálica que une a parte dianteira do barquín coa grosa buxa que soporta os bordóns. Este sistema permite unha total liberdade ao brazo dereito do tocador que pode liberarse rapidamente do barquín e afinar con facilidade os bordóns.

As gaitas de barquín estaban normalmente equipadas con dous bordóns que soaban na tónica do punteiro: un gran roncón en todo semellante aos que xa describimos, e outro máis pequeno, de dúas pezas, que soa unha oitava por riba deste 3. Ambos os dous repousan sobre o ombreiro esquerdo do gaiteiro e reciben o nome de orneón e ornillo 4 respectivamente. O ornillo podíase situar na posición máis achegada á cabeza do tocador ou na contraria e, xunto co orneón, parten dunha mesma e grosa buxa que posúe, a tal efecto, dous furados lixeiramente inclinados que fan que estes dous bordóns diverxan lixeiramente na súa traxectoria cara atrás. Nesta buxa sitúase unha billa que permite cortar o paso do aire cara ao ornillo para facilitar a afinación do orneón. A cadea que soporta o barquín amarrábase a esta pequena billa.

Os punteiros das gaitas de barquín oscilaban en tonalidades que ían dende o Si natural (as tumbais) ata o Mib-Re (as grileiras). As escalas dos punteiros que puidemos analizar teñen moi rebaixados a subtónica e os graos terceiro e sétimo. Morfoloxicamente son en todo semellantes a outros xa descritos agás pola circunstancia da presenza, en bastantes exemplares, dunha chave que permitía a obtención da oitava do primeiro grao ao destapar un furadiño sito na metade da mesa do punteiro.

Só nesta zona de Galicia achamos punteiros con máis de 70 anos de antigüidade dotados cunha chave, o que indica claramente que os vellos gaiteiros descoñecían, como no resto da zona occidental de Galicia, o tocar requinteado, posto que se estivesen familiarizados con el, poderían facilmente obter a oitava do segundo grao sen necesidade de engadir unha chave, o que tamén implica que os propios artesáns da zona descoñecían o xeito de fabricar punteiros capaces de producir oitaveo.

Outra curiosa circunstancia é que as máis antigas gaitas de barquín que puidemos documentar presentan dous punteiros diferentes, un afinado en Si natural e outro nunha tonalidade próxima ou superior ao Re. Para poder empregar os dous cos mesmos bordóns, o orneón aparece cunha cuarta peza que permite facelo máis longo para afinalo co punteiro en Si.

Todos os vellos gaiteiros das zonas onde aparece a gaita de barquín coinciden en que sempre se tocou con dixitación aberta. Isto non é de estrañar posto que en toda a parte máis meridional de Galicia parece que hai séculos que se vén usando este tipo de dixitación, como ocorre tamén coa continuación natural desta zona cara ao sur, é dicir, Portugal, Seabra e Aliste, onde os gaiteiros descoñecen por completo o tocar pechado dende hai polo menos tres xeracións, como xa deixamos dito.

Tamén as palletas das gaitas de barquín son similares ás da parte occidental de Galicia, grandes e con follas de forma cadrada, pero difiren destas nun pequeno detalle: as cangas metálicas das palletas desta zona posuían sempre un pequeno parafuso. Este enxeño permitía regular con precisión a apertura das láminas, non suxeitas agora aos bruscos cambios de humidade propios das gaitas de fol de insuflación non mecánica. Debemos indicar tamén que, debido a esta falta de humidade, os foles de cabrito secábanse con frecuencia, acartoándose e rachando; para evitaren isto, os gaiteiros adobiábanos de cando en vez vertendo no seu interior un vasiño de auga mesturada cunha miga de aceite de oliva e amasando o fol de xeito adecuado.

É curioso observar como nas gaitas de barquín conviven tres enxeños mecánicos bastante complexos: as cangas con parafuso, o propio barquín e a chave do punteiro. Deste xeito, as gaitas de barquín combinan estes caracteres con outros moi antigos, comúns con outros tipos de gaitas de fol, como os torneados sinxelos, escalas dos seus punteiros, as denominacións dos bordóns ou a súa disposición saíndo da mesma buxa.

A orixe da gaita de barquín habería que buscala probablemente entre os séculos XV e XVI, no Renacemento, momento no que por toda Europa xorden gaitas de fol sopradas coa boca pero con dous bordóns. De feito, unha gaita con bordón duplo aparece representada no relevo que decora unha das misericordias das cadeiras do coro da catedral de Astorga, obra anónima datada entre 1515 e 1530, e xa do século XVIII temos un gravado de Juan de la Cruz Cano y Olmedilla sobre un deseño do seu sobriño Manuel de la Cruz (ambos madrileños) titulado Una Gallega de Noia con un Gallego de Tuy bailando la Danza prima aparecido na obra Colección de Trajes de España (1777), que amosa unha gaita de fol con dous bordóns e unha chave no punteiro, características ambas as dúas presentes nas gaitas de barquín.

En canto ao barquín, se lles facemos caso a Anthony Baines e outros autores, parece que non foi ata o século XVII cando por toda Europa comezaron a aparecer gaitas de fol alimentadas co neste dispositivo 5, de xeito que é posible que fose nesta época cando a un modelo de gaita de fol de dous bordóns, soprada coa boca, se lle engadise un barquín, quedando así constituída esta tipoloxía.

Por desgraza as gaitas de barquín están actualmente extintas como instrumentos tradicionais, é dicir, non puidemos achar ningún gaiteiro vivo que aínda tocase este instrumento. A súa desaparición acontece a finais do primeiro terzo do século XX, cando os gaiteiros que as empregaban comezaron a trocar os barquíns por sopretes e a desprazar o ornillo cara a un lateral do fol, cando non foi eliminado. Manuel Pousa Iglesias (Estás, Tomiño, Pontevedra) foi seguramente o derradeiro gaiteiro galego que empregou a gaita de barquín; este home contaría agora con 89 anos de idade e foi fillo, neto, bisneto e probablemente tataraneto de gaiteiros de barquín dos que herdou as súas gaitas. Contounos que o motivo do abandono deste tipo de gaitas de fol foi a presión social en contra delas. Debido a estereotipación da gaita de fol galega, consecuencia da enorme fama acadada polos gaiteiros de Soutelo de Montes e os seus imitadores a partir dos anos 1920, as xentes das aldeas do Baixo Miño comezaron a rexeitar os gaiteiros de barquín, dicindo que as súas gaitas non eran propiamente galegas. Deste xeito, comezaron a ser mal vistos e segregados en favor dos que xa empregaban gaitas “normais”. Posto que as ganancias dos gaiteiros axudaban de xeito importante en tempos de miseria, estes músicos víronse na necesidade de mudar a morfoloxía das súas antigas gaitas de barquín para acomodalas ao modelo máis estendido de gaita de fol con ronco e punteiro popularizado polos gaiteiros de Soutelo de Montes.

O primeiro troco acontecido foi o cambio do barquín polo soprete. Despois sucedeu o paso do ornillo cara ao lateral dereito do fol ou a súa completa eliminación. Un paso intermedio, do que achamos só un exemplo, foi a disposición deste bordón sobre o ombreiro do gaiteiro, saíndo dunha buxa independente da do orneón e suxeito a este cunha cadea semellante á que outrora sustentaba ó barquín.

As gaitas de fol máis antigas que coñecemos en Galicia son precisamente as dúas gaitas de barquín que posúe a familia de Manuel Pousa, posto que pertenceran xa ao seu avó e, aínda que desta información no estaba completamente seguro o informante, pese á súa vigorosa memoria, quizais fosen aínda herdadas de seu bisavó ou quizais tataravó. Estas gaitas contan, pois, cunha idade mínima de 150 anos. Así e todo, sendo certo que foron herdadas do tataravó, esta estimación pasaría a uns 195-200 anos, o que nos colocaría diante de dúas gaitas de barquín galegas de finais do século XVIII. Esta derradeira datación ven soportada pola escurísima cor do buxo 6 e pola extrema simplicidade do torneado dos seus bordóns.

O único taller de gaitas de barquín que temos documentado foi o rexentado polo avó e polo do pai de Manuel Pousa Iglesias, ambos chamados José María Pousa. Seu pai era coñecido polo alcume de “O Setecricas” e morreu cando Manuel contaba 11 anos, polo que non herdou del máis que as gaitas e o pouco que lle puido ensinar a tocar. Tamén no taller dos Represas de Xinzo de Ponteareas (Pontevedra) sabemos que se fixeron algunhas gaitas de fol cos bordóns saíndo da mesma buxa, pero xa carecían de barquín.

O conxunto instrumental no que se integraba a gaita de barquín foi, sobre todo, o do gaiteiro solista, moitas veces acompañado aínda polo tambor, como se observa nas famosas fotografías do gaiteiro de Guillarei feitas por Francisco Zagala (1842-1908) 7 cara ao 1900. Tamén foron abundantes os cuartetos nos que o requinto, ou menos frecuentemente o clarinete, se unía ao gaiteiro de barquín. Con todo, os conxuntos máis típicos desta zona son, sen dúbida, as treboadas. Estes grupos son únicos en toda Galicia e estaban integrados antigamente por dous grandes bombos denominados “de mallada” [159], un tamborileiro e un gaiteiro. Como xa dixemos ao falar destes bombos, as treboadas aínda perduran hoxe, pero sen as características gaitas de barquín e frecuentemente con moitos máis de dous bombos por conxunto.

Para ir rematando, comentarmos que por toda Galicia adoitan a aparecer casos de gaiteiros que por diversas razóns engadiron un barquín á súa gaita de fol. As razóns máis frecuentes son a dificultade para soprar, ben pola idade, ben por algunha eiva, e a busca dun sistema que mellore a conservación das palletas.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs modificada por nós, a gaita de barquín pertencería ao apartado 422.412.313 das gaitas de fol con cantores de tipo óboe e con dous bordóns de lingüeta sinxela sen furados tonais.

Ver notas
  1. [1] González, C., Marín X. R. e Meixide, C. “Un instrumento esquecido: A gaita de barquín”. Pontevedra, revista de estudios provinciais, Nº 8-9.
  2. [2] Puidemos ver fotografías desta gaita de fol grazas a Luis Mondelo.
  3. [3] Malia que isto é o normal, tamén temos probas da existencia dalgunha gaita de barquín cun só roncón. Ver por exemplo as fotografías do gaiteiro de Guillarei.
  4. [4] A denominación orneón para o roncón da gaita de fol aparece documentada por Frei Martín Sarmiento na provincia de Ourense a mediados do século XVIII. Sarmiento, M. Colección de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J.L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1970, p. 368.
  5. [5] Cocks, W. A., Baines, A. e Cannon, R. D. Ver entrada Bagpipe en: Sadie, S. e Tyrrell, J. (Editores). The New Grove Dictionary of Music & Musicians. Ed. McMillan. Londres, 2005.
  6. [6] É un feito que o buxo vai escurecendo co paso do tempo debido á oxidación que sofren os seus pigmentos como resultado da acción do osíxeno do aire.
  7. [7] Pérez Valle, X. C. (Director e coordinador). F. Zagala. Fotógrafo. Ed. Museo de Pontevedra. Pontevedra, 1994, p. 41.
Patrocinadores e colaboradores