|
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Asuntos Sociais,
Emprego e Relacións Laborais da Xunta asinaron un convenio
de colaboración para a elaboración dun estudo sobre
a situación profesional dos documentalistas dos medios de
comunicación en Galicia.
O Aquivo da Comunicación do CCG, consciente do importante
papel dos documentalistas na Sociedade da Información, consideraba
necesario pór en marcha un estudo que identificase a situación
actual do documentalismo nos medios de comunicación. Un interese
compartido pola Consellería de Asuntos Sociais, que desexaba
contribuír a un mellor coñecemento da situación
profesional deste colectivo, tendo en conta a súa especial
función de localización e subministro de información
para a intermediación no exercizo do dereito á información.
Esta
investigación pretende seguir avanzando nun mellor coñecemento
da realidade sociolaboral dos profesionais da información,
que facilite un mellor coñecemento da situación do
sector na Comunidade. Anteriormente e en colaboración coa
Dirección Xeral de Relacións Laborais, o CCG realizou
na mesma liña os estudos "Condicións
laborais e actitudes profesionais nos medios de comunicación"
e "Xornalismo
en Internet: actitudes profesionais e condicións laborais
dos periodistas en liña".
O estudo
estará coordinado por María Antonia Pérez,
profesora da área de biblioteconomía e documentación
da Universidade da Coruña, por Miguel Túñez,
decano da Faculdade de Ciencias da Comunicación de Santiago,
e por Xosé López, director do Arquivo de Comunicación.
Para a sú realización, na que participarán
investigadores do Arquivo de Comunicación, o Consello da
Cultura Galega aportará 3.000 euros e a Consellería
6.000.
|