Pito ou chifra e tambor

Gaita e tambor charros (Salamanca). Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

A frauta de tres furados, frauta de pastor, pito ou chifra 1 tocada simultaneamente co tambor polo mesmo músico formou un conxunto instrumental moi abundante en toda a península ibérica e tamén noutras partes de Europa. Trátase dunha frauta de bisel bastante longa, duns 40 cm, que na parte distal leva dous furados anteriores para o índice e o corazón, e na posterior outro para o polgar. Esta frauta sostense e tócase coa man esquerda, ao mesmo tempo que coa dereita se percute, cun único pau, nun tambor de dimensións variables pendurado do brazo esquerdo do músico. Non se coñece a orixe deste conxunto, pero si que os gregos, exipcios, chineses e indios da Guaiana coñeceron a frauta de tres furados, que se supón, polo tanto, instrumento moi antigo 2. Descoñécese cando o tambor se asociou coa frauta, localizándose a primeira iconografía hispana que amosa este conxunto no mosteiro da Oliva (Carcastillo, Navarra), datada no século XII 3. Por esta época foi frecuente entre os xograres o uso do conxunto de frauta e tambor, e así aparece representado nas Cantigas de Santa María (século XIII). Documéntase por toda Europa e na península ibérica con especial auxe a partir do século XVI asociado ao baile e ás procesións relixiosas. Galicia non permaneceu á marxe deste fenómeno, e o pito e o tambor forman parte, neste século, das procesións do Corpo de Deus como xa vimos ao falar do tambor. Un caso claro é aquel documento que xa vimos sobre o Corpo de Deus celebrado en Bouzas (Pontevedra) no ano 1631 onde a confraría do Santísimo compromete a Juan Conde, veciño de San Martín de Vilaboa “a tocar en el día y la víspera del Corpus del presente año [...] con su instrumento de gaita y tamboril4. Por traer aquí un último exemplo, lembremos o contrato do 1597 entre Antonio González e a confraría de Santa María Madre de Ourense para que este tamboritero tocase, durante o resto da súa vida, no Corpo de Deus e na Pascua de Flores desta vila 5. Tendo en conta que en moitos outros documentos da época, nos que claramente se menciona ao gaiteiro e tamborileiro como músicos separados, o contrato deste último fica a cargo do gaiteiro, e considerando tamén que aínda hoxe no Bierzo ao músico de frauta e tambor se lle chama tamborileiro ou tamboriteiro, é moi posible que este contrato se refira a este tipo de músico e non ao acompañante dun gaiteiro. Varias iconografías desta mesma época representan ao tocador de pito e tambor en Galicia. As máis antigas que coñecemos áchanse na capela de San Xoán da catedral de Ourense (finais do s. XV) e nas pinturas murais da igrexa de Santa Baia de Banga (1550, O Carballiño, Ourense); outra aparece no banco do retábulo da igrexa de Santa María de Meiraos (Folgoso do Courel, Lugo) obra de Francisco Heredia datada no 1614. Posteriores son as dos cadeirados dos coros da catedral de Lugo (1624) e San Martiño Pinario (Santiago de Compostela, 1647), así como a que aparece nun dos cantorais de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela, s. XVIII).

Posto que a frauta de tres furados é coñecida en moitos lugares co nome de gaita, e polo tanto gaiteiro pódese referir ao tocador deste instrumento, moitas veces é difícil de diferenciar a que instrumento, gaita de fol ou frauta e tambor, se están a referir os documentos antigos. Así e todo, guiándomonos polos datos que ofrecen os contratos das confrarías, parece que este conxunto foi substituído polo de gaita de fol e o tambor seguramente ao longo do século XVIII, con certeza ao mesmo tempo que o tambor se asociaba coa gaita de fol, aínda que a súa desaparición debeu de operarse en épocas diferentes dependendo das zonas. Tamén opinamos que é moi posible que durante os séculos XVII e XVIII a gaita de fol tocase acompañada do tamboriteiro tocador de frauta e tambor, xa que as iconografías así o indican. Na igrexa de Meiraos (s. XVII) nun lado do retábulo aparece o gaiteiro a carón do tamboriteiro, mentres que no outro o zanfoneiro toca acompañado do tocador de ferriños. Estes mesmos catro músicos aparecen no Cantoral de San Paio de Antealtares (s. XVIII) tocando xuntos, mentres que no cadeirado de San Martiño Pinario (s. XVII) o gaiteiro aparece indubidablemente acompañado polo tamboriteiro tocador de frauta e tambor. Por outra parte, no Bierzo e na Maragatería comezan a aparecer moitos datos da conservación ata hai ben pouco deste tipo de conxunto 6, como o proba a fotografía da danza de Castrillo de los Polvazares (1928) aportada polo noso amigo Luís Alberto Mondelo Sánchez, na que se aprecia este conxunto instrumental e que amosamos no apartado dedicado ao tambor.

Se ben en Galicia e na actualidade non puidemos obter máis que algunha referencia indirecta ao uso do pito e o tambor nas montañas dos Ancares (Lugo) 7, semella que a lírica tradicional garda a lembranza deste conxunto, pois na copla popular que referimos a continuación, extraída da obra de Carlos Rei Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega 8, fálase dunha danza renacentista e barroca, a gavota, que nos permite situar esta copla, seguramente, hai mais de 300 anos atrás. Nela fálase do frauteiro, pero é posible que non se refira a un tocador de frauta traveseira, como da a entender Carlos Rei ao escribir sobre esta copla 9, senón a un tocador de pito e tambor dos que con tanta frecuencia acompañaron este tipo de danzas por toda Europa:

Os mozos de Loña

bailan a gavota,

que o frauteiro vello

moi ben lle la toca.

Bailan a gavota,

máis o ventoreiro,

que ben lle las toca

o frauteiro vello.

[IMLTG, 138]

Nestoutra copla, incluída tamén na citada obra de Carlos Rei, podería acharse tamén a lembranza do instrumento, pois frautas e tambores tocados xuntos pertenceron ao ambiente militar e non ao ciclo pastoril, a non ser que fosen tocados pola mesma persoa:

Os pastores, en orquesta,

fan a festa principal,

coas frautas e tambores

ó meniño celestial

[IMLTG, 138]

O conxunto de pito e tambor conservouse en grande parte da península ibérica en lugares tan dispares coma Euskalherría (Txistu), Andalucía (pito rociero de Huelva), Cataluña (flaviol), Salamanca (gaita charra) ou nos veciños Asturias (xipla 10), León, Zamora e Portugal (Trás-os-Montes), polo que non dubidamos que, estando rodeados por zonas onde aínda se toca, este conxunto instrumental fose outrora tan empregado en Galicia coma nestes lugares. No Bierzo, zona que, pese ás súas características diferenciais consideramos forma parte da área de cultura galega, a chifra e o tambor perduran aínda entre os músicos tradicionais. José Luis Alonso Ponga e Amador Diéguez Ayerbe na súa obra El Bierzo describen este conxunto instrumental: “El tambor, también llamado caja lo hacen de un tronco de nogal que tornean para darle una forma perfectamente circular. A continuación se vacía la parte interior, hasta dejar un cilindro de unos 60 centímetros de alto por unos 40 de ancho11. Os aros son metálicos e portan uns garfos sobre os que pasan as cordas que, tendidas en zigzag e apreixadas por unhas agazadeiras de coiro, permiten tensar as peles. Estas adoitan ser de corzo e ambas as dúas levan un bordón sinxelo. Seguindo a estes autores, a frauta recibe no Bierzo o nome de chifla ou chifra, faise de buxo, uz ou amendoeira e segue o mesmo patrón xa descrito. O instrumentista recibe, segundo estes autores, o nome de tamburiteiru, pero Tomás Rodríguez apunta que o nome real é tamborileiro ou tamboriteiro, o mesmo que os tocadores de tambor na zona oriental galega. Esta discrepancia parece ser debida a que esta obra sobre o folclore berciano intenta por diversos medios xustificar unha diferenciación da cultura berciana da galega, por canto debe ser ollada con coidado.

Nada sabemos da escala musical nin da morfoloxía das antigas frautas de tres furados galegas, pero se facemos caso doutras analoxías instrumentais, seguramente se diferenciou en pouco destas chifras, e a súa escala, se realmente se tocou a carón da gaita de fol durante tres séculos, non debeu de diferir moito daquela das gaitas de fol máis antigas. Por certo que a voz chifla aparece no dicionario de Valladares (1884): “Chifla, especie de silbato.  Refrs: O que n’este mundo fai risa, n’outro tòca a chifra”.

No Cancionero musical de Galicia reconstituído por Filgueira Valverde a partir dos materiais coleccionados por Casto Sampedro entre finais do XIX e principios do século XX aparecen, na sección segunda da terceira parte, dedicada a “curiosidades varias” 12, seis melodías anotadas para executarse con “pito e tambor”: dúas “Diana de pito y tambores de la Virgen Blanca (Pontevedra)” (nos 454 e 455 do cancioneiro); o “Paso-doble de los gigantes, Corpus (Pontevedra)” (nº 456); a “Tonada de San Miguel, día de Corpus (Pontevedra)” (nº 457); o “Paso-doble de los gigantes, Corpus (Guardia)” (nº 458); e a “Cabalgada de Antroido, carnaval (Ribeiro, Orense)” (nº 461). Na páxina 153 do cancioneiro, onde se adianta o título das melodías transcritas, a 455 aparece como “Diana de pito y dos tambores de la Virgen Blanca”. O plural en tambores, que aparece na peza 454 seguramente indica que se trataba dun conxunto de músicos tocando varios tambores e un pito. Resta saber a que se refire con pito.  Sabemos que o conxunto de pínfano (frautín) [283] e tambores está documentado en Santiago de Compostela [ver p. 143 cando falamos dos tambores] en actos de relevancia social. Así e todo, no apartado onde Casto Sampedro describe o “Violín, Clarinete y Flauta13 podemos ler:

«Huelga toda descripción, tratándose de instrumentos tan conocidos. Sólo diremos que el primero siempre fue más usado que la zanfona; que el clarinete usado, y que tuvo bastante boga, fue el de tono de do; y que la flauta travesera, o de forma alemana, en sus distintos tamaños, de ordinaria, tercerola y flautín, vino a sustituir el pito de boquilla biselada y de cuatro agujeros que, quintando, daban más de una octava.»

Podería ser este pito de catro furados unha frauta de tres furados? Confundiuse Casto Sampedro ao referir o número de furados, ou tiñan este tipo de frautas en Galicia catro furados? Precisamos investigar máis o tema, pero estando os conxuntos de frauta e tambor documentados en multitude de procesións do Corpo de Deus da península, non sería de estrañar que estas melodías que anota Casto Sampedro fosen unha herdanza das interpretadas outrora por frauteiros con tambor pois, como acabamos de ver, Casto Sampedro observa que a frauta de bisel de catro (sic) furados foi substituída polo pínfano. Fose o pito o instrumento que fose, pínfano ou frauta de tres furados, a súa estreita asociación co tambor quedou reflectida no dito popular que recolle Marcial Valladares: “Á confesión do tambor, ausolución de pito” [MV, 946].

Un caso moi semellante ao do cancioneiro de Casto Sampedro acontece no Cancionero Gallego de Torner e Bal y Gay 14, onde se indica que a danza do gremio de zapateiros, celebrada en Betanzos os días 15 e 16 de agosto, componse de 12 danzantes, seis homes e seis mulleres, un guía e un contraguía que bailan ao son dun músico que toca a frauta e outro que toca a caixa.

Do século XVIII aínda poderiamos ter unha representación magnífica dun tamboriteiro tocando a frauta e o tambor no nacemento das agustinas de Vilagarcía de Arousa, se ben o pito aparece roto (rompérono?), pero a posición da man esquerda delata a presenza inequívoca dunha frauta. No ano 1897 aparece a última representación que coñecemos dun tamboriteiro galego na revista Galicia Moderna 15, polo que o pito e o tambor deberon extinguirse, polo menos nas zonas máis accesibles, pouco antes de que comezasen en Galicia os traballos de recolección de datos de etnografía musical, xa que ningún dos cancioneiros consultados indica nada claro respecto a este conxunto, nin tampouco os escritos de índole etnográfica que puidemos consultar referidos á Galicia de finais do século XIX e principios do XX o mencionan.

Por último, só un apuntamento curioso que debemos a Javier María López Rodríguez. Durante o Renacemento a frauta de tres furados foi tocada tamén acompañada dun instrumento de corda, unha especie de cítara na que as cordas se baten cun pau semellante ao do tambor, é dicir, substituíuse o tambor por esta cítara. É o instrumento que aínda perdura en Aragón co nome de chicotén. Está documentado iconograficamente en Portugal e tamén o achamos na igrexa de Santa María de Ventosa (Agolada, Pontevedra) nunha representación que data dos séculos XV-XVI.

Nada sabemos sobre a consideración social dos instrumentistas de frauta e tambor en Galicia, pero seguramente debeu ser a mesma ou semellante que os gaiteiros, pois alí onde aparecen estes músicos ocupan un lugar moi relevante, e cando compartillan escena co gaiteiro, como sucede no Bierzo, a súa consideración é idéntica. Deste xeito, a frauta e o tambor deberon ser considerados tamén como un verdadeiro instrumento musical dentro do no noso sistema de cultura tradicional.

O que si podemos supoñer con lexitimidade é que o con-xunto de frauta e tambor foi, como en todos os lugares onde existiu, un instrumento de filiación totalmente masculina.

Ao constar de dous instrumentos diferentes tocados pola mesma persoa, este conxunto non ten cabida dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs, tendo que se clasificar a frauta e o tambor por separado.

Ver notas
  1. [1] Tomamos estas denominacións doutras zonas como o Bierzo (chifra), Portugal (frauta) ou por semellanza con outros instrumentos galegos (pito) pois descoñecemos o nome que recibiu este instrumento en Galicia, que mesmo puido ser gaita, malia que evitamos este último para non xerar confusión con aerófonos de lingüeta.
  2. [2] Jambrina Leal, A. “La gaita y el tamboril en las comunidades rurales del antiguo reino de León”. En: Revista de Folklore. 1982, tomo 2b, nº 19, p. 14.
  3. [3] Jambrina Leal, A. Op. cit. p. 16.
  4. [4] González Montañés, J. En http://www.xente.mundo-r.com/juliomonta/bouzasvigo.htm. Consulta 20/10/2008.
  5. [5] Información amablemente cedida por Julio González Montañés.
  6. [6] Busto, R. “La gaita en el oeste de León”. Etno-folk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº 11, xuño 2008, pp. 253-283.
  7. [7] Información cedida por Raúl Galego.
  8. [8] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, p. 138 no orixinal.
  9. [9] Segundo apunta Carlos Rei nunha nota a esta copla: “A gavota é un baile antigo do que só chegou a nós o nome. Botar un ventoreiro é sinónimo de botar uns pasos de calqueira baile. Xaquín Lorenzo ten unhas liñas escritas sobre eles no seu Cancioneiro da Limia”. Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 138, nota 68.
  10. [10] Zamora, E.M. Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana. Oviedo, 1989. p. 93-94.
  11. [11] Alonso Ponga, J. L. e Diéguez Ayerbe, A. El Bierzo. Etnografía y folklore de las comarcas leonesas. Ed. Leonesas, Santiago García ed. León, 1984, p.191.
  12. [12] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, pp. 195-197.
  13. [13] Sampedro y Folgar, C. <em>Op. cit.</em> p. 203.
  14. [14] Martínez Torner, E. e Bal y Gay, J. Cancionero Gallego. Estudo crítico de Carlos Villanueva. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Facsímil da edición de 1973. A Coruña, 2007, tomo II, p. 87.
  15. [15] Galicia Moderna Año 1, nº 1. Pontevedra 1 de maio de 1897. Cita e fotografía amablemente cedidas por Félix e Cástor Castro Vicente.
Patrocinadores e colaboradores