Saxofón

Este instrumento foi inventado cara ao 1840 por Adolphe Sax, cando aínda vivía en Bruxelas. No 1844 Jean-George Kastner empregouno nunha das súas obras e a partir dese momento comezou a ser amplamente usado sobre todo nas bandas populares. Trátase dun tubo de metal con perforación cónica, máis correctamente parabólica, que leva chaves e unha embocadura de tipo clarinete. É polo tanto un dos poucos instrumentos de lingüeta sinxela que ten perforación cónica, pois xa vimos que todos teñen normalmente a luz cilíndrica.

Sen dúbida o saxofón chegou a Galicia coas bandas populares, e desde elas integrouse nas murgas ou charangas a carón da gaita de fol, coas que empata notoriamente ben sobre todo en compaña do clarinete. A familia dos saxofóns está composta tipicamente polo soprano, o contralto, o tenor e o barítono. O modelo máis empregado nas murgas é e foi, sen dúbida, o saxo contralto, malia que tamén se usaron o soprano e o tenor.

Como calquera dos instrumentos das bandas populares, o saxofón ten en Galicia consideración de verdadeiro instrumento musical; con todo, ao igual que os clarinetes, os portadores consideran que este instrumento tampouco fai música só e precisa do acompañamento doutros.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs o saxofón inclúese no grupo  422.212 dos clarinetes con tubo de luz cónica xunto co corno con pallón e furados do que xa falamos e coa corneta de metal que a continuación mencionaremos.

Patrocinadores e colaboradores