DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

NOCIÓNS DE GRAMÁTICA

O galego-portugués (denominación común usada no ámbito académico para referirse á forma primitiva e medieval do galego) atópase entre as máis conservadoras das linguas románicas. Por exemplo, conserva sen ditongar as vogais latinas (latín PETRA > gal. pedra; latín NOVU > gal. novo), e algúns ditongos do latín tardío ou protorromance que noutras linguas sufriron unha redución (protorromance do oeste *teito, *noite, *primario > gal. teito, noite, primeiro).

Os principais trazos que caracterizan o galego-portugués fronte ás outras linguas hispánicas fixáronse entre os séculos VIII e XII: redución do -LL- e -NN- intervocálicos cara a -l- e -n-, respectivamente (latín PULLU, CANNA > galego polo, cana) e a caída do -L- e -N- intervocálicos (latín VOLARE, LUNA > galego voar, lúa). Unha característica distintiva do galego-portugués (que o galego acabou perdendo) é a nasalización das vogais que foi provocada pola caída do -N- intervocálico (GERMANU, TENERE > irmão, tēer), etc.

No século XII o territorio da Gallaecia queda divido en dúas partes: o Reino independente de Portugal e o Reino de Galicia, vinculado á Coroa de León e Castela. Dende esta fragmentación política do dominio lingüístico galego-portugués, o devir das dúas variedades foi pouco a pouco diverxendo. Así, mentres o portugués se converteu na lingua oficial do Reino de Portugal, o galego quedaría relegado a lingua minorizada no seu propio territorio, sometido sempre á presión do castelán. Ao tempo, galego e portugués foron distanciándose tamén nas súas características lingüísticas.

Sumario

Fonoloxía e escrita

O alfabeto galego ten 23 letras (a, b, c, d, e , f, g, h, i, l, m, n, ñ, o, p, q, r, s, t, u, v, x, z) e seis dígrafos (ch, gu, ll, nh, qu, rr). As letras ç, j, k, e y úsanse só nos estranxeirismos. O til (´) emprégase para marcar a sílaba acentuada nas palabras polisílabas e tamén se usa como diacrítico para distinguir pares de vocábulos que se diferencian entre eles na pronuncia porque unha é tónica e a outra átona , verbo dar / da, prep. de + artigo a), ou porque unha delas ten unha vogal media aberta e a outra ten a correspondente pechada (vés, verbo vir / ves, verbo ver). Na escrita, é e ó representan as vogais medias tanto abertas coma pechadas.

Fonemas consonánticos

En moitos falantes galegos dáse a substitución do fonema lateralpor un fonema central oclusivo ou africado /dj/, fenómeno que se coñece co nome de “yeísmo”.

Dependendo do dialecto, en lugar do fonema oclusivo velar sonoro/g/ existe un fonema fricativo ou aproximante, con realizacións xordas ou sonoras, localizadas entre o veo do padal e a glote. Na maior parte dos falares de Galicia /g/ pronúnciase como fricativa velar xorda [h].

En posición final de palabra, -n (como en un, can, canción) pronúnciase como nasal velar.

Fonemas vocálicos

Táboa de correspondencias fonemas-grafemas

Morfoloxía

Exceptuando os tres pronomes demostrativos de xénero neutro (isto, iso e aquilo), todos os artigos, adxectivos, substantivos e pronomes clasifícanse segundo o xénero como masculinos ou femininos e segundo o número como singulares ou plurais. O plural fórmase engadíndolle –s ou –es á forma singular, creando nalgúns casos novas formas lexicais: miolo/miolos. Os substantivos masculinos rematan polo xeral en –o e os femininos en –a, como neno/nena, lobo/loba. A oposición de xénero pode indicar nalgúns pares de substantivos diferenzas de sexo, tamaño (o feminino acostuma representar obxectos de maior tamaño ca o masculino) ou forma (poza/pozo, machada/machado). Os substantivos esixen concordancia morfolóxica cos seus modificadores e pronomes referenciais.

Os artigos indefinidos son un, unha (feminino e masculino singular) e uns, unhas (feminino e masculino plural). Os artigos definidos son o, a, os e as. Na fala, despois de palabras que rematan en –r ou –s, estes artigos realízanse normalmente como lo, la, los, e las. Por exemplo, combinados coas preposicións por e tras, o resultado é: polo(s), pola(s), tralo(s), trala(s), respectivamente.

O galego ten unha clase de pronomes reflexivos e cinco tipos de pronomes persoais: de suxeito, de obxecto directo, de obxecto indirecto, preposicionais e de compañía. Estes últimos son pronomes de acompañamento, pero debe terse en conta que consigo é reflexivo: así, distínguese entre estabamos con el e levaba unha pistola consigo. As seis clases de pronomes teñen formas singulares e plurais para a primeira, segunda e terceira persoas. Hai tamén formas formais e informais: as informais ti (segunda persoa do singular) e vós (segunda persoa do plural) e as formais vostede (segunda persoa do singular) e vostedes (segunda persoa do plural). Os pronomes suxeito, os preposicionais e os de compañía son tónicos e úsanse principalmente para enfatizar.

SuxeitoPreposicionalCompañía
1 sg.eumincomigo
2titicontigo
3el/ela el/elaconsigo
1 pl.nósnósconnosco
2vósvósconvosco
3 eles/elaseles/elasconsigo

Os pronomes de obxecto directo, obxecto indirecto e os reflexivos son átonos. Nas oracións declarativas afirmativas van enclíticos, unidos ao verbo. Nos demais casos van proclíticos (colocados antes do verbo).

Obxecto directoObxecto indirectoReflexivos
1 sg.mememe
2te chete
3o, a llese
1 pl.nosnosnos
2vosvosvos
3os, asllesse

Os verbos en galego (nas súas formas plenas) están formados por unha raíz, unha vogal temática e as desinencias de modo-tempo e número-persoa. Unha forma como andaremos analízase do seguinte xeito: and- (raíz), -a- (1ª conxugación), -re- (futuro de indicativo), -mos (primeira persoa de plural). Existen en galego tres conxugacións verbais, que teñen como marca distintiva as súas respectivas vogais temáticas: -a- (andar), -e- (bater) e -i- (partir)[1]. Hai tamén algúns verbos irregulares: caber, dar, dicir, estar, facer, haber, ir, parir, poder, pór, pracer, querer, saber, ser, ter, traer, valer, ver, vir e algúns dos seus compostos e derivados.

Só no indicativo os verbos se conxugan segundo o tempo e o aspecto verbal: presente (ando), pretérito (andei), futuro (andarei); antepretérito (andara), copretérito (andaba), pospretérito (andaría). No modo subxuntivo, os verbos aparecen ou en tempo presente (ande) ou en tempo pasado (andase). O futuro de subxuntivo (andar) emprégase só en textos legais ou moi formais. No galego existen dous tipos de infinitivos, o impersoal e o persoal ou flexionado. O infinitivo conxugado concorda co suxeito na segunda persoa de singular e de plural, e na primeira e terceira de plural. No paradigma verbal do galego existen outras dúas formas verbais impersoais: o xerundio (invariable) e o participio (con flexión de xénero e número). As formas verbais compostas existen só no futuro (hei andar) e no pospretérito (había andar).

Verbo andar

Sintaxe

A sintaxe do galego é a típica das linguas romances do sur. A orde normal das palabras na oración é SVO, situándose os obxectos directos antes dos indirectos (aínda que as regras que rexen a colocación dos pronomes enclíticos son bastante complexas). Os pronomes suxeitos que non están marcados fonicamente ou focalizados atópanse representados morfoloxicamente só polo verbo. Polo xeral, nas oracións declarativas simples os auxiliares preceden ao verbo, os verbos preceden aos seus obxectos e complementos clausais, as preposicións preceden aos seus términos, e nas frases nominais o nome precede aos adxectivos e modificadores clausais (aínda que nalgúns casos o adxectivo precede ao núcleo nominal), mentres que polo xeral os artigos posesivos, demostrativos, numerais e indefinidos preceden ao nome. A inversión de verbo e obxecto prodúcese habitualmente para enfatizar o obxecto.

A voz pasiva, formada polo verbo auxiliar ser e mais o participio do verbo principal, non se usa normalmente en galego, excepto en rexistros formais (documentos legais, xornalísticos ou científicos). No seu lugar, empréganse outras construcións para expresar a idea de pasividade: invértese a orde habitual das palabras (Ese libro lino eu cando era pequeno, esa película rodárona na Coruña), úsase a forma activa do verbo co pronome reflexivo de terceira persoa (Esa película rodouse na Coruña), e existe tamén unha construción impersoal na que se usa a forma activa do verbo en terceira persoa do singular sen suxeito explícito, pero acompañada do pronome se (Véndese viño).

As interrogativas totais fórmanse normalmente invertendo a orde de suxeito e verbo (Veu Antón?). Se queremos enfatizala pode engadírselle unha partícula interrogativa final (Veu Antón ou non?). Nas interrogativas parciais, a partícula interrogativa colócase ao comezo da oración (Cando veu Antón?, Como veu Antón?, Onde está Antón?, Quen é Antón?, Que di Antón?, etc.). Cando se deduce a resposta, sexa negativa ou positiva, pode anticiparse cunha partícula interrogativa final (Veu Antón, non si? - espérase unha resposta positiva; Non veu Antón, a que non? - espérase unha resposta negativa). As respostas positivas exprésanse polo xeral repetindo o verbo, reforzado en ocasións co adverbio si: -Veu Antón? -Veu; -Fostes á festa? -Fomos, si. Para as respostas negativas, úsase o adverbio non.

A negación exprésase habitualmente poñendo o adverbio non antes do verbo: Carme non dixo nada interesante. Como pode verse no exemplo, no galego a "dobre negación" é de regra.

Contacto co castelán

A interferencia do castelán no galego afecta sobre todo ao nivel do léxico, e en menor medida aos niveis da sintaxe, a morfoloxía e a fonética. As interferencias no léxico están ben documentadas xa desde os textos eclesiásticos, legais e literarios medievais. Nun primeiro momento o vocabulario empregado neste tipo de textos foise castelanizando e máis tarde foise introducindo abundante vocabulario do castelán relacionado cos ámbitos da educación, a ciencia, o dereito, a tecnoloxía e os medios de comunicación. Esta interferencia chegou a tal nivel que a miúdo os falantes espontáneos de galego teñen dificultades para recoñecer como galegas algunhas palabras tradicionais e pola contra consideran autenticamente galegas as substitutas castelás. A proximidade lingüística do galego e do castelán facilita a substitución, polo que a desintegración lingüística e a alteración da coherencia e autonomía do galego, xunto coa progresiva asimilación ao castelán, reforza o proceso de substitución (perda de ámbitos de uso e falantes). Na actualidade a substitución léxica está tan avanzada que a castelanización se estende máis alá do vocabulario básico, espallándose desde o campo semántico do corpo humano ás relacións de familia, os nomes dos días da semana e dos meses e a vida doméstica.

No nivel da morfosintaxe, algúns dos fenómenos provocados pola influencia do castelán no galego son: castelanización do xénero das palabras que comparten unha mesma orixe (gal. o leite / cast. la leche > castelanizado gal. a leite); a colocación do pronome átono antes do verbo en contextos onde, de acordo coas regras do galego, se colocarían despois (gal. lévote / cast. te llevo > castelanizado gal. te levo); castelanización das formas irregulares dos verbos (gal. souben / cast. supe > castelanizado gal. soupen). A estes fenómenos, que están presentes en diferentes niveis na lingua dos falantes espontáneos habituais, temos que engadir outros propios dos castelán-falantes: por exemplo, a elisión do artigo definido antes do adxectivo posesivo (gal. a súa roupa / cast. su ropa > castelanizado gal. súa roupa), e o uso de formas verbais como había cantado en lugar da forma galega cantara.

Algunhas palabras do galego común

galegoportuguéscastelán
abaixoabaixoabajo
adianteadiantedelante
ahí
alíaliallí
altoaltoalto
amareloamareloamarillo
anoanoaño
aquíaquiaquí
árboreárvoreárbol
arribaarribaarriba
atrásatrásatrás
augaaguaagua
avó/oaavô/óabuelo/a
azulazulazul
baixobaixobajo
bobombueno
bonitobonitobonito
brancobrancoblanco
cabezacabeçacabeza
cancãoperro
casacasacasa
castañocastanhocastaño
ceocéucielo
chanchãosuelo
cidadecidadeciudad
cociñacozinhacocina
coitelofacacuchillo
corpocorpocuerpo
cullercolhercuchara
dentrodentrodentro
díadia día
estrelaestrelaestrella
feofeiofeo
fillo/afilho/ahijo/a
fóraforafuera
fracomagrodelgado
froitafrutafruta
grandegrandegrande
grosogrossogordo
homehomemhombre
horahora hora
hoxehojehoy
laranxalaranjanaranja
leiteleiteleche
lingualíngualengua
lonxelongelejos
lúalualuna
lumelumefuego
malomaumalo
manmãomano
mañáamanhãmañana
marmarmar
mazámaçãmanzana
mesmêsmes
mullermulhermujer
naimãemadre
negropretonegro
neno/amenino/aniño/a
noitenoitenoche
novonovonuevo
olloolhoojo
onteontemayer
paipaipadre
panpãopan
pie
pequenopequenopequeño
pernapernapierna
porcoporcocerdo
portaportapuerta
potapanelaolla
pratopratoplato
pretopertocerca
rúaruacalle
semanasemanasemana
solsolsol
teitotectotecho
terraterratierra
tixolafrigideirasartén
vellovelhoviejo
ventájanelaventana
verdeverdeverde
vermellovermelhorojo
viñovinhovino

[1] A primeira conxugación presenta normalmente -a- como vogal temática, excepto na P1 do pretérito de indicativo, que presenta –e- (andei), e na P3 deste mesmo tempo, que presenta -o- (andou). A segunda conxugación, que presenta normalmente –e-, ten –i- no copretérito (collía, collías, collía...), nas P1 e P2 do pretérito de indicativo (collín, colliches) e no participio (collido/s, collida/s). No caso da terceira conxugación, a vogal temática habitual é –i-, pero presenta –e- nas P2, P3 e P6 do presente do indicativo (partes, parte, parten) e na P2 do imperativo (parte).

Bibliografía

  • Álvarez, R. e Xove, X.(2002): Gramática da lingua galega, Vigo, Galaxia.
  • Fernández Salgado, B. e Monteagudo, H. (1993): "The standardization of Galicia: the state of the art", Portuguese Studies 9, 200-213.[EN]
  • Ferreiro Fernández, M. (1996): Gramática histórica galega I, Santiago de Compostela, Laiovento.
  • Ferreiro Fernández, M. (1997): Gramática histórica galega II, Santiago de Compostela, Laiovento.
  • Freixeiro Mato, X. R. (1998): Gramática da lingua galega I, Fonética e fonoloxía, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2000): Gramática da lingua galega II, Morfosintaxe, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2001): Gramática da lingua galega III, Semántica, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2003): Gramática da lingua galega IV, Gramática do texto, Vigo, A Nosa Terra.
  • Freixeiro Mato, X. R. (2001): Manual de gramática galega, Vigo, A Nosa Terra.
  • Gambini, D. (1986): Introduzione alla linguistica galega, Perugia, Università.[IT]
  • Gómez Guinovart, X. (2011): Dicionario moderno inglés-galego, Ames, 2.0 Editora.
  • Herrmann, U. (1990): Das Galicische: Studien zur Geschichte und aktuellen Situation einer der nationalen Sprachen in Spanien, Frankfurt, TFM / Domus Editora Europaea.[DE]
  • Holtus, G. et alii (eds.) (1994): Lexikon der Romanistischen Linguistik. Vol. 6, 2: Galegisch, Portugiesisch, Tübingen, Max Niemeyer.
  • Mesa prá Defensa del Gallego de Asturias e da Cultura da Comarca (1990): Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias, Eilao, Mesa prá Defensa del Gallego de Asturias e da Cultura da Comarca.
  • Monteagudo, H. (1993): "Aspects of corpus planning in Galicia", Plurilinguisme 6, 124-153.[EN]
  • Monteagudo, H. (2001): “Galician”, en Garry J. e Rubino C. (eds.), Facts about the world´s languages, Nova York, H.W. Wilson, 229-233.[EN]
  • Regueira Fernández, X. L. (coord.) (1998): Os sons da lingua, Vigo, Xerais.
  • Regueira Fernández, X. L. (2010): Dicionario da pronuncia da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega.
  • Santamarina, A. (ed.) (2000): Diccionario de diccionarios, A Coruña, Fundación Barrié. [CD-ROM]
  • Xubín, I. (2010): Dicionario galego-éuscaro euskara-galiziera,Vigo, Universidade.
  • Outra bibliografía en liña