Presentación do estudo “Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria”
Mañá venres, día 5 de setembro, presentarase no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) a obra Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria, resultado dunha investigación de campo realizada entre os anos 2005 e 2007 a partir dun convenio de colaboración entre o CCG e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC.
Na presentación, que terá lugar ás 11:30 h, intervirán Ramón Villares, presidente do CCG; Henrique Monteagudo, secretario do CCG; Bieito Silva Valdivia, director da investigación e José Cajide Val, director do ICE da USC.
Praza de profesor/a contratado/a interino/a na Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña convoca un concurso público de méritos para a contratación de persoal docente para o curso académico 2008-2009. Entre as prazas, ofértase unha de profesor/a contratado/a interino/a de substitución, adscrita ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística, para desenvolver labores de docencia nas materias da área de Filoloxía Galega e Portuguesa.
O prazo de entrega da documentación remata o vindeiro 8 de agosto. Se desexa acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.
Ben falado!, novo espazo na TVG para a difusión do idioma
Desde o pasado 21 de xullo a Televisión de Galicia emite diariamente o programa Ben falado!, un microespazo matinal de difusión lingüística concibido desde unha perspectiva lúdico-educativa.
No programa, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e presentado polo académico Xesús Ferro Ruibal, trátanse diferentes contidos relacionados coa historia, a gramática, a ortografía e o léxico do galego, tentando ao mesmo tempo de ensinar e deleitar ao espectador.
Amplíase o prazo de inscrición nos cursos preparatorios para as probas dos Celga
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a ampliación do prazo de presentación de solicitudes para os cursos preparatorios das probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.
Así pois, naqueles cursos que aínda teñan prazas dispoñibles, o prazo de inscrición remata dez días antes da data prevista para o inicio de cada curso, agás os do mes de xullo, que rematará tres días antes.
Se desexa máis información, prema aquí.
Inaugúrase a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”
Maña, mércores 16 de xullo, inaugúrase en Santiago de Compostela (San Martiño Pinario) a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinada polo profesor Anxo Lorenzo.
A mostra, que será itinerante, ten como obxectivo promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística do mundo e contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global.
Se desexa máis información, prema aquí.
EGU, a cultura universal en galego accesible en internet
A editorial Ir Indo presenta a versión dixital da EGU, a primeira enciclopedia galega de carácter universal escrita integramente en galego.
Esta obra, que será de acceso gratuíto ata outubro, conta con máis 200 000 entradas e inclúe, entre outros recursos, arquivos sonoros, vídeos, animacións e materiais didácticos.
AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.
O proxecto desenvolverase entre o 1 e o 13 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Abades-Silleda) e o prazo de inscrición é do 9 ao 19 de xullo. Se desexa máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
Máster Oficial Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega
As universidades da Coruña, Santiago e Vigo presentan a primeira edición do Máster Interuniversitario de Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega, que conta cun total de 60 créditos (+ 6 do módulo de adaptación) para ministrar no vindeiro curso académico 2008-2009.
Ofrécense dúas modalidades: profesional (orientada á práctica profesional) e académica (que equivale ao DEA, e abre a posibilidade de realizar unha Tese de Doutoramento).
A docencia ministrarase as tardes dos martes, mércores e xoves; desde outubro de 2008 a maio de 2009 (ambos os dous incluídos), e en módulos de dúas horas (16:30-18:30 e 18:30 a 20:30).
Os trámites de matrícula deben realizarse segundo a normativa da universidade na que decida inscribirse. A información facilitarase a través dos sitios web da USC, da UDC e da UVigo.
Décima edición - outubro 2006
Consulte o programa definitivo cos resumos das intervencións e acceda ao formulario de inscrición en liña
Consultas Solicite documentación
sobre normalización lingüística ao
CDSG Boletín
de novidades Reciba as novidades do CDSG no seu
correo electrónico