CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS

1983-2008: Vinte e cinco anos do CCG

FOROS DE DEBATE


DOMINGO DOCAMPO
Galicia na sociedade do coñecemento
3 e 4 de abril

Facer unha achega á situación de Galicia na sociedade do coñecemento a través de tres perspectivas: económica, sociolóxica e tecnolóxica é o obxectivo deste foro de debate. Seguindo eses puntos de vista, o encontro organízase arredor de tres temas centrais: Galicia e a globalización, a cidadanía na sociedade da información, Galicia e as tecnoloxías da información e do coñecemento.


FRANCISCO DÍAZ-FIERROS
Olladas críticas sobre a paisaxe
8 e 9 de maio

O concepto de paisaxe xorde da interpretación do contorno natural, rural ou urbano en clave cultural e implica non só o que vemos senón tamén o país que queremos. Neste foro de debate tentaremos definir de modo máis preciso esta importante noción, tratando os elementos esenciais da súa construción e valorando, para iso, tanto a nosa relación coa tradición e a memoria, como a nosa capacidade de proxección de cara ao futuro.


HENRIQUE MONTEAGUDO
Sociedades plurilingües:da identidade á diversidade
19 e 20 de xuño

O obxectivo do foro «Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade» é ofrecerse como ámbito de análise sobre a situación presente e as perspectivas de futuro do idioma galego, no marco dunha reflexión de horizonte alargado sobre as condicións da sustentabilidade da diversidade lingüística no mundo contemporáneo, e dun debate sobre as fórmulas de convivencia nas sociedades plurilingües. Por tanto, a problemática do galego será considerada, desde unha perspectiva ecolingüística, en varias dimensións: no escenario global da mundialización, no espazo europeo de diversidade lingüística, no marco do multilingüismo español, nas condicións concretas da sociedade galega e na perspectiva da súa relación especial co ámbito luso-brasileiro.


MARÍA LUÍSA SOBRINO
Creación artística e identidades culturais
18 e 19 de setembro

Este foro pretende estudar a situación da cultura contemporánea desde o punto de vista das artes visuais. A través da intervención de artistas, críticos/as, comisarios/as, xornalistas e directores/as de museos, trátase de ofrecer un panorama da relación que existe no presente entre a produción artística e a industria da cultura, así como unha análise da forma en que o contexto político, económico e social está a configurar as características de ambas as actividades nos últimos tempos.


IAGO SEARA
O valor crítico dos bens culturais
23 e 24 de outubro

Os bens culturais, memoria e identidade material e espiritual dos pobos, son referencia especial nas poéticas contemporáneas, máis alá da significación e presenza que tiveron en toda a historia da cultura, de xeito que o espazo e o tempo contemporáneo se encontren de forma pautada coa historia. A proposta do foro oriéntase na procura do concepto de conservación e reflexión crítica, conciencia da razón de ser dos bens culturais. A través de especialistas e de creadores/as, e sempre desde as prácticas da formulación e da conservación da poética e da creación, proporase unha serie de relatorios que introspectarán na busca dunha conciencia- -mentalidade, dun significado actualizado dos bens culturais e da súa conservación, xa que a conservación e a formulación dos bens culturais é, ante todo, «unha mentalidade» (F. Choay, Lallegorie du patrimonie).


RAMÓN MAIZ
Cultura e política: debates contemporáneos
1, 2 e 3 de decembro

Este foro abordará as diferentes dimensións do xiro culturalista que se produciu nos últimos 25 anos no ámbito tanto das ciencias sociais como da filosofía, e tamén nas demandas e movilización política e nas políticas públicas. O obxectivo será dar conta dos novos vieiros abertos, pero tamén dos seus límites, polos estudos culturais, pola socioloxía culturalista, polas análises culturais dos valores materialistas e posmaterialistas, as últimas manifestacións do xiro lingüístico e interpretativo e as políticas de recoñecemento multicultural, o federalismo multinacional e os retos das novas culturas do feminismo, a diferenza e a sustentabilidade.

SAÚDO DO PRESIDENTE



O ano 2008 sinala os primeiros 25 anos do Consello da Cultura Galega, institución emanada do Estatuto de autonomía e, polo tanto, inseparable na súa dinámica do marco institucional autonómico no que está inserido. Foi creado por lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo) para a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego e con recoñecida capacidade de iniciativa, investigación e organización.
O marco autonómico abriu un período de fondas transformacións, tamén en materia cultural, ás que o Consello contribuíu desde a súa función de alta asesoría dos poderes públicos e tamén desde a realización de diferentes actividades e iniciativas.

Redefinir o CCG

O camiño percorrido permítenos, ao abeiro desta conmemoración, fixar novos obxectivos, reflexionar sobre o papel da cultura e das institucións culturais e redefinir e ampliar a posición do Consello no marco institucional e no universo cultural de Galicia.
Pretendemos impulsar a análise e a avaliación da cultura e facela visible cara ao exterior, asumindo o peso da cultura na identidade galega.

Coa cultura local

Queremos situar o Consello como un referente da actividade cultural desenvolvida no ámbito asociativo local. Aspiramos a fortalecer a relación co complexo das industrias culturais e da comunicación.
Desexamos ser un lugar de encontro, reflexión e diálogo cultural como expresión da pluralidade, especialmente no contexto ibérico. A efeméride permitiranos avanzar nestes obxectivos a través de seis foros de debate abertos á análise e ao balance da cultura galega nestes 25 anos así como ás propostas de acción futura no escenario diverso, plural e global. Outras actividades, entre as que salientamos a celebración de actos institucionais de encontro con outras institucións galegas e de fóra de Galicia, completarán un programa de traballo deseñado para potenciar un obxectivo de futuro:

crear cultura, imaxinar país.

EXPOSICIÓN
Vinte e cinco anos de cultura galega

Este proxecto expositivo pretende dar a coñecer a importancia que para o desenvolvemento da cultura de Galicia tivo a consecución da autonomía en 1981. Observar como, a partir do autogoberno, se deseñaron, promoveron e construíron diferentes proxectos e traballos encamiñados a revalorizar o producido culturalmente no país, vinculándose, deste xeito, nos circuítos culturais europeos e fortalecéndose a construción dunha identidade cultural, significativa e diferenciada. Este esquema argumental realizarase mediante a exhibición de diferentes materiais creativos e divulgativos, exemplos do progreso cultural que aconteceu na nosa terra nos últimos vinte e cinco anos desde diversas disciplinas, áreas e campos de análise. A imaxe de Galicia como referente cultural no mundo, xeradora de ideas e proxectos e asimiladora de culturas.