Xa pode consultar en liña o programa provisional dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de marzo de 2012 no Auditorio da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Galicia).
Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención ás claves para conectar coa mocidade, así como ás estratexias para implicar a xente nova no proceso de normalización do idioma galego, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas actuais e de reflexión sobre accións xa realizadas.
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do CCG. O prazo de inscrición remata o 16 de febreiro. O 17 de febreiro farase pública a listaxe de admitidos/as e partir dese momento abrirase un novo prazo para formalizar o pago da matrícula.
Proxecto Neo, para poñer en valor os neofalentes de Burela
O pasado mes de xaneiro naceu o Proxecto Neo, un novo programa semanal de Radio Burela desenvolvido en colaboración coa área de Innovación Educativa do IES Perdouro, no marco do Modelo Burela de Planificación Lingüística.
Neste caso, o obxectivo da iniciativa é darlle visibilidade a persoas neofalantes de galego, nomeadamente aquelas que residen actualmente no Concello de Burela.
O programa, conducido por Bernardo Penabade, emítese todos os mércores entre as 17:00 h e as 18:00 h e pode escoitarse en liña desde calquera lugar do mundo.
No web do IES Perdouro atopará as ligazóns dos programas emitidos ata o momento.
Nace Praza Pública, un novo xornal dixital en lingua galega
Hoxe, 1 de febreiro de 2012, bota a andar Praza Pública, un novo medio de comunicación en galego pensado para Internet. O xornal está impulsado pola Fundación Praza Pública, que ten como fin prioritario o “fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e da lingua galegas”.
Desde o punto de vista tecnolóxico, trátase dun xornal deseñado integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis na rede, empregando software libre.
MeteoSix Mobile, a información meteorolóxica en galego
MeteoGalicia presenta MeteoSix Mobile, unha aplicación para móbiles con sistema operativo Android que permite consultar en galego a predición meteorolóxica e oceanográfica para calquera punto de Galicia e arredores.
A aplicación pode descargarse de balde desde a tenda virtual de Android. Os usuarios máis avanzados que desexen desenvolver as súas propias aplicacións meteorolóxicas, tamén teñen accesible en liña a API do MeteoSix.
O vello Sinbad chega a Redondela
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela inaugura a nova tempada de cinema en lingua galega coa proxección do filme “Sinbad”, dirixido por Antón Dobao, cuxo guión está inspirado na novela Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.
Faranse dúas proxeccións, unha o venres 3 de febreiro, ás 19:00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela, e outra o sábado 11 de febreiro, ás 19:00 h, no Auditorio da Xunqueira de Redondela. A entrada é de balde.
Se desexa máis información, prema aquí.
Chega o Correlingua 2012
Bota a andar un ano máis o Correlingua 2012, iniciativa lúdico-didáctica que este ano levará por lema “Galego: todo o que buscas”.
O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Lugo e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país.
Durante estes meses previos, os centros educativos desenvolverán diferentes actividades lúdico-educativas na aula para introducir a actividade e o alumnado poderá participar en diferentes concursos (vídeo, música, banda deseñada, elaboración de manifesto e Galeoke).
Google Doodle para o Día das Letras Galegas 2012
O colectivo GalegoLab promove o proxecto Google Doodle para o Día das Letras Galegas 2012, que ten como finalidade darlle visibilidade internacional a esta celebración conseguindo que Google lle dedique un dos seus “doodles” (versión do logo), como acostuma a facer para homenaxear diferentes personalidades, feitos históricos, eventos culturais, etc.
Para poder demostrar o apoio social á iniciativa, GalegoLab está a recadar sinaturas a través da páxina actuable.
A maiores, tamén se pode colaborar enviando ao enderezo info@galegolab.org propostas gráficas para o “doodle”, así como informes ou cartas de apoio de institucións ou persoeiros do ámbito da cultura.
IV Xeiras sobre a Lingua Galega na Universidade de Vigo
Os Comités da Universidade de Vigo organizan as IV Xeiras sobre a Lingua Galega, co obxectivo de reflexionar sobre a situación social do noso idioma e reivindicar o seu uso.
As sesións terán lugar os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2012 en Vigo (na sala I do edificio Miralles).
A matrícula é gratuíta. Todas as persoas interesadas deben inscribirse a través do formulario web habilitado para a ocasión.
Consultas Solicite documentación
sobre normalización lingüística ao
CDSG Boletín
de novidades Reciba as novidades do CDSG no seu
correo electrónico
Música en galego
Blog que inclúe información sobre a música en galego (discos, vídeos, festivais...), así como unha canle de radio que emite de xeito continuo música no noso idioma
Para consulta en sala e asesoramento sociolingüístico:
Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega
Biblioteca de Galicia – 1º andar
Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela Teléfonos : 881995146 / 881995142 Enderezo electrónico:cdsg@consellodacultura.org
Para envíos postais:
Centro de Documentación Sociolingüística
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
15975 Santiago de Compostela