O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, defendeu no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas e creación “dunha axencia de carácter independente que promova a acción cultural exterior, para evitar duplicidades e asignar mellor os recursos”. Niste senso, considerou “fundamental a utilidade dos centros galegos creados na diáspora porque poden adoptar un novo perfil axeitado ás necesidades dunha sociedade amplamenmte globalizada”. Villares, responsable do relatorio sobre “Cultura, asociacionismo e acción exterior”, precisou que as iniciativas neste campo “son unha base fundamental para establecer unha imaxe-marca de país e deben ser entendidas no marco da chamada diplomacia branda ou diplomacia cultural”. Abogou tamén pola progresiva conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes, actuando como unha antena de Galicia e da súa cultura”.
O presidente do Consello da Cultura Galega salientou o feito de que a cultura é “un dos grandes valores de Galicia como país cun perfil propio e pode ser utilizada para difundir a imaxe de Galicia no exterior e para mellorar as relacións con outros países e comunidades”. Lembrou que a cultura “fai parte esencial da actividades das Comunidades Galegas formadas no exterior desde hai séculos e, de forma máis directa, da construción da identidade cultural da Galicia contemporánea”.
Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205