A Confederación Intersindical Galega (CIG) presenta a campaña Por unha administración mellor, mellor en galego, destinada principalmente a concienciar aos traballadores/as da Administración pública da necesidade de cumprir a normativa lingüística vixente e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.
O desenvolvemento desta iniciativa, que é a segunda fase doutra campaña previa que a CIG botou a andar no mes de maio, inclúe a edición de carteis e o envío de misivas a toda a afiliación da Administración e aos directivos das diferentes áreas das institucións públicas, nas que se recollen os dereitos e as obrigas lingüísticas no ámbito público.
Se desexa máis información, prema aquí.
Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Redondela
O Concello de Redondela anuncia a convocatoria para a contratación temporal, na modalidade de interinidade, dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.
O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de novembro de 2008.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
Preséntase o prototipo do tradutor automático inglés-galego-inglés
A empresa Imaxín Software presenta o primeiro prototipo de tradutor inglés-galego-inglés, desenvolvido coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e co financiamento da Consellería de Innovación e Industria.
O paquete está accesible en liña para o seu uso e perfeccionamento.
Xornada de servizos e produtos para a dinamización lingüística
No marco do Cultur.gal, a Coordinadora de Traballadores para a Normalización da Lingua organiza unha xornada de encontro entre os traballadores/as de normalización lingüística e as empresas que desenvolven servizos e produtos útiles para o seu traballo.
Na xornada, que terá lugar o vindeiro día 5 de decembro, a partir das 17:00 h, cada entidade fará unha breve presentación duns 10 minutos daquelas propostas máis axeitadas para poder ser contratadas por un SNL ou ENDL e entregaralles aos/ás técnicos/as e coordinadores/as participantes un dossier con información sobre as súas propostas.
Se desexa máis información, prema aquí.
XI Premio Manuel Beiras
A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a novena edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.
O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 1 de decembro de 2008.
Xustamente, en galego
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Consello de Avogados de Santiago presenta, baixo o título Xustamente, en galego, unha nova campaña de dinamización lingüística no ámbito da xustiza.
Amais dos carteis divulgativos que se distribuirán polos xulgados, facultades de dereito, colexios de avogados, etc., no web do colexio habilitouse tamén unha sección para que as persoas interesadas poidan argumentar os motivos polos que consideran que debe fomentarse o uso do galego no eido xurídico.
Homenaxe a Antón Santamarina polo seu labor no ámbito da estandarización do idioma galego
Antón Santamarina, membro da Real Academia Galega e catedrático de Románicas na Universidade de Santiago de Compostela, recibiu onte nun acto de homenaxe celebrado na Facultade de Filoloxía da USC o recoñecemento aos seus 30 anos de catedrático e 41 anos de docencia, así como ao seu intenso labor investigador no ámbito da estandarización e codificación do idioma galego.
No acto presentouse tamén o libro Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina, no que participaron arredor de cincuenta colaboradores da Facultade de Filoloxía e do Departamento de Filoloxía Galega da USC con traballos relacionados coas liñas de investigación que o propio homenaxeado cultivou.
Seminarios de linguaxe non sexista
O Consello da Xuventude de Galicia organiza seminarios de linguaxe non sexista dirixidos a mozas e mozos pertencentes a asociacións xuvenís, así como á poboación moza de toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
O principal obxectivo destes seminarios, dos que se celebrarán tres edicións, é achegarlles ás persoas participantes recursos e criterios para eliminar o sexismo lingüístico, así como facelos reflexionar sobre a necesidade de democratizar a linguaxe formal e coloquial.
Se desexa máis información sobre as datas de celebración ou os trámites de inscrición, prema aquí.
Décima edición - outubro 2006
Consulte o programa definitivo cos resumos das intervencións e acceda ao formulario de inscrición en liña
Consultas Solicite documentación
sobre normalización lingüística ao
CDSG Boletín
de novidades Reciba as novidades do CDSG no seu
correo electrónico
A planificación lingüística no mundo
Web con información sobre a situación sociolingüística e a política lingüística desenvolvida en 194 países do mundo