Observatorio da Comunicación Local
O Observatorio
da Comunicación Local ten como obxectivo principal a investigación
en comunicación nos ámbitos local e comarcal en Galicia,
un ámbito de estudo preferente na Sociedade da Información.
Xunto cos medios xeralistas, xornais e medios audiovisuais de cobertura
estatal e autonómica, Galicia conta cunha grande cantidade
de iniciativas de comunicación nos ámbitos comarcal
e local. O espallamento dos habitantes, que leva á existencia
de numerosos núcleos de poboación, provoca a riqueza
dun sistema de medios no que conviven o espazo global, que chega
a través das novas tecnoloxías, e o local, no que
se desenvolven os principios de comunicación comunitaria.
O Arquivo de Comunicación dispón de datos sobre comunicación
local e comarcal en Galicia recollidos nos últimos cinco
anos. Estes datos permiten a elaboración do Mapa Comarcal
de Medios, o primeiro dos proxectos acometidos polo Observatorio.
Trátase dunha referencia fiábel, na que se combinan
datos referidos ao sistema de medios con con datos que teñen
que ver co marco socioeconómico de cada unha das áreas
do territorio galego. O contraste e comparación desta información
permitirá a elaboración de análises sobre a
evolución do xornalismo local e comarcal no país,
o seu pasado e as liñas de futuro que se perfilan.
O Observatorio
da Comunicación Local é o espazo máis adecuado
para que, coa información das bases de datos, poidan estabelecerse
conclusións sobre temas variados referentes á profesión
xornalística e á cultura comunitaria:
- O nivel de profesionalización dos medios locais.
- As conexións e colaboracións entre os distintos
medios.
-
Financiamento e comercialización.
- Obxectivos e implicación dos mesmos na vida cultural
e social de cada comarca
- Novas definicións do espazo local que transgridan as
categorías clásicas de rexional e local e que respecten
a variedade xeográfica e poboacional específicas
de Galicia.
- Efectos da "glocalización", é decer,
a adaptación de modelos comunicativos e empresariais foráneos
ao ámbito comarcal galego. Políticas de descentralización
dos medios.
_______________________________________________________
Centro
de Documentación
Como
obxectivo xeral, o Centro de Documentación do Arquivo de
Comunicación ten a misión de rexistrar, catalogar
e almacenar todos os medios impresos, electrónicos e audiovisuais
que existen na actualidade en Galicia co fin de debuxar un mapa
mediático dos diferentes sectores xornalísticos.
Este principio artéllase nos seguintes obxectivos concretos:
-
Conservar os materiais que se producen en Galicia na área
de publicacións periódicas.
- Compilar información sobre os medios que existen en Galicia,
pondo especial énfase nos medios de emisión e recepción
a pequena escala.
- Facilitar o acceso a toda esta produción a calquera entidade
ou persoa que requira estes servizos.
- Ofrecer información respecto da realidade mediática
dos diversos sectores xornalísticos.
- Organizar encontros ou xornadas para a posta en común
e discusión de experiencias e iniciativas, así como
para mellorar a formación dos profesionais.
O Centro
de Documentación está a pór as condicións
necesarias para o desenvolvemento dos seguintes servizos:
-
Consulta directa das bases de datos en sala ou a través
da web.
- Lectura en sala de fondos das publicacións periódicas.
- Información pormenorizada das publicacións rexistradas.
|