Pipas ou gaitas de castiñeiro

Trátase tamén de sinxelos óboes soprados directamente coa boca que se fabrican empregando a codia dunha poliña de castiñeiro. En Galicia témolos documentados nunha franxa que se estende por toda a zona oriental da provincia de Lugo, pasando polas comarcas ourensás de Valdeorras e Terra de Trives para rematar finalmente na da Limia. Tamén se usaron no Bierzo. Non temos novas deles máis cara ao sur, no norte de Portugal ou en Zamora, pero si curiosamente en Foios, unha aldea portuguesa pegada ás Ellas e San Martiño de Trebello (Cáceres), onde as denominan tamén pipas.

Estes instrumentos coñécense coa denominación de pipas de castañeiro no oriente da provincia de Lugo, e gaitas de castiñeiro nas comarcas ourensás. O tubo cantor é construído co cilindro natural que proporciona a codia enteira extraída dunha pequena póla de castiñeiro 1. As poliñas escollidas teñen no oriente de Lugo diámetros que oscilan entre os 7 e 9 mm e lonxitudes de 25 a 30 cm. Nas comarcas ourensás empréganse poliñas algo máis grosas e curtas, duns 11-12 mm de diámetro por 20-23 cm de lonxitude.

Para poder extraer a codia da póla sen fendela débese agardar á primavera; neste momento, a subida do zume fai que esta se poida separar con facilidade. Unha vez cortada unha poliña do tamaño axeitado e sempre libre de gromos e outras poliñas, mázase co mango dunha navalla para despois “andala”, procedemento que consiste en xirala con coidado ata que se despega da madeira interior. Unha vez obtido o cilindro que será o tubo cantor, engádeselle unha pequena lingüeta dupla que se talla cunha navalla na codia extraída dunha poliña fina e que sempre contén un pequeno gromo para que se axuste ben ao introducila na parte superior do instrumento. O tubiño de codia da lingüeta adelgázase na punta quitándolle a parte exterior verde da codia; despois a punta apértase lixeiramente entre os dedos para darlle unha forma lixeiramente oval, compoñendo así as dúas laminiñas de codia que baterán unha contra a outra emitindo o son. Nas zonas montañosas do oriente lucense denomínase a esta lingüeta pipa, mentres que nas comarcas do Oriente ourensán recibe o nome de palleta ou palletiña.

Para obter as melodías practícanse no tubo cantor, coa axuda dunha navalla ben afiada, entre seis e oito furados tonais. No Bierzo e na provincia de Ourense fanse antes de andar a codia, e na de Lugo despois de tirala da póla. No caso de seren oito os furados, o primeiro faise na parte posterior do instrumento e tápase co polgar da man esquerda. O espazado entre furados vén sempre determinado pola distancia que separa os dedos do tocador ao deixalos caer de xeito natural sobre o instrumento 2. Abrindo máis ou menos estes furados conséguese afinar o instrumento, levándoo a unha escala musical que normalmente coincide coa que produce a gaita de fol, é dicir, unha escala diatónica con varios graos lixeiramente diferentes da escala temperada. Aínda que pareza mentira, estes sinxelos instrumentos permiten a execución de complexas melodías, posto que chegan a acadar unha extensión de 11 graos a partir da tónica.

As gaitas de castiñeiro son instrumentos caducos, enseguida que a codia enxoita deixan de soar, e para os conservaren tocando algún tempo máis, os rapaces adoitaban gardalos dun día para o outro en caldeiros de auga.

Nas zonas onde aparecen as pipas de castiñeiro considéranse máis ben como xoguetes, aínda que algún habilidoso fixo algún baile con elas. Representaban un dos principais instrumentos de aprendizaxe dos futuros gaiteiros xunto coas pipas de alcacén pois, como xa observamos, nestas zonas non adoitan aparecer as gaitas de cana con fol. É moi frecuente entre os gaiteiros destas comarcas lembraren que os seus pais non lles mercaran unha verdadeira gaita de fol ata que deixaran sobradamente demostrada a súa habilidade musical coas pipas de castiñeiro. O carácter destes instrumentos era totalmente masculino e non puidemos documentar ningunha nena ou rapaza que os empregase.

As pipas ou gaitas de castiñeiro son óboes heteroglotos e polo tanto, na clasificación de Hornbostel e Sachs, pertencen ao grupo 422.111.2 dos óboes individuais, de luz cilíndrica e con furados tonais.

Ver notas
  1. [1] Malia que para a fabricación destes óboes tradicionais foi tamén frecuente o uso de cortiza de salgueiro ou doutras árbores das que é posible extraer un cilindro de codia enteiro, o castiñeiro foi sempre preferido pola súa maior dispoñibilidade, durabilidade e resistencia a secarse, momento no que estes instrumentos deixan de soar.
  2. [2] Este sistema de determinación da distancia entre buratos tonais é común a case todas as culturas do planeta, resultando nun espazado que oscila entre os 2 e 2.5 cm. Temos observado, de xeito empírico, que a factura de furados en calquera aerófono sinxelo seguindo esta pauta produce, invariablemente, escalas moi semellantes ás diatónicas. Este feito suxire que a orixe deste tipo de escalas podería estar relacionada con este xeito de escoller a disposición dos furados.
Patrocinadores e colaboradores