DISPOÑIBLE EN

GL
EN
ES

CONTACTAR

ACERCA DE LOIA

FICHA DO IDIOMA

Nome:

Galego

Número de falantes:

Aproximadamente dous millóns de persoas son falantes habituais de galego e medio millón máis emprégao como segunda lingua.

Localización:

Galicia (noroeste de España), así como as zonas estremeiras de Asturias, León e Zamora. Existen tamén núcleos importantes de falantes galegos na emigración, sexa noutras rexións de España (Madrid, Barcelona, País Vasco e Illas Canarias), en Europa (Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Reino Unido e Holanda) ou en América (Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba, México e os Estados Unidos).

Familia:

Idioma hispánico, románico-occidental, procedente do latín, da rama itálica do indoeuropeo.

Linguas parentes:

O galego está estreitamente emparentado co portugués. Tamén ten relación con outras linguas románicas.

Dialectos:

Os tres principais bloques dialectais son: (1) galego oriental, que inclúe os dialectos falados fóra da Galicia administrativa, dos que o máis importante hoxe é o galego de Asturias; (2) galego central, onde salientan a área norte ou mindoniense, e a área sur ou lucu-auriense; e (3) galego occidental, onde salientan a área fisterrá no norte e tudense e baixo limega no sur.

Os principais trazos dialectais:

(1) fonéticos: gheada (en lugar do fonema oclusivo velar sonoro /g/ existe un fonema fricativo ou aproximante, con realizacións xordas ou sonoras, en palabras como gato ou pagar), característica do galego occidental e boa parte do galego central; e seseo (presenza de /s/ nas mesmas posicións nas que en galego común hai un /θ/, en palabras como cen ou cazar), característico do galego occidental; (2) morfolóxicos: nos substantivos, terminación -án (<latín -ANU & -ANA: irmán <latín GERMANU, GERMANA) nos dialectos occidentais, fronte á terminación -ao (<latín -ANU) e -á (<latín -ANA) (irmao/irmá) dos dialectos dos bloques central e oriental; na formación do plural dos nomes rematados en -n, terminación -óns (<latín -ONES) nos dialectos do bloque occidental, fronte á terminación -ós dos dialectos do bloque central e -ois nos do bloque oriental; nos verbos, o sufixo de persoa -is para a segunda persoa do plural (andais) nos dialectos orientais, fronte ao sufixo -des do galego común (andades). Os dialectos orientais (especialmente o galego de Asturias) posúen outras moitas particularidades.