SONS

Volver Páxina Principal

Consello da Cultura Galega

 
 
Arquivo de son de Galicia
O   N O S O   P R O X E C T O   M e m o r i a   d a s   N o s a s   A c t i v i d a d e s

 
Principal | Sons | Música | Lingua | Proxecto
Edicions | Colaboradores | Memoria

 
  Liñas de traballo desenvoltas VOLVER
  Desde a orixe mesma do proxecto foi a nosa intención que non se considerase este tanto un intento de montaxe dun centro de investigación, como dun lugar de reflexión e de posta en marcha de iniciativas en relación á conservación do patrimonio sonoro. Por iso, tratamos sempre de involucrar á maior cantidade de persoas e institucións públicas e privadas no desenvolvemento de actividades que considerabamos importantes para iniciar o camiño de interese no patrimonio sonoro. 
Para efectuar estes traballos levamos contado tanto con colaboracións persoais de doadores de materiais como con bolseiros do Consello da Cultura Galega e mesmo con axudas doutras instancias que no seu lugar sinalamos. 
Algunhas destas actividades foron:
Investigación-acción na aula (1991-92)
  Promovéronse gravacións de tipo etnográfico en dez centros de ensino medio de Galicia con achegamento da Cultura Popular de Tradición Oral ó mundo escolar e coa constitución de coleccións nos centros, á parte da centralización de copias no programa ASG. Contamos, neste traballo, coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Ensino Medio. Os centros participantes eran das localidades de Ourense, Bande, A Garda, Negreira, Noia, As Pontes de García Rodríguez, Narón, Lalín, Lugo e Ribadeo.
Traballos en centros da Terceira Idade (1992)
  Mediante un convenio coa Dirección Xeral de Servicios Sociais, catro bolseiras realizaron entrevistas sobre Cultura Popular de Tradición Oral en catro centros da Terceira Idade: Viveiro, Tui, Santiago e Ourense. Máis de cen horas de gravación en xeral de alta calidade e xa transcritas. Unha escolma destes traballos agarda publicación.
Recuperación de fondos sonoros no Río da Prata (1992-1997)
  Coa colaboración da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades, investigamos en Arxentina e Uruguai, no verán de 1992, a conservación de fondos de interese cultural e trasladamos copias ou orixinais a Santiago para a súa dixitalización. Sen dúbida, son as coleccións máis importantes do ASG porque recollen a memoria culta da Galicia extraterritorial nun momento en que é difícil localizar gravacións do interior. Xa en Galicia, mediante un convenio coa CRTVG, procedeuse á dixitalización de parte dos fondos, 92 bobinas provenientes do Centro Galego. Devolvéronse copias en casete dos fondos do Centro Galego e Galicia de Bos Aires no verán de 1993 e os orixinais en setembro de 1997. Tamén se procedeu á adquisición de dúas importantes coleccións: unha, a de Henrique Pampillón, de Bos Aires, en dous tramos, 1992 e 1997; e outra, a de Xosé Castro, de Montevideo, en 1997. Recibimos ademais algunha importante doazón, como o disco orixinal coa voz de Castelao, gravado o 30 de setembro de 1941, feita pola familia do actor galego Fernando Iglesias "Tacholas", ou a copia da colección de Manuel Cordeiro de Bos Aires.
Participación na colección FONOTECA 92 de El Correo Gallego
  Na primavera de 1992 contribuímos con parte dos nosos fondos iniciais á sección de "voces históricas" na colección FONOTECA 92 de El Correo Gallego. Desde o proxecto ASG facilitámo-las voces de Castelao, Otero, Cabanillas, Dieste, Fole, Blanco Amor, etc.
Promoción de bolsas de investigación sobre Cultura Popular de Tradición Oral
  A Consellería de Cultura concedeu varias bolsas para traballos de investigación sobre a CPTO de determinadas comarcas na convocatoria de xaneiro de 1992 promovidos desde o ASG.
Gravación de sons da natureza (1993-1997)
  A Escola de Imaxe e Son, por iniciativa nosa, promoveu no verán de 1993 a realización dun proxecto fin de curso no centro baixo o título de "Sons da Terra", no que se recompilaron 125 sons naturais ou humanos típicos da terra. Deles 52 foron escolmados para a edición dun CD na primavera de 1995.
Continuouse con gravacións de sons da natureza e humanos de cara á ampliación do Arquivo no ano 1995 por medio dun bolseiro do Consello da Cultura Galega e no verán de 1997 coa actividade da técnica de son do Arquivo.
Gravación de entrevistas (1995-1996)
  Conscientes de que o noso é un país onde a oralidade ten unha especial importancia á hora de revivir a historia, procedemos a efectuar entrevistas a personaxes especialmente importantes para irmos achegando materiais a un "arquivo da palabra". Unha bolseira entrevistou ó longo de 1995 a Colmeiro, Laxeiro, Filgueira Valverde, Rey de Viana, Pura Vázquez, Felipe Fernández Armesto, Antonio Fraguas, Posada Curros e Agustín Sixto Seco.
Con motivo do falecemento de Rey de Viana, Laxeiro e Filgueira Valverde, publicáronse as entrevistas íntegras no xornal O Correo Galego.
Participación na montaxe do Pavillón do IGAEM (1993)
  Proporcionámoslle ó IGAEM, en 1993, unha selección das 25 voces máis representativas do país para o seu tratamento informático e disposición pública mediante pantallas táctiles e auriculares, na exposición permanente que existe na sede deste organismo, no Pavillón de Galicia, en San Lázaro.
Transcrición de materiais
  Bolseiros do Consello procederon á transcrición e anotación de conferencias e entrevistas de interese de cara á súa edición sonora e/ou papel para distribución masiva con xornais: 
Otero Pedrayo, A Xeración Nós, O Correo Galego, 17 de decembro de 1995. 
Ferro Couselo, A orixe de Ourense, La Región, 17 de maio de 1996 
ou á súa edición directa desde o programa: 
Álvaro Cunqueiro, A historia de Galicia, Lisboa 1970. 
Celso Emilio Ferreiro, Entrevista de X. A. Perozo e M. Xosé Porteiro, 1975. 
Ánxel Fole, Escolma de entrevistas. 
Eduardo Blanco Amor, Los poemas gallegos de Lorca, 1959 
Otero Pedrayo, Lembranzas de médicos galegos, 1975. 
Eduardo Blanco Amor, Recital antolóxico da poesía galega dos séculos XII ao XX,1956
Achegas de materiais
  Achegámoslle materiais de gravacións a Vídeo Voz -para programas na TV de Blanco Amor, Dieste, Ferro Couselo-; ós Centros de Recursos para a elaboración de vídeos didácticos destes autores e Cabanillas, Ferro Couselo, Blanco Amor; á Radio Galega para a edición dun CD titulado Galicia e América e para programas sobre Voces históricas, etc.
Relación con outros centros
  Tivemos contactos con diversas institucións, moitas delas visitadas, como a Fonoteca da Biblioteca Nacional en Madrid, a Fonoteca da Generalitat de Catalunya, o Archivo Musical de Asturias, a AVAS (Association Valdotaine de Archives Sonores) en Aosta, o National Sound Archive da British Library en Londres, Arquivo do Parlamento Galego, Arquivo do Parlamento Español, Archivo Histórico de la Nación (departamento de imaxe e son) Bos Aires, etc.
Localización de materiais noutras coleccións
  Levamos localizadas amplas coleccións de materiais e dalgunhas temos índices: RNE, Aula de Cultura de Caixa Galicia Ferrol, Ateneo de Ferrol, Galería Sargadelos de Santiago, Concello de Moaña. E temos relación con outras amplas coleccións: Proxecto HISTORGA (Historia Oral da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago), ILGA (Arquivo do Galego Oral, Atlas Lingüístico, etc.) e con varias coleccións privadas.
  VOLVER

 
 
Principal | Sons | Música | Lingua | Proxecto
Edicions | Colaboradores | Memoria
Se vostede ten algúns materiais que puidesen ser do noso interese e quere colaborar connosco, ou ten algunha suxestión que facernos, por favor diríxase ó:
Arquivo Sonoro de Galicia
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi 2º andar
Praza do Obradoiro
15750 Santiago de Compostela
asonoro@consellodacultura.org

© Consello da Cultura Galega, 1999.